Entradas

Outra vez A Limia: SGHN solicita informes e plans oficiais

Dende hai anos e en múltiples ocasións SGHN expuxo os problemas da auga na comarca da Limia debido á contaminación difusa de orixe agrogandeiro e que se estenden augas abaixo polo menos ata o encoro de As Conchas. Todos os datos e análises ata agora coñecidos veñen a corroborar esta afirmación, o cal é lóxico pois baste dicir que na chaira de Antela comen, beben e defecan unha morea de porcos e galiñas, vacas e coellos, todos estabulados en macro-granxas industriais:

  • A produción de feces e ouriños é de 1,35 kg/día no caso do home, 4 kg/día nos porcos adultos, 28 kg/día nas vacas adultas para produción de carne, 45 kg/día en vacas leiteiras, 7 kg/día en terneiros, 100 g/día en galiñas ponedoras e 60 g/día en polos de carne.
  • As táboas de conversión das distintas especies gandeiras a Unidades de Gando Maior (UGM: o equivalente a vacas adultas) indican que en A Limia hai actualmente entre 70.000 e 75.000 UGM de gando estabulado en granxas industriais que en total, a 28 kg/día cada unha, producen entre 2.000 e 2.100 toneladas diarias de zurros e estercos, é dicir, unha cantidade de feces e ouriños semellante a que se xenera nunha cidade de 1,3 a 1,5 millóns de persoas ou, o que é mesmo, a metade da poboación de Galicia.

Dende o punto de vista da xeración de residuos, esta enorme “poboación humana equivalente“ en forma de gando estabulado contrasta coa cativa ”poboación humana real” de tódolos concellos da bacía do río Limia en Ourense (35.000 persoas). Unha simple regla de tres indica que alomenos o 97% dos vertidos xerados procederían do sector agrogandeiro das macro-granxas industriais. Para comparar e contrastar resultados, SGHN acaba de pedir á Confederación Hidrográfica do Miño-Sil o informe que sobre o tema encargou ao Consejo Superior de Investigaciones Científicas (CSIC), que aportará sen dúbida datos relevantes en relación coa orixe do problema e as súas repercusións.

Ademais do caso concreto da contaminación do recurso auga, SGHN tamén está preocupada pola xestión humana dos restantes recursos naturais da Limia, polo que ven de insistir diante da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas para que dunha vez por todas cumpra as súas propias directrices e publique o Plan de Ordenación dos Recursos Naturais da ZEPA da Limia. Pois o atraso (xa de tres anos!!!) na súa aprobación produce un baleiro legal que dificulta a toma de decisións polos axentes implicados e multiplica innecesariamente os problemas socioambientais da comarca e a incerteza da poboación.

Con todo SGHN entende que outra Limia é posible e que se pode compatibilizar a conservación ambiental coas actividades agrogandeiras, e niso segue traballando.

Máis información en www.sghn.org

Calros Silvar presenta na SGHN a exposición de pintura ‘UNHA OLLADA NATURAL’

Hoxe venres, día 18, ás 20:00 horas no salón de actos do Museo de Historia Natural da SGHN, preséntase a conferencia “Dous anos de Fragas do Mandeo, o fondo de conservación da natureza de As Mariñas” a cargo de Fernando Bandín, membro da Fundación Fragas do Mandeo, da que forma parte a SGHN. Nesta conferencia falarase dos avances de Fragas do Mandeo na preservación da biodiversidade de As Mariñas mediante a custodia do territorio.

Previo a esta conferencia presentarase a exposición de pintura “Unha ollada natural”, obra do artista ferrolán e membro da SGHN, Calros Rodríguez Silvar, licenciado en Belas Artes pola Facultade de Belas Artes da Universidade Complutense de Madrid e deseñador industrial, traballa como ilustrador no mundo editorial, no que son ben coñecidas as súas guías da natureza de Galicia. A exposición permanecerá aberta no noso espacio expositivo ata finais de marzo.

