12 razóns laborais para seguirmos reivindicando o 8 de marzo un ano máis
- As mulleres somos o grupo con máis traballo a tempo parcial, con moita diferenza sobre outros colectivos.
Esa diferenza relaciónase coa necesidade de conciliación das actividades domésticas e de coidado.
- As grandes diferenzas de xénero entre traballo formal e xeral.
As mulleres traballamos menos horas no ámbito formal que os homes, é dicir, remunerado, aínda que, en realidade, gastamos máis tempo que eles en traballo que non é ocio.
Os labores de coidado e de fogar ocupan moito máis tempo a mulleres que a homes e non están remuneradas.
- Acoso no traballo.
Nos homes, o acoso laboral vai diminuíndo co nivel de estudos; no caso das mulleres, non hai relación e mantense con independencia dos traballos e formación.
- A brecha de actividade remunerada entre mulleres e homes aumenta na etapa da maternidade.
A partir dos 44 anos, a diferenza de ocupación formal acada o 25 %.
- A muller lidera o desemprego co 20,25 %, segundo os últimos datos, fronte ao 17,22 % dos homes.
- A presenza parlamentaria feminina acada só o 22 %; en consecuencia, a capacidade nas tomas de decisións políticas só representa unha cuarta parte.
- As mulleres desempeñamos maioritariamente ocupacións relacionadas cos roles de xénero.
O 80 % das persoas empregadas domésticas son mulleres.
- Mantense tamén a brecha salarial (no Estado español, os homes cobran ao ano unha media de 6.000 € máis que as mulleres).
Isto tamén se relaciona coa diferenza no acceso a postos de responsabilidade (un 24 % menos).
- O 15,2 % das mulleres cobra o salario mínimo, fronte ao 5,6 % dos homes.
- O risco de pobreza é maior en mulleres.
- O colectivo de mulleres entre 16 e 29 anos son o grupo con maior risco de pobreza.
- A maternidade expúlsanos do sistema de emprego remunerado.
O 38,2 % das traballadoras deixa o traballo coa maternidade fronte ao 7,4 % dos traballadores.
As traballadoras de Baía Edicións secundamos a folga de mulleres e seguirémolo facendo até que deixemos de ser a gran masa de traballo non remunerado. Por iso, o 8 de marzo non verás actualizacións na información das nosas redes de comunicación.