Fantástica tarde-noite en #Pardiñas na presentación de Ferreñas e Rock and Roll
Fantástica tarde-noite en #Pardiñas, por xentileza da veciñanza de Pardiñas e da Asociación Cultural #Xermolos, que levan anos amosando unha tenacidade e amor á nosa terra e artistas locais, que xa quererían para si moitos outros colectivos, co Festival de Pardiñas como evento máis visible e coñecido, pero que non é o único.
Pasada a corentena do festival, nesta LXI edición semella que a pandemia mundial lanzaba outro reto a estas activistas da cultura, mulleres e e homes bravos que non descartaron a súa celebración, aínda que algo cambiada.
Ademais doutras actividades ao longo do mes, o sábado 29 xuntaron na súa #CasadasArtes a #Ramón Vilar, “O Canteiro de Pardiñas”, quen nos falou do seu proceso creativo, a #SitoCarracedo quen converteu a presentación do libro “Palleta maldita” nun auténtico seminario sobre o seu traballo de lutier (a min sorprendeume a explicación da transformación dunha pequena castaloña) e a escola na que está formando a outras veciñas e veciños, e Laura Romero e Iria Pedreira, que, acompañadas por Mónica e Belén, falaron do proceso creativo e de investigación que levou á publicación de “Ferreñas e Rock&Roll”, libro que recupera a memoria das nosas músicas galegas pioneiras.
Mais como Festival que é, o día rematou coa música de MJPérez, que nos fixo esquecer a friaxe da noite malia ter que permanecer sentadas.
Como se indica na parada do autobús que hai á entrada, Pardiñas facendo Historia… non hai pandemia que poida co tesón e ganas de celebrármonos.
Parabéns e grazas por converter a vosa #CasadasArtes nunha casa para compartir; sabemos das dificultades para mantela, pero despois da fermosa exposición que tedes, non temos dúbida de que seguirá en pé e mellorando.
Laura Romero foi protagonista total desta edición do festival, participando no deseño do cartel, das camisetas, na presentación de Ferreñas e finalmente tocado o baixo con MJPérez.