Entradas

Queremos Galego chama a se mobilizar pola lingua

Os datos sobre o emprego da nosa lingua que publicou recentemente o Instituto Galego de Estatística están detrás da nova convocatoria de Queremos Galego. A plataforma en defensa do idioma convocaba esta mañá a unha grande mobilización o vindeiro 8 de febreiro en Compostela para protestar contra o que consideran “o quinquenio negro para a lingua galega” e do que responsabilizan o actual goberno da Xunta. Segundo denuncia este colectivo, “a política da actual Xunta de Galiza con respecto á lingua galega agravou máis esta situación ao incidir nos prexuízos que xa sofría o galego e ao iniciar uns retrocesos sen precedentes na etapa democrática”.

De xeito previo á manifestación, as máis de 600 entidades que participan en Queremos Galego desenvolverán diferentes actividades informativas e de dinamización a nivel local. O lema da mobiliación seleccionarase entre as propostas que lle envíe a xente á plataforma.

Fonte: Culturagalega

Miles de manifestantes en Santiago en defensa da “lingua que nos une”

Miles de cidadáns acodiron este domingo á chamada da plataforma Queremos Galego a manifestarse en Santiago en defensa do galego baixo o lema ‘Pola lingua que nos une. Queremos galego na escola’. A plataforma, impulsada e coordinada pola Mesa pola Normalización Lingüística e conformada por máis de 700 entidades, pide a derrogación do coñecido como decreto do plurilingüismo e a retirada do proxecto da LOMCE, que os detractores denominan “lei da Wertgoña”.

A manifestación, para a que a organización fletou autobuses desde localidades das diversas bisbarras de Galicia, empezou con case media hora de retraso sobre o horario previsto, as 12:00 horas. A protesta é apoiada por líderes dos partidos da oposición, PSdeG, Alternativa Galega de Esquerdas (AGE) e Bloque. Participaron na manifestactón os socialistas Pachi Vázquez, Xoán Caamaño, Carmen Gallego, Méndez Romeu, Sánchez Presedo ou Carlos Fernández; Xosé Manuel Beiras e Yolanda Díaz, de Alternativa, e os nacionalistas do BNG Francisco Jorquera, Guillerme Vázquez, Carlos Aymerich ou Bieito Lobeira.

Ao remate do acto, os milleiros de manifestantes encheron a praza da Quintana, na que non houbo palco de oradores como noutras ocasións, debido, segundo a plataforma, a que o Concello pediu 600 euros. Esta actitude das autoridades municipais foi criticada e interpretada como a vontade de impedir a protesta. Os responsables afirmaron que denunciarán os feitos ante os tribunais. O palco, nesta ocasión, substituíuse por unha pequena carpa no alto das escaleiras da praza da Quintana, a carón da casa da parra.

O acto finalizou co himno galego e os líderes recordaron que é a primeira manifestación en defensa do galego que se celebra sen a presencia do histórico Avelino Pousa Antelo.

A OPOSICIÓN, CONTRA A POLÍTICA LINGÜÍSTICA DA XUNTA

Toda a oposición galega rexeitou as medidas de Feijóo en materia lingüística e esixiu a derrogación do “decretazo”.

PACHI VÁZQUEZ

En declaracións aos medios de comunicación, segundo informa Europa Press, momentos antes da marcha, o secretario xeral dos socialistas galegos, Pachi Vázquez, considerou “incrible” que os galegos “teñan que estar loitado contra un goberno que debería ser o encargado de defender” o idioma galego. Considerou que a pesar das sentenzas do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) que anulan parte de dous artigos do chamado decreto do plurilingüísmo, “segue habendo unha persecución por parte do Goberno” á lingua galega.

JORQUERA

O portavoz do BNG na Cámara galega, Francisco Jorquera, criticou que a Xunta se empeñe en seguir aplicando” este decreto que “condena ao galego á marxinalidade no ensino” pese “á opinión contraria de toda a comunidade educativa e da cidadanía”.

Respecto diso, Pachi Vázquez pediu ao Executivo de Núñez Feijóo que “deixe de usar a lingua galega como unha ferramenta de confrontación política” e avogou por “buscar de novo consensos” a través da lingua como elemento que “debe de unir”.

BEIRAS

o portavoz parlamentario de Alternativa Galega de Esquerda, Xosé Manuel Beiras, cualificou aos gobernantes do Partido Popular de “nazinecios” que “cren que toda a produción da cultura galega desde fai máis de mil anos é unha arte dexeneradora”.

Neste sentido, para Xosé Manuel Beiras, o Partido Popular de Galicia ten o “problema dos colonizados” que, como indicou, maniféstase no “autoodio e o desprezo aos valores do seu pobo”.

“Eles non forman parte deste pobo, son unha excrecencia que parasita as enerxías deste pobo”, reprochou Beiras para indicar que “é a cidadanía quen está a sacar adiante a este país mentres eles ponlles o freo”.

