Os Premios María Casares do Teatro Galego estiveron cheos de emocións
A vixésima segunda edición dos Premios María Casares do Teatro Galego foron unha festa de aniversario da escena profesional de Galicia. A gala dirixida por Artur Trillo e conducida por Talía Teatro contando cun perfecto repertorio musical do Coro Encaixe foi unha celebración na que todo tipo de emocións e sentimentos tiveron sitio no escenario do Teatro Rosalía de Castro da Coruña. Nove espectáculos competían nas catorce categorías nas que se dividen os galardóns. Tres espectáculos repartiron a meirande parte dos premios e houbo momentos para a reivindicación, o recordo, a risa e o enxeño poético. Era o Día Mundial da Poesía, como lembraron as poetas Aldaolado (Lucía Aldao e María Lado) ao ler o Manifesto Galego do Día Mundial do Teatro no que chamaban á risa como chave da liberdade contra todo o escuro e ao teatro como república de esa liberdade. As encargadas do manifesto tamén pediron a existencia dunha categoría de monicreques nos María Casares.
GAÑADORES POR CATEGORÍAS SEGUINDO A ORDE DE ENTREGA
- MELLOR MAQUILLAXE
Trini F. SILVA por OUTONO, espectáculo da compañía Pista Catro.
- MELLOR VESTIARIO
Suso Montero por A CABEZA DO DRAGÓN, espectáculo de Producións Teatráis Excéntricas.
- MELLOR ESCENOGRAFÍA
Marta Iturralde e Montse Piñeiro por RESACA; espectáculo de ilMaquinario Teatro.
- MELLOR ILUMINACIÓN
José Manuel Faro ‘Coti’ por RESACA, espectáculo de ilMaquinario Teatro.
- MELLOR MÚSICA ORIXINAL
Vadim Yukhnevich por RESACA, espectáculo de ilMaquinario Teatro.
- MELLOR ADAPTACIÓN/TRADUCIÓN
Quico Cadaval por A CABEZA DO DRAGÓN, espectáculo de Producións Teatráis Excéntricas.
- MELLOR TEXTO ORIXINAL
Areta Bolado, Noelia Castro, Ailén Kendelman e Gena Baamonde por ELISA E MARCELA, de A Panadaría.
- MELLOR ACTOR SECUNDARIO
Víctor Mosqueira, por A CABEZA DO DRAGÓN, de producións Teatrais Excéntricas.
- MELLOR ACTRIZ SECUNDARIA
Laura Míguez, por RESACA, de IlMaquinario Teatro.
- MELLOR ACTOR PROTAGONISTA
Iván Marcos, por A CABEZA DO DRAGÓN, de Producións Teatráis Excéntricas.
- MELLOR ACTRIZ PROTAGONISTA
Areta Bolado, por ELISA E MARCELA, de A Panadaría.
- MELLOR DIRECCIÓN
Gena Baamonde, por Elisa e Marcela, de A Panadaría.
- MELLOR ESPECTÁCULO INFANTIL
A GALIÑA AZUL, de Tanxarina.
- MELLOR ESPECTÁCULO
Elisa e Marcela, de A Panadaría.
Fonte: Culturagalega
As Aventuras de Gale, espectáculo de monicreques de A xanela de Maxín, unha chamada en defensa da nosa lingua
En Baía Edicións alegrámonos moito de que A Xanela do Maxín participe no Titirideza 2017, de seguro nos fará tan felices como a estrea de As Aventuras de Gale desta primavera, un alegato a favor da nosa lingua, que defenden coa dozura que dá o amor. Sentímonos fachendosas e agradecidas de que compañías de monicreques con tanta calidade recorran a textos das nosas publicacións para melloralos e complementalos coa súa arte, como o foi neste caso a #Historia da Lingua Galega, de Pepe Carreiro.
