Entradas

O 17 de novembro farase público o ditame dos Premios da Crítica

O ditame dos xurados desta 35ª edición dos Premios da Crítica Galicia será coñecido o sábado 17 de novembro de 2012 no decurso dunha cea que se celebrará en Vigo, no Hotel Os Escudos, a partir das 20:30 horas. A xunta directiva da Fundación Premios da Crítica Galicia nomeou as seguintes persoas como membros dos xurados de cada unha das modalidades:

Creación Literaria: Ana Romaní (escritora, gañadora da edición 2011 de Creación Literaria), Fina Casalderrey (escritora, Premio Nacional de Literatura Infantil), Olivia González (profesora da UDC, Sección de Crítica da AELG), Xavier Lama (escritor e xornalista), Isabel Mociño González (Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades, profesora da UDV), Luciano Rodríguez (profesora da UDC), e Blanca-Ana Roig Rechou (secretaría, Fundación Premios da Crítica Galicia).

Investigación: Jorge Mira Pérez (catedrático da UDS, gañador da edición 2011), Xosé Manuel Beiras Torrado (catedrático xubilado da UDS), María del Mar Lorenzo (profesora da UDS), José María Barja (catedrático e ex-reitor da UDC), Mercedes Brea (catedrática da UDS), Ricardo García Mira (profesor da UDC) e Ernesto Sánchez Pombo (secretaría, Fundación Premios da Crítica Galicia).

Música: Rodrigo Romaní (membro da Orquestra Son de Seu, gañador da edición 2011), Marión Sarmiento (voz do Taller Atlántico Contemporáneo), Javier Otero Neira (director do Conservatorio de Santiago), Abe Rábade (músico de jazz, pianista e compositor), Carlos Villanueva (catedratico da UDS), Maximino Zumalave (director de orquestra, pianista) e Anxo Tarrio Varela (secretaría, Fundación Premios da Critica Galicia).

Iniciativas Culturais: Xosé Manuel Rosales (arquitecto e profesor, membro do Proxecto Terra, gañador da edición 2011), Iago Martínez (xornalista), Anxos Sumai (escritora), María Xosé Porteiro (xornalista e escritora), Germam Ermida (xornalista), Carme Vidal (xornalista) e Xavier Senín (secretaría, Fundación Premios da Crítica Galicia).

Artes Plásticas e Visuais: Anxo Cabada (fotógrafo), Suso Cubeiro (ilustrador), Álvaro de la Vega (escultor), Iñaki Martínez Antelo (director do Marco), Asunta Rodríguez (galerista, directora da Galería Trinta), Teresa Táboas (arquitecta) e Charo Portela (secretaría, Fundación Premios da Crítica Galicia).

Artes Escénicas e Audiovisuais: Xesús Ron (actor e director, en representación de Chévere, gañador da edición 2011), Mariana Carballal (actriz, directora), Mamen Quintas (produtora, Ficción Producións), Miguel Anxo Fernández (crítico de cine), Gustavo Pernas (actor, director, Ancora Producións), Isabel Blanco (actriz, delegada AISGE en Galicia) e Inma López Silva (secretaría, Fundación Premios da Crítica Galicia).

Fonte: AGE

Foto: Jorge Mira no acto na edición dos Premios de 2011.

A Fundación Premios da Crítica celebra os 35 anos de cultura galega

Un xantar de irmandade na Bodega Martín Codax de Cambados reunirá o sábado 16 de xuño a  boa parte dos premiados pola Fundación no transcurso de 35 anos. Un encontro agarimoso de boa parte das figuras que axudaron a construír durante máis de tres décadas a cultura galega nos eidos da creacion literaria, a música, as artes plásticas ou
as artes escénicas e visuais.

Desde 1978

A entidade lembra que dende o ano 1978 e de forma ininterrompida, os Premios da Crítica Galicia viñeron  recoñecendo cada ano a excelencia e a relevancia dos labores individuais e colectivos máis destacados nos diversos ámbitos da creación cultural e da investigación en Galicia. Xerados dende a iniciativa da sociedade civil, anticipándose ao inicio da Autonomía, os Premios da Crítica Galicia -unha plataforma plural, independente e interxeracional- asumiron como o seu obxectivo sobranceiro o de tomar o pulso do latexo da nosa creación cultural. Un traballo en man común e en clave de país cuxa continuidade contribúe a acrisolar a tradición galega.

A Fundación Premios da Crítica Galicia recoñece a traxectoria da Bodega Martín Códax, a anfitrioa deste importante e único encontro da cultura galega contemporánea, como modelo de empresa social con raíces ben chantadas na terra e na lingua de noso, ao tempo que capaz de desenvolver un importante proxecto de internacionalización dun produto de calidade vencellado á cultura galega.

35 anos da cultura galega nun libro

Os Premios da Critica Galicia 2012 ditaminaranse o 20 de outubro na cidade de Vigo. A esta altura estanse formando os xurados de cada unha das categorías (Creación literaria, Investigación, Musica, Iniciativas Culturais, Artes Plásticas e Visuais e Artes Escénicas e Audiovisuais). Así mesmo, prepárase a edición dun libro, 35 anos de Cultura galega, e a celebración de sete mesas redondas en cada unha das cidades galegas nas que se pretende facer balance do estado de cada un dos ámbitos da creación cultural en Galicia nas tres útimas décadas.

Fonte: AGE

Foto: Cartaz utilizado nos Premios da Crítica 2011.