Artigos

MeLiSA leva á rapazada galega as vantaxes do software libre a través dunha peza teatral interactiva

A Asociación de Usuarios de Software Libre da Terra de Melide (MeLiSA) está levando a cabo unha actividade xeral de divulgación das vantaxes e usos dos programas abertos en varios colexios galegos de Educación Primaria. O dito programa de accións está enmarcado dentro do convenio asinado coa Fundación para o Fomento da Calidade Industrial e o Desenvolvemento Tecnolóxico de Galicia, e do cal MeLiSA se leva executado un total de cinco actuacións nas catro provincias galegas. Máis polo miúdo, trátase dunha representación teatral, interactiva, desenvolvida e disposta para que a mensaxe chegue o mellor posíbel á nosa cativada: a mensaxe de que o software libre é unha porta de acceso de primeira orde á comunicación, á información e mesmo ao futuro eido empresarial.

A peza artística en cuestión está formada por un prólogo e tres actos. Segundo nos contan dende MeLiSA, aquela “execútase de xeito dinámico, caracterizado a xeito de palabras, ilustracións e sons, co público infantil completando a posta en escena coa súa interacción a través das cancións”. O resultado de todo isto é un espectáculo de diferentes medios e linguaxes que ten unha duración aproximada de 50 minutos.

O obxectivo, como dixemos, é o de achegar o concepto do software libre a través dunha actividade próxima ás nenas e nenos desas idades. A obra xira arredor dunha persecución entre unha gatiña e o Conde Rato, o cal recibe unha mensaxe da súa namorada, a ratiña Melisa, que non dá lido por estar gardada en formato privativo. Nese intre é cando aparece Mr. Free para resolver o problema grazas ao uso de programas libres. O pingüín Mr. Free é unha referencia evidente á mascota do Linux, Tux. A obra é creación de Juan Carlos Vázquez, as ilustracións son obra de Iria Parras, e na execución participan José Manuel Canosa (contrabaixo), Intres Fotografía, na fotografía e vídeo, e Juan López Quintás e Jorge Lama como colaboradores. A coordinación corre a cargo do presidente de MeLiSA, Rafael Rodríguez Gaioso.

Fonte: Codigocero