Deixamos aquí o enlace á súa web, onde podedes ver anaquiños da obra
Parabéns aos gañadores dos XXI Premios María Casares
Os XXI Premios de Teatro María Casares xa teñen gañadores. O Teatro Rosalía Castro da Coruña vén de acoller esta noite unha cerimonia de entrega na que un total de 13 espectáculos competían nas catorce categorías nas que se dividen os galardóns do teatro, organizados pola Asociación de Actores e Actrices de Galicia (AAAG). Á gala, que se retransmitiu en streaming polo web da TVG e por diferido na TVG, acudiron máis de 500 convidados, entre autoridades, profesionais do sector, asociados, xornalistas e convidados en xeral. Todos eles asistiron a unha gala ideada e conducida por Pepo Suevos, que neste ano propuxo un espectáculo guiado polo humor e o desenfado que xirou ao redor das relacións entre a administración e a cultura, dous mundos condenados a entenderse. O elenco estivo conformado por Roberto Leal, Alberto Rolán, Marta Lado, Patricia Torres, Silvana Sestelo e Josito Porto. Ademais, a música púxoa unha banda (conformada polos percusionistas Amaury Quintero e Marcos Jaramillo, o pianista Josep Ruiz; o baixista Juan Perez e o trompetista Daniel Polo) que achegou aos Premios o son cubano. Pola súa banda, Eduardo Alonso recibiu o Premio de Honra Marisa Soto e Imma António leu o Manifesto Galego do Día Mundial do Teatro. Read more →
A Asociación de Escritores premia o teatro do país
A Asociación de Escritores en Lingua Galega (AELG) galardoará á compañía Sarabela, dirixida por Ánxeles Cuña, que recibirá o premio como agrupación porfesional, mentres que Achádego, de Lugo, será recoñecida polo seu traballo no teatro amador. A Asociaciónd e Actores e Actrices de Galicia tamén será recoñecida. Tamén serán recoñecidas iniciativas institucionais, coma o proxecto Buxiganga da Vicepresidencia da Deputación de lugo e a área de cultura da Deputación da Coruña polo premio Rafael Dieste. O escritor Xabier P. Docampo será este ano o homenaxeado coa letra “E” no programa “O escritor na súa terra”. Bernardo Atxaga será nomeado Escritor Galego Universal.
Fonte: Culturagalega
O pasado venres faleceu Álvaro Guevara, fundador de Teatro del Andamio
O pasado venres falecía, logo dunha longa enfermidade, Álvaro Guevara, actor, director, dramaturgo e fundador da compañía coruñesa Teatro del Andamio e da escola homónima. Guevara, nado en Arxentina, desenvolveu unha intensa carreira dramática no noso país tanto na súa compañía como en diferentes series e filmes. Títulos como Doente, O ano da carracha, Mia Sarah ou libro de familia fan parte da súa produción audiovisual. O corpo de Guevara, que tiña sesenta anos, foi incinerado o pasado sábado na intimidade familiar.
Fonte: Culturagalega
Chegan os concertos 3.0: dende un teatro para toda Galicia
O Taller Atlántico Contemporáneo pon en marcha o ciclo TAC 3.0, que de xaneiro a maio ofrecerá cinco concertos (un por mes) dende o Teatro Principal de Compostela, que poderán ser seguidos en streaming dende concellos, institucións educativas e musicais, museos e salas de concertos de toda Galicia.
Os concertos, que inclúen títulos como A historia do soldado de Igor Strawinsky, A ópera de catro notas de Tom Johnson, ou as Folk songs de Luciano Berio, mesturan música e performances teatrais a cargo de artistas como Quico Cadaval, Carlos Blanco ou Julián Hernandez, sendo estos os mestres de cerimonia e parte activa do espectáculo. Están dirixidos a tódolos públicos, e teñen un delcarado divulgador, para “facer chegar concertos de música clásica moderna de máxima calidade á maior cantidade de público posible, dun xeito diferente, innovador, que aproveita as posibilidades que internet ofrece no noso tempo á cultura e en particular, á música e a súa divulgación”.
O obxectivo é “facer chegar concertos de música clásica moderna de máxima calidade á maior cantidade de público posible, dun xeito diferente, innovador, que aproveita as posibilidades que internet ofrece no noso tempo á cultura”
Os espazos de retransmisión dos concertos deberán dispor dunha conexión a internet de banda ancha, un ordenador, unha pantalla, un proxector e dous altofalantes. O prazo de inscripción é do 1 ao 18 de outubro a través do correo electrónico info@tactrespuntocero.net. Para máis información pódese consultar a web tactrespuntocero.net.
