Entradas

A escritora coruñesa Pilar Pallarés, galardoada co Premio Nacional de Poesía 2019

A galega Pilar Pallarés foi galardoada hoxe co Premio Nacional de Poesía 2019, por Tempo fósil, unha obra distinguida por transmitir “con profunda sabedoría e emoción” a experiencia da perda, segundo destacou o xurado.

Pilar Pallarés (Culleredo, A Coruña, 1957) é licenciada en Filoloxía Galega pola Universidade de Santiago de Compostela, traballa como profesora de literatura galega e colabora como articulista en diversos medios, como A Nosa Terra, El País ou Si scrive.

En 1979, o seu primeiro libro publicado, Entre lusco e fusco, gañou o premio Poesía Nova de O Facho, e, en 1983, a súa seguinte obra, Sétima soidade, gañou o Premio Esquío.

Posteriormente publicou, entre outros, os libros de poemas Livro das devoracións (1996), Poemas (2000), Leopardo son (2011), polo que recibiu o Premio da Asociación de Escritores en Lingua Galega, Amor en feminino: antoloxía das poetas galegas de Rosalía á Xeración dos 80, (2006), Baía Edicións. Edición de Maximino Cacheiro Varela.e Tempo fósil (2018), merecedor do Premio da Crítica 2018.

O premio, concedido polo Ministerio de Cultura e Deporte, está dotado con 20.000 euros.

O xurado distinguiu a obra de Pallarés por “transmitir con profunda sabedoría e emoción, a un tempo lúcida e desgarrada, a experiencia da perda e da destrución do vivido, do que nos configura, desde unha conciencia da paisaxe como un corpo vivo”.

O xurado estivo presidido por Carlos Alberdi Alonso, director do gabinete do ministro de Cultura e Deporte, e como vicepresidenta actuou Begoña Cerro Prada, subdirectora xeral de Promoción do Libro, a Lectura e as Letras Españolas.

 

Gonzalo Hermo gaña o Premio Nacional de Poesía Nova “Miguel Hernández”

Gonzalo Hermo (Rianxo, A Coruña, 1987) gañou hoxe o Premio Nacional de Poesía Nova “Miguel Hernández”, dotado con 20.000 euros, coa obra escrita en galego “Celebración” (Apiario, 2014) ao considerar o xurado que a súa linguaxe “arriscada e innovador” abre “novos camiños”.

O xurado do premio, que outorga o ministerio de Educación, Cultura e Deporte, valorou en Hermo a súa aposta por abrir novos camiños para a expresión poética “apuntando unha linguaxe arriscada e innovadora” cun libro que trata sobre a memoria e o esquecemento, “sobre a necesidade de construír sobre as ruínas, de romper o círculo e avanzar malia todo”.

Hermo, licenciado en Filoloxía Galega, empregado no Instituto da Lingua Galega e membro do colectivo de intervención sociocultural Redes Escarlata, publicou as súas primeiras obras en revistas como Dorna, Andar 21 ou Nova Ólisbos e, posteriormente, a colección de poemas “Escola do resentimento” na Revista das Letras do xornal Galicia Hoxe.

Logo editou o libro de poemas “Crac” (2011), co que gañou o premio de poesía do certamen Xuventude Crea, e “Celebración”, que mereceu o Premio da Crítica de Poesía en galego.

“Celebración” está editado dentro da colección “Cera labrada” da editorial coruñesa Apiario, dirixida polas tamén poetas Antía Otero e Dores Tembrás.

O xurado, presidido por Mónica Fernández, subdirectora xeral de Promoción do Libro, a Lectura e as Letras Españolas, estivo composto polos autores galardonados en 2015 e 2013, Carlos Loreiro e Unai Velasco; Juan Gil, Xosé Luís Regueira, Amaia Jaureguizar, Susanna Rafart, Xandru Fernández, Guadalupe Grande, Julia Barella, Juan Carlos Fernández Aganzo, Dídac Llorens e Ignacio Elguero.

Fonte: El Confidencial. Foto