ALCOOL, DROGAS E CAZADORES

SGHN solicitou “Que a Consellería de Medio Ambiente estableza controles obrigatorios de alcoholemia, ou consumo doutras drogas, para os cazadores, pois o consumo de alcohol ou drogas combinado co emprego de armas de fogo é alomenos potencialmente tan perigoso como o seu consumo combinado coa conducción de vehículos a motor”.

Dende a promulgación da Lei 6/2006, do 23 de outubro, de modificación da  Lei 4/1997, do 25 de xuño, de caza de Galicia está prohibido “Cazar baixo a influencia de estupefacientes, alcohol, substancias psicotrópicas ou calquera outra droga que altere sensiblemente as facultades normais do cazador ou a súa capacidade de reacción” e tamén “Cazar con armas de fogo quen careza dos requisitos esixidos para iso ou non dispoña dos oportunos permisos.”

Transcorridos xa máis de seis anos dende a entrada en vigor da Lei 6/2006, SGHN ven de solicitar á Consellería de Medio Ambiente e á Garda Civil información, desglosada por provincias, sobre o número e o resultados dos controis efectuados a cazadores para comprobar:

– Os niveis de alcoolemia e consumo de estupefacientes ou substancias psicotrópicas.

– Se cumprían “os requisitos esixidos” e dispoñían dos “oportunos permisos”.

Máis información en www.sghn.org

Foto: Alcoolímetro

O conxunto do ecoloxismo galego reclama a liberación do tiburón do Museo do Mar de Galicia en Vigo

Sería o mellor acto que o Museo do Mar podería desenvolver para celebrar o día dos museos, pois a diferenza doutras especies de fauna silvestre en catividade o cazón branco do acuario vigués aínda e recuperable para a súa devolución ao medio natural.

Os colectivos ecoloxistas galegos reclaman a súa liberación ante a Consellería de Cultura da Xunta de Galicia e a dirección do Museo do Mar.

Os colectivos ecoloxistas consideran que manter en cautividade ese pequeno cazón branco non se pode xustificar nin divulgativa, nin educativa nin científicamente. Tampouco ten nada que ver ese animal co ecosistema da ría de Vigo que o acuario pretende representar. Trátase simplemente de manter en catividade a un animal silvestre co único obxectivo de servir de reclamo para o público que, na práctica, asiste a un espectáculo que o único que consigue e insensibilizarnos polo feito de degradar a un animal ate rebaixalo á categoría de adorno. Xustamente todo o contrario do que defende a Educación Ambiental e que ao final solo só acaba sendo un lamentable espectáculo que se complementa co dobre cativerio do polbo cazón, dentro do acuario e a súa vez dentro dunha caixa de metacrilato na que morrerá en catividade.

Polo tanto reclamamos á Consellería de Cultura e á dirección do Museo do Mar que poñan fin a este absurdo exemplo de maltrato animal e liberen ao cazón branco, para que poida vivir donde debe facelo, no mar, e non nunha estreita e triste peceira.

Do mesmo xeito que no seu día o Museo do Mar utilizou o confinamento nesa peceira do cazón branco como reclamo publicitario, teñen agora unha oportunidade de dignificar as súas instalacións dando un bo exemplo de auténtico compromiso coa conservación dos océanos liberando ao tiburón. Un xesto que permitiría pensar que o Museo do Mar efectivamente predica co exemplo o seu discurso conservacionista.

Asinan esta petición os colectivos ecoloxistas ADEGA, Amigos da Terra, Verdegaia, Federación Ecoloxista Galega FEG (Adega, Adenco, Asociación pola defensa da Ría Pontevedra, Asemblea do Suido, Colectivo Ecoloxista do Salnés, Coto do Frade, Guerrilleiros das Fragas, Hábitat, Luita Verde, Movemento Ecoloxista da Limia, Naturviva, Néboa, Niño do Azor, Oureol, Vaipolorío, Verbo Xido, Verdegaia, Xevale), e a Sociedade Galega de Educación Ambiental-SGEA, Sociedade Galega de Historia Natural SGHN.

Fonte: SGHN