Artigos

En marcha un novo medio dixital galego e centrado no deporte: Táboas

Estes días estamos a celebrar a aparición dun novo medio dixital galego, desta volta centrado no deporte, cousa que é moi de agradecer tendo en conta a sobre-presenza do castelán nas comunicación en liña de case tódolos clubs, asociacións e institucións galegas do devandito ámbito. O medio en cuestión chámase Táboas e preséntase na Rede baixo un epígrafe (Onde o departe atopa o equilibrio) que nos fala claramente dun dos seus principais obxectivos: restituír a lingua a través das TIC a un ámbito no que, polas razóns que sexan (algunhas inexplicábeis), non deixa de esmorecer.

Táboas, que non ten máis de unha semana de vida, vén da man de Manuel Varela e Álvaro Abuín. Os temas a tratar son tódolos relacionados co deporte galego e, como é de supor, colle todo un mundo neles. Volvendo ao devandito epígrafe, dicir que hai máis cousas que se agochan tralo seu obxectivo de procurar o equilibrio informativo no deporte. Por exemplo, buscarán pórse o máis lonxe posíbel “das trincheiras e do xornalismo de equipo, no camiño dunha visión global e galega”. Ou sexa, que os internautas que queiran escoitar falar cousas moi boas dun equipo concreto e cousas moi malas de outro (ao estilo da práctica totalidade dos medios deportivos estatais, cada un deles tirando polo equipo dos seus amores), mellor que vaian petando noutra porta. Asemade, que fagan o mesmo os que queiran escoitar falar de lercheos vinculados a xogadores.

Fonte: Codigocero