Artigos

As universidades de Vigo e Coruña, entre as que máis difunden e apoian o software libre

PortalProgramas vén de desenvolver un estudo no que avalía, en detalle, o nivel de aposta e implantación de software libre nas universidades estatais. Para dar forma a este ranking, segundo o dito portal o primeiro das súas características que se fai en España, analizouse o traballo de 72 institucións educativas superiores en materia de creación e de difusión de programas abertos. A partir dos datos achegados, situouse no primeiro posto á Universidade de Granada, seguida da de Zaragoza e da da Laguna (Tenerife), na terceira posición. Por Comunidades, as Illas Canarias acadaron a meirande puntuación, seguidas de Aragón e Andalucía.

Polo que respecta ás universidades galegas, sinalar que a que máis salienta é a de Vigo (no posto 16), seguida da da Coruña (no 17) e da de Santiago (no 22). Por certo que os autores desta análise emprazan ás dúas primeiras (UVigo e UDC) entre as institucións que máis traballan a prol do código aberto, tal como se ve no mapa que incluímos.

A escolma dos criterios seguidos para desenvolver o estudo foi levada a cabo por unha comisión de expertos do sector, entre os que se atopa o consultor internacional en TICs e software libre, Ramón Ramón, o Centro Nacional de Referencia de aplicación das Tecnoloxías da Información e a Comunicación (CENATIC) ou o Bilib, o Centro de Apoio Tecnolóxico a Emprendedores.

Os obxectivos do estudo en última instancia por visibilizar a necesidade de promover o coñecemento aberto. Así nolo explican dende a web PortalProgramas: “A universidade é fonte de información e un dos principais activos para crear software libre de calidade; amais, fomentar o coñecemento libre permite extraer do mesmo o valor máximo posíbel grazas a que se pode transmitir, compartir e mellorar, e as universidades debe ser as súas promotoras”. Desta necesidade, engade PortalProgramas, xorde precisamente o Ranking de Universidades en Software Libre (RuSL).

Fonte: Codigocero