A Xunta de Galicia declarou o venres deserto o concurso públicos de outorgamento de licenzas para a prestación do servizo de comunicación radiofónica. A autonomía basea a súa resolución nas incompatibilidades derivadas da nova lexislación audiovisual estatal.
O executivo galego toma esta decisión tras a entrada en vigor, o día 3 de abril, do Decreto 102/2012, de 29 de marzo, polo que se desenvolve o servizo de comunicación audiovisual radiofónica no ámbito da Comunidade galega.
Segundo o bufete especializado Díez e Romero esta normativa prevé a posibilidade de declarar deserto os procedementos para o outorgamento de licenzas que se atopen en tramitación, no caso de existir incompatibilidade entre o réxime previsto nas bases da convocatoria e o réxime previsto no mesmo decreto.
O Consello da Xunta argumenta que decidiu declarar deserto este concurso para evitar unha posible situación de inseguridade xurídica, fundamentándose nunha serie de incompatibilidades entre as bases de devandito concurso e o decreto de comunicación audiovisual radiofónica.
Neste sentido, en primeiro lugar tivo en conta o criterio do ditame emitido no seu día polo Consello Consultivo de Galicia sobre o mencionado decreto, que consideraba que a denominación “emisoras de carácter comercial” non é correcta, dado que impedía concorrer a aquelas entidades que non tivesen ese carácter. Un aspecto que foi criticado por emisoras cidadás, como CUAC FM na Coruña.
Con esta normativa entidades sen ánimo de lucro ou universidades públicas tiñan vedada a súa participación. CUAC FM denunciou ademais que o concurso adxudicaría unha frecuencia moi similar a súa.
Entre outras incompatibilidades, a Xunta tivo en conta que, mentres que as bases do concurso limitaban a prestación de servizos a tecnoloxía analóxica, o decreto abre a posibilidade de usar calquera tipo de tecnoloxía, ben de tipo dixital ou doutra natureza.
Ademais, a fusión de televisión e radio a través da Rede, así como coas novas aplicacións na radiodifusión esixe unha regulación que non contiñan as bases do concurso.
O presidente da Xunta comprometeu que nos próximos meses haberá unha nova convocatoria. Está por ver se desta vez hai un oco para as emisoras non comerciais.
Fonte: Galicia Confidencial