Entradas

As ONG galegas rebélanse contra os recortes sociais

Coordinadora Galega de ONGD e a Rede Social Galicia Sur organizaron este mércores, 17 de outubro, unha concentración na praza do Sol de Vigo coincidindo co día mundial pola erradicación da pobreza. As plataformas denunciaron que “os recortes nas políticas sociais aprobados polos distintos gobernos aumentan o risco de exclusión social e pobreza, aquí e no resto do planeta”.

A Rede Social Galicia Sur (RSGS), aglutina 12 ONG e colectivos locais, e a Coordinadora Galega de ONGD integra a 47 ONG de Desenvolvemento. Ambas as dúas plataformas fixeron un chamamento á cidadanía galega para que “se mobilice contra os recortes que están a sufrir as políticas sociais: educación, sanidade, igualdade, dependencia e tamén cooperación ao desenvolvemento”.

“Hoxe, estes recortes están a empeorar as condicións de vida da sociedade galega e tamén a dos países do Sur”, advirten as ONG.

Máis de medio millón de galegos en risco de exclusión social e pobreza

Neste ano 2012, máis de medio millón de persoas en Galicia está en risco de exclusión social e pobreza, segundo os datos aportados polas plataformas de ONG. Os datos tamén sinalan que no Estado son 12 millóns de persoas —case un 27% da poboación— a que padecen esta situación.  No mundo, 1.000 millóns de persoas (1 de cada 6) seguen a sufrir fame e 1.300 millóns de persoas viven na pobreza extrema.

As entidades sociais reclaman “un sistema que garanta o dereito ás persoas de todo o mundo a ter un nivel de benestar mínimo, de acordo coa dignidade humana, e un sistema que promova a igualdade, a solidariedade, a sostenibilidade e os dereitos sociais, económicos e de desenvolvemento de todas as persoas que habitan o planeta”.

Por estes motivos, esixen:

  • Políticas públicas que defendan os dereitos humanos por riba dos intereses dos mercados e comprometidas na loita contra a pobreza.
  • Compromisos orzamentarios concretos para acadar, de forma progresiva, unha dedicación do 0,7% do orzamento consolidado da Xunta a cooperación ao desenvolvemento. De igual modo, compromisos que garantan que ao menos o 30% do PIB se destinará a inversión social (sanidade, educación, dependencia, protección social) igualando a media do resto de países europeos.
  • Que os recursos públicos se obteñan dun sistema fiscal progresivo e xusto que grave máis ás persoas que máis teñen e garanta políticas de redistribución.
  • A regulación verdadeira do mercado financeiro e a cancelación da débeda externa ilexítima. Tamén a creación dun imposto sobre as transaccións financeiras internacionais, a eliminación dos paraísos fiscais e a persecución da evasión fiscal, todas, medidas encamiñadas a garantir fondos para políticas sociais e medioambientais, controlar ás institucións e regular os mercados que causaron a crise.

Fonte.  Galicia Confidencial