Entradas

Acto poético-musical sobre a exposición de Xabier Correa Corredoira ‘Os días pintados’

No marco da exposición retrospectiva da pintura de Xabier Correa Corredoira, Os días pintados, organizada pola Fundación Luís Seoane, e que permanecerá aberta nas súas salas até o 21de maio de 2017, co obxectivo primordial de mostrar por vez primeira a súa produción pictórica, integrada por preto dun centenar de obras, e de poñer en valor a figura e obra dun artista fundamental para comprendermos o desenvolvemento da cultura e da arte en Galicia e, máis concretamente, na súa cidade natal, o vindeiro venres 31 de marzo, a partir das 19:30 horas, terá lugar un acto poético-musical.

O acto, presentado pola poetisa Yolanda Castaño, dará paso á actuación do grupo Uka Maial Banda (grupo do concello de Oza-Cesuras, composto por percusión, baixo, guitarra e saxo), que musicará poemas dos libros de Correa Corredoira, Resina de poliéster (Baía Edicións) e Os días adiados (Espiral Maior), e será pechado polo propio autor, que recitará un dos seus poemas a xeito de colofón.

A Librería Couceiro da Praza do Libro, será a encargada da exposición da obra literaria de Correa Corredoira: Pintor por Italia, Rubaiyat e Resina de poliéster (Baía Edicións) e Os días adiados.

Xabier Correa Corredoira expón nunha sala da Fundación Seoane parte das súas obras

A Fundación Luís Seoane inaugura a exposición Correa Corredoira. Os días pintados o próximo venres 27 de xaneiro ás 20:00 h. Autor de Pintor por Italia, Resina de poliéster e Rubaiyat  (Omar Khayyam, versión de Correa Corredoira).

A pintura de Xabier Correa Corredoira (A Coruña, 1952) protagoniza a primeira gran exposición de 2017 na Fundación Luis Seoane a través dunha retrospectiva que, por vez primeira, abrangue a súa produción pictórica, o que permitirá amosar ao público preto dun centenar de obras dun artista fundamental para comprender o desenvolvemento da cultura e da arte en Galicia e, máis concretamente, na súa cidade natal.

O título da exposición, Correa Corredoira. Os días pintados, contén unha dobre referencia: por un lado, destaca o carácter autobiográfico da obra do artista, a través da que é posible rastrexar os acontecementos chave na súa vida, así como a evolución das súas principais influencias culturais; por outro, establece unha conexión coa exposición Correa Corredoira. Os días gravados, organizada pola Fundación Luis Seoane nos anos noventa. Naquel momento, ao igual que agora, a elección de Correa Corredoira para protagonizar unha mostra monográfica na Fundación non foi casual, xa que, como explica o comisario de Os días pintados, David Barro, “Correa Corredoira é un artista fundamental da arte galega das últimas décadas. O seu labor no colectivo A Galga, na galería Gruporzán ou en Atlántica é absolutamente chave para comprender a arte e a cultura desenvolvidos en Galicia”.

É por iso que, grazas a Os días pintados, o espectador se introducirá non so no universo dun artista primordial na historia da arte galega da segunda metade do século XX, senón que, ademais, asistirá á evolución da súa traxectoria creativa. Na selección de obra realizada por David Barro e o propio Correa Corredoira, están presentes as súas imaxes e temas máis icónicas: a maternidade, o erotismo, os mitos clásicos, a viaxe que realiza a México no ano 1979, as paisaxes, o mar, as crufixións ou os seus célebres boxeadores.

Os días pintados descubre a obra dun creador libre e independente, dunha figuración pictórica que ten os seus alicerces fundamentais na relación do corpo co espazo ou no dominio da cor, e que se nutre das moitas afinidades da vasta cultura do artista: Picasso, Nietzsche, Giacometti, Rembrandt, Bacon, García Lorca, Beckett, os mitos clásicos… En definitiva, a obra, nas palabras do crítico Xavier Seoane, dun “romántico en sentido estricto”, comprometido coa creación. O reencontro dunha cidade coa historia da súa arte.

Fonte: Fundación Luís Seoane