O Taller Atlántico Contemporáneo (TAC) iniciou a súa andaina no ano 2010. Os seus obxectivos son os de achegar á sociedade a música contemporánea e a interrelación con outras disciplinas artísticas. Organizou ciclos como Perspectivas de Ensemble no CGAC (2010 e 2011), Os Seráns do TAC (2011 e 2012) na Cidade da Cultura e colaborou nos festivais Via Stellae (2011), Espazos Sonoros (2011) e o festival de música Contemporánea de Santiago de Compostela (2012). Tamén organizou as performances participativas Eine Brise de M. Kagel, para 111 ciclistas, ou Vexations de Erik Satie no faro de Fisterra.
Fonte: prazpublica.org
Morre o actor Xosé Manuel Olveira “Pico”
Tras unha longa enfermidade, o actor Xosé Manuel Olveira “Pico” morreu esta tarde en Santiago de Compostela aos 58 anos de idade. “Pico” foi un dos máis destacados actores galegos destas dúas últimas décadas, cunha extensa carreira no cine e no teatro. Comezou a actuar en 1972 co grupo de teatro Ditea. No cine, as súas últimas películas foron Somos xente honrada (2012, en estrea estes días), Doentes (2011), 18 comidas ou Retornos (2011), ademáis de participar en boa parte das series de éxito da Televisión de Galicia, como Mareas Vivas ou Pratos combinados.
Como actor, Xosé Manuel Olveira recibiu catro premios María Casares (1999, 2000, 2002 e 2013) e o Maruxa Villanueva de Teatro (2009). Nos Premios Mestre Mateo 2008 da Academia Galega do Audiovisual (entregados en 2009) recibiu o galardón de mellor interpretación masculina de reparto por Os mortos van ás présas. Por Retornos levou en 2011 o premio Mestre Mateo á mellor interpretación masculina de reparto. Recibiu o Premio Augusta ao mellor actor no Festival Internacional de Cinema Independente de Braga, Bragacine, polo seu papel protagonista en Simbad.
“Pico” foi presidente da Academia Galega do Audiovisual entre 2009 e 2011.
Fonte: Culturagalega
A viúva de Vidal Bolaño desaira a Feijóo e á RAG e lamenta que uns manifestantes queden fóra do teatro
Falouse na proxección ao comezo da vida e obra de Roberto Vidal Bolaño. Da súa liberdade e o seu compromiso coa lingua. Falouse de teatro, de valentía e de letras galegas. Pero cando Belén Quintáns enxugou as bágoas da emoción, avisou aos oíntes: «Non sei se falar do que quero falar ou do que debo por tratarse dun acto da Xunta». E dito isto, deu fe de que si sabía. Entre as súas primeiras verbas, o desplante ao presidente: «Que diría Roberto se vise dando o discurso homenaxe a quen representa todo contra o que loitou!», dixo, antes de lamentar que un grupo de actores (en realidade fóra do teatro berraban vinte preferentistas e cinco manifestantes con nariz vermello) non estivese dentro do teatro. Pero os seus lamentos tamén chegaron a outro dos presentes na mesa, o presidente da Real Academia, Xesús Alonso Montero, en forma de protesta por non poder contar no acto co «presidente Ferrín», ao que atribuíu a capacidade de falar con propiedade da obra do seu marido, cousa que descartou dos que ían facelo. Alonso Montero recolleu a luva e desculpouse por non ser experto na obra do dramaturgo, aínda que logo fixo unha bela exposición do «extraordinario dun home que entroncaba co teatro culto de Bretch e coas raíces de Cunqueiro».
Intacto nos estragos da intervención da viúva do homenaxeado quedou Ángel Currás, que aproveitou para reivindicar a capitalidade de Santiago, cidade «na que se fala máis galego», ademais de destacar o «colo como espacio reservadísimo aos galegofalantes». O presidente non se deu por aludido. Nun discurso conciliador reclamou o papel da lingua galega como «ferramenta de liberdade» e culpou aos homes de convertela en «elemento de discordia».
