Entradas

O compromiso de Baía Edicións coa Natureza I. Guías Natureza

Co gallo da presentación na Feira do Libro da Coruña do último título da colección Baía Verde, A horta sen químicos, de Xan Pouliquen, e xa van 26!,  veume á memoria o traballo de compromiso co noso medio natural que levamos facendo desde a creación do proxecto editorial que representa Baía Edicións.

Sei que se pode pensar que «non temos avoa», o que, por outra parte, é certo, polo que me atrevo sen ningunha falsa modestia a facer este recordatorio do noso traballo divulgativo.

Hai 25 anos saíu ao mercado a Guía de aves de Galicia,  de Xosé M. Penas Patiño, Carlos Pedreira López e de Calros Silvar, autor das súas ilustracións. Esta guía viviu  algunha reimpresión e unha nova edición moi mellorada e actualizada no ano 2004 e supuxo nos anos 90 un punto de partida na aventura de divulgación do noso medio natural, algo case insólito no seu momento. A esta seguiron outras de non menos importancia e impacto, como as referidas ás  árbores, macroalgas, liques, anfibios e réptiles, orquídeas, cogomelos, mamíferos, fentos, microorganismos das nosas augas continentais e libélulas, todas elas eminentemente descritivas das especies galegas na procura de dar a coñecer a nosa riqueza natural, sempre seguindo dúas máximas: unha do saber popular “só se valora e se pode conservar aquilo que se coñece” e outra do noso gran fabulador Álvaro Cunqueiro, […] dicir rula e abidueira e dorna e fonte […] fanme dono da rula e da abidueira e da dorna e da fonte[…]para indicar que só existe e posuímos aquilo que ten un nome, aquilo que coñecemos, nun afán á vez normalizador do noso idioma. Penso, se non fora porque a situación económica nos obrigou a facer un alto neste fermoso proxecto, que se convertería no mellor catálogo de especies galegas, non apoiado pola Consellaría que debería encargarse desta tarefa. Polo medio, varias referidas a espazos naturais.

Non recibimos case axudas para este grandioso proxecto, mai si numerosos recoñecementos, como o da Asociación Galega de Editores en 2010 á Guía dos Mamíferos de Galicia ao mellor libro ilustrado e o que quero destacar e agradecer de forma especial da Federación de Libreiros de Galicia en forma  de Premio á Obra Editorial nos XXIII Premios “Irmandade do Libro” do ano 2012; grazas amigas e amigos por serdes conscientes do esforzo e traballo que fixemos.  Mentres, as obras cítanse en varias universidades europeas e algunhas están traducidas e adaptadas a outras linguas…

En fin, recoñecemento popular, recoñecemento científico e cultural, pero esquecemento por parte da Administración a un traballo que pon en valor de forma divulgativa e rigorosa aspectos da noso medio natural coa finalidade de ir construíndo, digamos, “artigos” da enciclopedia da natureza galega.

O COAG pretende que a sociedade aprenda a respectar os territorios

A xente debe ter unha maior capacidade para entender o territorio, xa que coñecer é o primeiro paso para a súa conservación”, así o afirmou o decano do Colexio de Arquitectos de Galicia (COAG), Jorge Duarte, no acto de presentación do proxecto “ambicioso” Xentes, espazos e lugares.

O seu obxectivo principal é ofrecer unha visión completa dos lugares, da man non só de arquitectos, senón de todos aqueles que teñan algo que dicir sobre a complexidade de habitar no noso país.

Nace a raíz do proxecto Terra, que leva máis de dez anos de divulgación na educación primaria e secundaria, e pretende ser un proxecto con certa continuidade, que logre a implicación da sociedade en conceptos relacionados con urbanismo e arquitectura.

Fonte: El Correo Gallego

Foto: F. Blanco. No centro, Jorge Duarte, decano do COAG, na presentación do proxecto.