Entradas

Chegan os concertos 3.0: dende un teatro para toda Galicia

O Taller Atlántico Contemporáneo pon en marcha o ciclo TAC 3.0, que de xaneiro a maio ofrecerá cinco concertos (un por mes) dende o Teatro Principal de Compostela, que poderán ser seguidos en streaming dende concellos, institucións educativas e musicais, museos e salas de concertos de toda Galicia. 

Os concertos, que inclúen títulos como A historia do soldado de Igor Strawinsky, A ópera de catro notas de Tom Johnson, ou as Folk songs de Luciano Berio, mesturan música e performances teatrais a cargo de artistas como Quico Cadaval, Carlos Blanco ou Julián Hernandez, sendo estos os mestres de cerimonia e parte activa do espectáculo. Están dirixidos a tódolos públicos, e teñen un delcarado divulgador, para “facer chegar concertos de música clásica moderna de máxima calidade á maior cantidade de público posible, dun xeito diferente, innovador, que aproveita as posibilidades que internet ofrece no noso tempo á cultura e en particular, á música e a súa divulgación”.

O obxectivo é “facer chegar concertos de música clásica moderna de máxima calidade á maior cantidade de público posible, dun xeito diferente, innovador, que aproveita as posibilidades que internet ofrece no noso tempo á cultura”

Os espazos de retransmisión dos concertos deberán dispor dunha conexión a internet de banda ancha, un ordenador, unha pantalla, un proxector e dous altofalantes. O prazo de inscripción é do 1 ao 18 de outubro a través do correo electrónico info@tactrespuntocero.net. Para máis información pódese consultar a web tactrespuntocero.net.

O Taller Atlántico Contemporáneo (TAC) iniciou a súa andaina no ano 2010. Os seus obxectivos son os de achegar á sociedade a música contemporánea e a interrelación con outras disciplinas artísticas. Organizou ciclos como Perspectivas de Ensemble no CGAC (2010 e 2011), Os Seráns do TAC (2011 e 2012) na Cidade da Cultura e colaborou nos festivais Via Stellae (2011), Espazos Sonoros (2011) e o festival de música Contemporánea de Santiago de Compostela (2012). Tamén organizou as performances participativas Eine Brise de M. Kagel, para 111 ciclistas, ou Vexations de Erik Satie no faro de Fisterra.

Fonte: prazpublica.org