Entradas

Paseo marítimo, aves… e contaminación

A Ría do Burgo (A Coruña) foise convertendo nos últimos anos nun importante enclave para a observación das aves: ao seu abeiro acode un numeroso e variado continxente de invernantes e especies migratorias en paso, entre as que destacan, por cantidade e variedade, as limícolas e mais as gaivotas.

Especialmente na parte interna, ao longo do paseo marítimo de Culleredo, dende Fonteculler ao Burgo é doado observar nos bancos de area, canda a marea baixa, ou na pequena marisma de Acea de Ama: Gabita (Haematopus ostralegus), diversas especies de limícolas (Pilros e Pilriños, Píllaras, Mazaricos e Biluricos), ardeidas como a Garza real (Ardea cinerea), a Garzota (Egretta garcetta), a Garza mediana (Bubulcus ibis), mesmo Cullereiros (Platalea leucorodia) e unha boa variedade de anátidas (parrulos, patos, gansos), mergullóns e gaivotas, que ás veces agasallan con rarezas chegadas da outra banda do Atlántico, como a Gaivota de Delaware (Larus delawarensis), por deitar un exemplo, ou do Norte Europeo.

O Picapeixe (Alcedo athis) e o Corvo mariño real (Phalacrocorax carbo) son outros dos habituais que os observadores de aves, cada vez mais frecuentes entre os paseantes, poden anotar nos seus cadernos de campo.

Porén, non é ouro todo canto reloce e o paseo marítimo e mais a riqueza ornitolóxica, non poden ocultar que, a Ría do Burgo, arrastra de vello moitos e serios problemas: contaminación difusa por deficiencia de saneamento, episodios puntuais de vertidos de índole diversa ou o marisqueo furtivo, fan que o estado ambiental da ría non sexa o desexábel, e iso a pesar da presión social e mais das autoridades da Unión Europea, que xa puxeron data límite ao proceso de saneamento das rías galegas.

A pesares de todo as distintas administracións (Concellos, Xunta, Estado) parecen non poñerse de acordo para acometer de vez a tarefa da rexeneración da ría, que permitiría non só mellorar a calidade ambiental do contorno, cousa importante de seu, senón tamén e de rebote, a explotación racional duns recursos (marisqueo, turismo e de lecer) susceptíbeis de  reactivaren a economía local, tema nada fútil nos tempos que corren. Mais recortes mandan, xa saben.

A Plataforma para a Defensa da Ría do Burgo leva anos na leria: reclamando a atención das autoridades, o seu entendemento e coordinación para achegaren solucións a tanto abandono.

A última, que non ha ser por desgraza a derradeira, nestes días, que reclaman a inclusión dunha partida presupostaria de 2 millóns de €, cando menos, nos Orzamentos Xerais do Estado. O seu destino: o saneamento e rexeneración integral da zona, pois nada se consigna no Proxecto de Lei correspondente, nin para 2012 nin nos anos sucesivos, e isto a pesares das boas palabras, esperanzadoras e confiadas na axuda do “goberno amigo”, de certos alcaldes e mais Goberno autónomo.

Ao efecto andan a recoller sinaturas das cidadás e cidadáns que teñan a ben apoialos, así que xa saben, anímense, causas hainas, pero se cadra nin tan boas nin tan xustas… ou que lles collan tan de perto.

Plataforma para a Defensa da Ría do Burgo

Texto: Calros Silvar