«¡Viva Galiza Ceibe!». Berrou para pechar o acto a única das asistentes que entonou o himno galego co puño en alto e coa mirada aprobadora de Quintáns.
Fonte: ABC
VIAXE A NINGUNHA PARTE de SARABELA TEATRO e TOKIO 3 de VOADORA son as favoritas dos MARíA CASARES
O pazo da Peregrina en Bertamiráns volveuse vestir de gala para acoller unha nova edición da Festa dos nomeados, unha celebración na que se coñecen os finalistas dos premios María Casares. Son eses galardóns que a Asociación de Actores e Actrices de Galicia convoca para premiar a mellor produción teatral do ano. As grandes favoritas para a XVII edición deste certame son, dunha banda, Viaxe a ningunha parte de Sarabela teatro, con dez candidaturas; e da outra, Tokio 3 de Voadora con nove.
Onte foi un día redondo para Voadora, o seu espectáculo Tokio 3 co que pechaba unha triloxía sobre o tempo e os lugares comúns, era finalista a premio Max como mellor espectáculo revelación. E horas despois, recibía outras nove candidaturas dos seus compañeiros de profesión por esa mesma montaxe. Entre elas, as máis cotizadas, mellor dirección e mellor espectáculo. Enfronte terá un duro rival, xa que unha das compañías máis laureadas da nosa escena, Sarabela Teatro, acumula dez candidaturas, tamén a mellor dirección e mellor espectáculo.
Por detrás están O método Ghönholm, a adaptación da coñecida obra de Jordi Garcelán, que opta a cinco galardóns (entre es mellor dirección e mellor actor protagonista); e Galicia Caníbal, o musical de FIlmanova Invest, dirixido por Quico Cadaval, que opta a tres galardóns (mellor maquillaxe, mellor vestiario e mellor actor secundario).
Optan a mellor actriz Marta Pazos (Tokio 3), Marián Bañobre (Pequenos actos pseudorrevolucinonarios…), Iolanda Muíños (Malos hábitos), Camila Bossa (Malos hábitos), Ana Santos (Desfeitos). E a mellor actor, Artúr Trillo (O método Ghönholm), Hugo Torres (Tokio 3), Manuel Manquiña (A Función do Tequila), Víctor Mosqueira (Románticos! e Xosé Manuel Olveira “Pico” por Kafka e a boneca viaxeira.
En total son 17 espectáculos os que optan a algunhas das xerras que se entregarán o vindeiro 27 de marzo, Día Mundial do Teatro. Será no Teatro Rosalía de Casto da Coruña coa retransmisión da Televisión de Galicia.
Fonte: Culturagalega
Foto: Gabriel Tizón. NOMEADOS XVII PREMIOS TEATRO MARÍA CASARES. 27-02-13
As artes escénicas prepáranse na rúa para loitar contra a súa “morte non visible”
Coas portas pechadas, mais co balcón libre toda clausura. Así atopou a Plataforma das Artes Escénicas o Salón Teatro de Santiago, recinto pertencente á Xunta onde o colectivo pretendía celebrar este luns pola mañá unha asemblea aberta á toda a profesión. Porén, as preto de cen persoas que acudiron ao convite tiveron que discutir os graves asuntos que padece a profesión escénica en plena rúa. A Consellería de Cultura e Educación negoulles o acceso alegando, segundo explicou o presidente de Escena Galega, Salvador del Río, que o Salón Teatro “non se abre para actos non artísticos”. Había unha alternativa ofrecida polo departamento dirixido por Jesús Vázquez: o Museo Pedagóxico de Galicia (Mupega). Non obstante, a Plataforma declinou ese lugar por estar nas aforas da cidade e por preferir un ámbito emblemático como o Salón Teatro, un teatro que, pese a ser público, atoparon coas portas pechadas. E na entrada celebrouse finalmente unha xuntanza que culminou co asalto ao balcón do edificio, a onde un dos presentes subiu para colgar a xa habitual pancarta reivindicativa da Plataforma das Artes Escénicas: “Desmantelamento da Cultura, non”.
