Entrega de premios e protestas nos Premios da Cultura Galega de 2012
Foi unha gala de variados sons e diferentes texturas. Dentro, voces poéticas e suaves sintonías. Fóra versos en pancartas e áspera estridencia. Na presentación do acto, moderno con aires vintage, nunha sala da Cidade da Cultura ataviada con altas torres de focos, grandes pantallas e proxeccións nas paredes, un vídeoclip utilizaba como fío conductor un dial analóxico de radio sintonizando diferentes imaxes de actuacións musicais, teatro, audiovisual e escenas culturais. Aínda que, realmente, o fío conductor foi a propia cultura, un fío moi presente dentro e fóra do Gaiás que serviu para que os propios protagonistas reivindicaran, unha vez máis e cada un á súa maneira, o propio feito cultural e a lingua galega ante o presidente da Xunta, o conselleiro do ramo e outras autoridades do Goberno autónomo.
Antes do comezo do acto, na rotonda acceso á CdC, baixo a choiva e ante un cordón policial, un nutrido grupo de traballadores das artes escénicas berraban un contundente ‘non’ ao desmantelamento do sector, e apupaban ás autoridades ao seu paso nos coches oficiais cara á gala de entrega de premios, nunha acción de visibilidade como as de días pasados contra a denunciada “paralización” do sector.
Dentro, a escritora Yolanda Castaño presentaba os Premios da Cultura Galega enlazando versos de egrexios poetas coas figuras dos galardoados. Chamaba, en primeiro lugar, a Manuel Quintana Martelo, premio na categoría de Artes Plásticas. O pintor salientou que a cultura fai a historia dos pobos, a nosa historia; recordou ao falecido Jorge Peteiro e dedicoulle o premio a súa nai, unha muller de 93 anos que entendeu que abandonara unha carreira “seria” para empuxalo ás belas artes.
O segundo galardoado foi a Asociación Internacional de Estudos Galegos, colectivo académico que naceu nos Estados Unidos en 1985 co obxectivo de poñer en común investigacións de estudosos da cultura galega de todo o mundo. Non recolleron o premio. Non asistiu ningún dos seus representantes.
A música foi homenaxeada na figura de Manuel Rodeiro, que despois de recoller o seu premio deu conta do reforzo do seu compromiso e da relación coa terra. Detrás de Rodeiro recolleron galardón os representantes da Fundación Eduardo Pondal, entidade recoñecida polas súas iniciativas en prol do Patrimonio cultural.
O Premio das Artes Escénicas recaeu no cadro artístico Airiños, que cumpre 80 anos no teatro, que naceu na parroquia rianxeira de Asados no ano 1933 da man dos curmáns de Castelao e arredor do Centro Galeguista, e que leva unha traxectoria admirable no espazo creativo en galego. Tampouco acodiron a recoller o premio.
Miguel Anxo Fernández, un todoterreo da escena galega que cre nun país de imaxes propias, case implorou que a crise faga unha excepción coa creación audivisual. Precisamente o seu labor nese ámbito foi recoñecido cunha das estatuíñas.
Finalmente, o presidente da Xunta entregoulle o último dos premios a Salvador García Bodaño, gañador na categoría das Letras. O poeta pronunciou un breve e sentido discurso en defensa da lingua galega, que “é patrimonio de todos, de todos cantos a aman”. E deixou a mensaxe, tamén sentida, de que cómpre un esforzo de consenso para que a lingua galega permaneza no século XXI e que se cumpra o soño dos nosos devanceiros. “Fagamos que sexa posible”.
No medio da gala, a soprano Laura Alonso e o pianista Javier Otero estrenaron unha fermosa canción, ‘Dous cantares’, de Fernando Bulide. Ambos artistas cerraron o acto co himno galego. Antes Núñez Feijóo pronunciou o último dos discursos, con Vicente Risco como referencia. Galicia non é un país pequeno. Galicia é un mundo. Cunha teima por ampliar e conquistar espazos. Cun expansionismo singular. E gracias á cultura, “que nos fixo fortes para afrontar os problemas”. A cultura, “un vencello co pasado e co futuro”.
E precisamente de futuro, e de presente, falaban os manifestantes da Plataforma de traballadores de artes escénicas que, fóra do Gaiás, se manifestaron para facérense visibles, que din vivir na incerteza porque o sector das artes está paralizado, e que se queixan de que non teñen interlocutor na Administración. O nutrido grupo de artistas concentrados denunciaban o desmantelamento do sector, e nesta ocasión reivindicaron a cultura de rúa precisamente aos pés da CdC, no mesmo lugar onde se entregaban os premios do 2012.
Houbo outra pincelada musical polo medio da gala. Foi a cargo do grupo Acadacanto, que regalaron a beleza do sinxelo co tema ‘Teu nome por mar e terra’. Delicioso. Tamén os compoñentes deste grupo aproveitaron o momento para lanzar un anceio “polo futuro do sector”.
Fonte: El Correo Gallego
Foto: Fernando Blanco