Entradas

Baía Edicións presenta OS COGOMELOS NA COCIÑA E OUTRAS COUSAS en Ferrol

Baía Edicións presenta na Galería Sargadelos de Ferrol (Rúa Rubalcava 30-32, esquina rúa María) o xoves día 27 de setembro, ás 19:30 horas a obra Os cogomelos na cociña e outras cousas, da autoría do escritor, profesor e presidente da Asociación Micolóxica Viriato, Xosé Manuel Fernández Costas (tamén coordinador da obra) e de Pedro Roca, recoñecido cociñeiro de fama internacional e actualmente xerente do Restaurante Pedro Roca en Compostela.

No acto, ademais dos autores, intervirán Francisco Bernabeu, autor dalgunha das receitas propostas na obra e recoñecido micólogo en Ferrolterra, e Belén López Vázquez, directora editorial de Baía Edicións, que se encargarán de facer un achegamento crítico a esta libro que abarca o gastronómico e a divulgación natural.

Breve comentario sobre a obra:

Os cogomelos na cociña e outras cousas é unha singular achega á literatura gastronómica. Atopamos pratos que podemos encadrar na ‘nova cociña’ e outros que adaptan receitas tradicionais, convertendo os cogomelos no ingrediente principal ou no substituto dos produtos empregados habitualmente, tratándose tanto unhas como outras de composicións innovadoras.

Valorando a importancia do coñecemento do que a natureza pon nas nosas mans, a súa utilización para fins gastronómicos e o papel da conservación, a obra está concibida en tres partes:

Na primeira, Na cociña cós cogomelos, preséntase un pequeno mostrario dos cogomelos máis apreciados na cociña e unhas notas sobre conservación e precaucións básicas a ter en conta cando estes se recollen para comer.

Na segunda, Receitas, propóñense diversas preparacións do cociñeiro Pedro Roca, un dos maiores e mellores divulgadores da excelencia dos cogomelos na cociña, e de Paco Bernabeu, Manolo Costas, Quico Fraguela, José Andrés Moure e Andrés Roca.

Na terceira, Da nosa Asociación, faise un repaso das actividades da Asociación Micolóxica Viriato nos seus trinta anos de andaina.

Viriato celebra o trinta aniversario cun libro sobre cogomelos na cociña