Así mesmo, augurou que “terán o seu castigo moi pronto” pois “non hai quen poida pelexar contra un pobo en pé permanentemente”, polo que considerou que o PP “está condenado ao fracaso, como fracasan as súas políticas antisociais e os seus auténticos crimes contra a cidadanía”.

Na manifestación, Beiras estivo acompañado pola viceportavoz parlamentaria de AGE, Yolanda Díaz, e diversos deputados como Antón Sánchez ou Xabier Ron.

Xunto a iso, o portavoz parlamentario do BNG, Francisco Jorquera, considerou que “a principal demostración da actitude con respecto ao idioma de Feijóo” está en “o proxecto de orzamentos da Xunta que estes días se debate no Parlamento”.

“Nel, os recursos para as políticas de impulso do galego e de normalización lingüística redúcense a unha cantidade que equivale a un terzo do que se asignaba hai 20 anos cando o presidente da Xunta era Manuel Fraga”, criticou.

Ante estas cuestións, Jorquera censurou que “a actitude lingüicida de Feijóo” correspóndese “coa súa política de destrución da cultura galega” e “o tecido produtivo do país”. Ademais de Jorquera, á marcha acudiron numerosos dirixentes do BNG, como o portavoz nacional Guillerme Vázquez, ou as deputadas Ana Pontón, Montse Prado e Carme Adán.

Fonte: GaliciaHoxe

Foto: J. Seoane. Galicia Hoxe

A manifestación de Queremos Galego atopa trabas cos permisos municipais

O Concello de Santiago solicitoulle á plataforma Queremos Galego unha fianza de 600 euros para instalar un palco no que rematar a manifestación que convocou para o vindeiro domingo. Desde a plataforma recorreron esta solicitude nos tribunais considerando que é excesiva para unha entidade sen ánimo de lucro e denunciou que o concello ameazou con suspender a manifestación no caso de instalaren a plataforma sen pagar a fianza previa. Queremos Galego mantén a convocatoria que solicita a derrogación do Decreto para o Plurilingüismo no ensino para o vindeiro domingo ás 12 na capital galega.

Fonte: Culturagalega

Queremos Galego anuncia novas mobilizacións

A raíz das recentes sentencias do Tribunal Superior de Xustiza sobre o Decreto para Plurilingüismo, a plataforma Queremos Galego anunciou un novo calendario de mobilizacións. Segundo anunciaban esta mañá representantes do colectivo, unha recollida de sinaturas solicitará apoio a un manifesto que solicita a derrogación inmediata do texto. Ademais, reclámase a implantación dunha nova norma que garanta a presenza do galego en educación infantil e unha presenza mínima do 50% a partir dese ciclo, tal e como prevé o Plan Xeral de Normalización Lingüística.

Para o vindeiro 12 de decembro ás 12 da mañá, a plataforma convoca a unha concentración diante da sede da Xunta de Galicia e para o vindeiro 27 de xaneiro chama a unha manifestación en Compostela.

Fonte: Culturagalega

O alumnado galego parará mañá as clases para defender o idioma

O alumnado galego parará a actividade este xoves. Aulas baleiras e concentracións en todas as cidades galegas é o que propoñen diversas organizacións de estudantes para mostrar o seu rexeitamento contra as políticas da Xunta no relativo ao idioma. “En tres anos do Goberno de Alberto Núñez Feijóo non se fixo nada positivo pola lingua”, asegura en declaracións a DIOIVO a  responsable de lingua en Mocidade Nacionalista Galega (MNG), María do Mar Lopes González.

Este parón, apoiado pola Mocidade Nacionalista Galega, a Mesa pola Normalización Lingüística, a Liga Estudantil Galega, os Comités e o Sindicato de Estudantes coincide co terceiro aniversario da chegada do presidente Feijóo á Xunta e afectará aos alumnos do segundo ciclo da ESO, aos ciclos formativos e as ensinanzas artísticas. Ademais, as organizacións apuntan que simultaneamente se producirán concentracións en todas as cidades galegas.

“O mal chamado decreto plurilingüe” continua a ser o maior foco de descontento, segundo apuntan desde MNG. “A situación do galego é nefasta”, explica Lopes, pois a aplicación desta medida produciu unha “redución do galego nas aulas” nos dous últimos anos, chegado ao caso de que en moitos colexios, “menos do 20% das horas lectivas son en lingua galega”.

Deste xeito, a organización denuncia que esta norma emprega á lingua inglesa coma “coartada” para suprimir o idioma propio do ensino. Ademais, engaden, “Galiza é actualmente o único territorio do estado español con lingua propia que ten prohibido por lei impartir determinadas materias de ciencias en galego no seu sistema educativo”, sinalan destacando que Matemáticas, Física e Química e Tecnoloxía deben ser impartidas obrigatoriamente en castelán”.

Esta protesta servirá para quentar motores de cara á manifestación que prepara a plataforma Queremos Galego con motivo do Día das Letras, segundo explica María do Mar Lopes, e que espera “recuperar” a mobilización cidadá despois de que o ano pasado non se celebrara por mor das eleccións municipais.

Foto: El País

Fonte: Dioivo