Entradas

XORNADA SOBRE A FIGURA DE MANUEL LUGRÍS FREIRE

Este xoves 13 de febreiro na Capela de San Roque ás 20:30 terá lugar a XORNADA SOBRE A FIGURA DE MANUEL LUGRÍS FREIRE.

Unha charla coloquio na que participará Xosé Manuel Fernández Costas (Lugrís, un home comprometido co seu tempo e coa súa terra) e Manuel Pérez Lorenzo (Lugrís e Sada, unha relación vital).

No ensaio Manuel Lugrís Freire. A fe na causa, Xosé Manuel Fernández Costas destaca a súa figura como precursor en moitos aspectos: foi o primeiro que fixo unha peza de teatro galego en prosa, como autor dramático xogou un papel clave na creación dun teatro nacional galego, foi o primeiro tamén en empregar o galego en actos públicos, participou na creación de organizacións políticas e sociais que o levaron a colaborar na redacción do Estatuto e ser elixido presidente da Real Academia Galega, entre outros feitos vitais destacados.

A representación da muller na creación

As compañeiras de “Xuntanza de escritoras” puxeron sobre a mesa temas coma o rol da muller na educación superior, a ciencia na literatura ou a escritura en galego. Abro con este artigo unha serie de textos sobre a representación da muller na creación (literatura, cinema, artes plásticas) coa idea de que debatamos sobre as dificultades da construción de personaxes femininos.

Non só para os escritores homes é unha ardua tarefa crear personaxes femininos, tamén é compricado para as escritoras. A exclusión da muller do poder, levou a que o imaxinario colectivo sexa masculino. Os grandes mitos, as grandes historias teñen nome de home, polo momento. Ao pensar nun arquetipo da ambición vén a nós, Fausto. Da vinganza, Edmundo Dantès. Da tolemia, o Quixote. E nesta conta podemos pasar horas e horas aparecendo só mulleres como protagonistas de obras sobre a maternidade ou a infidelidade.

Outra traba, sobre todo, cando construímos persoaxes non contemporáneos é a pouca información que hai da historia feminina. Por iso, propoño que fagamos un repaso das mulleres protagonistas da historia, a literatura, o cine ou o imaxinario galego e mundial nomeando os arquetipos femininos que poden axudarnos a crear persoaxes femininos tipo.

Considero que este é un traballo preciso para conseguir unha representación real da muller no pensamento. E non caer no erro de calcar arquetipos masculinos e “feminizalos”, recurso moi usado no cinema. Temos historias, creacións e mitos dabondo ao redor da muller, proba diso é o ensaio Tres mulleres galegas de armas tomar de Guillermina Domínguez e Felicia Estévez.

Texto: Teresa Barberena

Presentación de ‘Tres mulleres galegas de armas tomar: María Balteira, María Castaña e María Soliña’

O Observatorio da Mariña pola Igualdade organiza mañá martes 24 de abril ás 20:00 horas a presentación do libro Tres mulleres galegas de armas tomar: María Balteira, María Castaña e María Soliña (Baía Edicións, 2009), de Guillermina Domínguez e Felicia Estévez, profesoras no ensino secundario de historia e lingua respectivamente, que terá lugar na Casa das Letras /Gráficas Santiago de Ribadeo (R/ Rodríguez Murias, 8).

As autoras, profesoras historia e lingua, respectivamente, no ensino secundario, farán unha reflexión sobre a historia das mulleres en Galiza, o oculta que aínda permanece moitas veces e a pouca visibilidade que se lle dá, salvo excepcións, aínda hoxe nos libros de texto de secundaria.

Extracto da introdución do libro:

Este libro é unha escolma das tres marías, máis antigas, precedentes de tantas e tantas mulleres loitadoras: María Castaña, María Soliña e María Balteira.
Esta é unha nova historia coas poucas fontes e referencias que delas hai, os moitos rumores que tamén corren ao falar delas e as ganas de facer algo que chegue ás rúas, ás escolas, ás novas xeracións de rapazas e rapaces que teñen que seguir a construír un mundo en que mulleres e homes sigan facendo del un lugar máis habitable no sentido máis humano e xusto da expresión.
Así a nosa pretensión sinxela é contar parte do seu devagar pola vida, cos atrancos que supuxo vivir no Betanzos do século XIII, no Lugo do século XIV e na Cangas do Morrazo do XVII, engadíndolle o feito de seren mulleres nun mundo de homes.
Non se pretende facer historia “compensatoria” falando destas tres mulleres concretas, senón de reivindicar a visibilidade das mulleres no devir histórico ao igual que aquilo de que “o pobo que non coñece a súa historia está condenada a repetilo”. E isto poderiamos estendelo á historia social, á historia das mulleres como parte integrante dunha sociedade que, por diversos motivos, as silenciou. Reivindicar as súas vidas, fazañas e movementos nas diferentes etapas da Historia, fará que as mulleres contemporáneas teñan referentes máis que suficientes para seguir cara ao camiño da igualdade como cidadás de pleno dereito.