Entradas

Baía Edicións convoca o 7º PREMIO MEIGA MOIRA de Literatura Infantil-Xuvenil

O prazo de recepción de orixinais do 7º Premio Meiga Moira de Literatura Infantil-Xuvenil remata o 17 de maio e a resolución do xurado darase a coñecer o 19 de setembro de 2016.

Recordamos as bases do concurso e as gañadoras dos anos anteriores:

MIÑA QUERIDA SHEREZADE, de Andrea Maceiras. Gañadora do 6º Premio Meiga Moira.

O ALENTO NAS COSTAS, de Ana Mª Galego Gen. Gañadora do 5º Premio Meiga Moira.

BASES:

PRIMEIRA
Poderán concorrer ao premio todas as autoras e autores de calquera nacionalidade que presenten os orixinais escritos en lingua galega (de conformidade coas Normas Ortográficas e Morfolóxicas do Idioma Galego aprobadas pola RAG) de obras de creación literaria dirixidas a nenas e nenos de 8 a 16 anos. As obras deberán ser inéditas e non premiadas.

Se no período de tempo transcorrido entre a presentación do orixinal e o ditame do xurado a obra obtén outro premio ou é publicada, a autoría vese obrigada a comunicalo á editorial e non poderá recibir este premio.

SEGUNDA
O orixinal, escrito en letra Times, corpo 12 e a dobre espazo, enviarase xunto con seis copias debidamente encadernadas a:
BAÍA EDICIÓNS
Polígono Pocomaco, 2.ª Avda.
Parcela A2 / Nave 22. 15190 A Coruña.
O prazo de recepción de orixinais remata o 17 de Maio
de 2016.

TERCEIRA
Con cada orixinal, que deberá ser presentado baixo lema, xuntarase, en sobre pechado, o nome completo, enderezo, teléfono e correo electrónico da autoría, así como o título da obra e grupo de idade ao que vai dirixida (8 a 12 anos ou 12 a 16), indicando no mesmo: Premio Meiga Moira 2016.

CUARTA
O premio, que poderá quedar deserto, considerará un único galardón, ao que se lle asigna unha dotación económica de 2.500 euros. A obra será publicada por Baía Edicións na súa colección Meiga Moira, renunciando a persoa gañadora aos dereitos de autoría da primeira edición, tanto en galego como noutras linguas de posíbel publicación por parte da editorial. No caso de realizarse unha segunda edición, esta rexerase polo modelo de contrato de autoría propio de Baía Edicións.
A obra finalista será publicada segundo contrato de autoría estabelecido por Baía Edicións.
A autoría da obra gañadora e da finalista comprométese a participar nos actos de promoción que organice a editorial.

QUINTA
O xurado está composto por cinco persoas de recoñecido prestixio, unha delas da propia editorial, que actuará, asemade, como secretaria.

SEXTA
A resolución do xurado darase a coñecer o 19 de setembro de 2016.

SÉTIMA
As obras non premiadas non serán devoltas pola editorial.

OITAVA
A participación nesta convocatoria presupón a aceptación das presentes bases, así como as decisións do Xurado, que serán inapelábeis.

Andrea Maceiras gaña o 6.º Premio Meiga Moira 2014 de Literatura Infantil-Xuvenil

O Xurado, formado polas escritoras Marica Campo e Conchi Regueiro, María Dores Fernández López,  profesora de Ensino Medio de Lingua e Literatura Galega na Coruña, o ensaísta e profesor da UDC Carlos–Paulo Martínez Pereiro, que actuou de Presidente, e a directora editorial de Baía Edicións, María Belén López Vázquez, como secretaria, reunido o venres  día 19 de setembro de 2014 resolveu conceder por unanimidade o 6.º Premio Meiga Moira de Literatura Infantil-Xuvenil á obra presentada baixo o lema “”.

Abertas as plicas, a mesma resultou corresponder a presentada pola escritora coruñesa Andrea Maceiras Lafuente, que leva como título Miña querida Sherezade e proposta para lectoras e lectores a partir de 12 anos.

O Xurado manifestou, entre outros aspectos, o seguinte:

«É opinión unánime deste xurado que, na referida obra, sobresaen características tan notorias como a dunha excelente estrutura especular e unha non menor fluidez narrativa. As historias d’As mil e unha noites son a base dun texto que xera repetidas e novidosas narracións por volta da ficción e doutras realidades literarias.

En resumo, a obra acaba por ser unha exacta e plural homenaxe ao libro e a lectura».

A obra será publicada por Baía Edicións na súa colección Meiga Moira antes de finalizar o ano e a autora recibirá 2.500 euros, cantidade coa que está dotado o Premio.

Noutra orde de cousas, o Xurado valorou a alta calidade das obras presentadas, das que dez alcanzaron a selección final, o que evidencia máis unha vez o extraordinario momento que vive a literatura en galego dirixida ao público infantil e o importante xermolo de escritoras e escritores que está dando o país para seguir facendo avanzar o galego como idioma literario e de uso vehicular entre as nosas nenas e nenos.

Baía Edicións destaca o feito de que Andrea Maceiras foi gañadora tamén do 4.º Premio Meiga Moira en 2010 con Violeta tamurana, obra que goza dunha grande aceptación entre as lectoras e os lectores máis novos e cunha especial introdución nos centros de ensino pola singularidade da historia narrada e posta en valor da integración cultural e denuncia do racismo.

Desde Baía queremos felicitar a todos os participantes e, especialmente, á nosa gañadora: Andrea Maceiras!!!