E de “desmantelamento” falouse durante as case dúas horas que durou a reunión. Unha reunión a plena rúa e na que os membros das diferentes asociacións sectoriais (Asociación de Actores e Actrices de Galicia (AAAG), Escena Galega, Asociación de Magos de Galicia etc.) aglutinadas na Plataforma buscaron atopar puntos en común e unha folla de ruta de accións para responder ante o desmantelamento que, segundo os profesionais da escena, está a sufrir a cultura polos recortes e a política cultural do Goberno do PP. A asemblea, dalgún xeito, arrecendía a déjà vú, a palabras repetidas, a preocupacións reiteradas. Ese déjà vú lévanos á primeira gran intervención da Plataforma das Artes Escénicas, en marzo do ano pasado, pola que se convocou -con motivo do Día Mundial do Teatro- unha manifestación dos profesionais que culminaría nunha reunión no interior do Salón Teatro. Daquela, a ex directora do Centro Dramático Galego, Blanca Cendán, permitiulles inicialmente o acceso, mais foi desautorizada pola Consellería de Cultura e Educación e as portas do Salón Teatro, tal como estaban hoxe, apareceron pechadas e a propia Cendán sería destituída.
E o acto daquel Día Mundial do Teatro celebrouse, como a xuntanza de hoxe, ás portas do Salón Teatro, quentando os ánimos do sector e poñendo en xuízo, unha vez, máis a actitude da administración. Daquela falouse de falta de diálogo e, hoxe pola mañá, volveuse tocar o asunto. “O límite está na negativa a falar dos actuais executantes da política cultural. Négase o diálogo e négase ao acceso ao espazo público, algo insólito en toda Europa”, lamentou o director teatral Xúlio Lago, quen a liña seguida, proclamou a rúa como o último ámbito que deixan aos cidadáns. “·A rúa parece ser o espazo natural da cidadanía, xa que as institucións estanse a converter en fortíns para os políticos. Mesmo os funcionarios da Agadic foron secuestrados no gran fortín, no gran cárcere que é a Cidade da Cultura, onde lapidan os cartos”, reflexionou Lago.
A falta de estratexia
O déjà vú non se notaba unicamente no peche do Salón Teatro, senón que se apropiou de todo asemblea e en cada un dos puntos que se trataron. Os recortes, o soterramento de fondos no Gaiás, as dificultades laborais, a falta de diálogo, a redución das subvencións, os atrasos nos pagamentos, a parálise, a desaparición de programas como Camiños da Cultura… Todos eses temas son os recorrentes nas reivindicacións dun sector que se sente afogado. Afogado si, mais non principalmente polas tesoiradas. É a falta de estratexia no que se resume todo os males, amplos e variados, da profesión. “Falta un plan, unha estratexia. O problema non son recortes, é cuestión de prioridades, en que se gastan os cartos que hai. Faltan obxectivos”, sinalou Salvador del Río ao comezo da asemblea aberta.
Nesa falta de estratexia resúmense gran parte dos problemas coa Consellería de Cultura. Un bo resume do feixe de problemas que o sector das artes escénicas vén denunciando nas protestas do último ano, deixando ás claras, unha vez máis, a sensación de déjà vú. Unha sesación de xa vivido, Esa sensación de xa vivido, de xa falado, de xa protestado… pero de nada arranxado. Todo segue igual, poñendo de manifesto dúas situacións evidentes. A primeira, que a administración continúa sen ter unha estratexia nin conseguir un diálogo fluído co sector, un diálogo que se foi deteriorando na anterior lexislatura e que foi a peor trala marcha do ex conselleiro Roberto Varela. A segunda situación pertence á propia profesión, aos profesionais do sector escénico que, polo momento, aínda non foron capaces de visibilizar os seus problemas ante a sociedade nin avanzar nas súas reclamacións.
E diso tamén se falou na asemblea, algo de autocrítica se realizou sobre a estrutura da Plataforma e os conflitos de intereses que se podían xerar entre as diferentes asociacións. Ante iso, o intérprete Antonio Durán Morris, ex presidente da AAAG e membro da súa actual directiva, respondeu coa natureza propia do colectivo. “A Plataforma non ten medios, a nivel de estrutura non está definida. E as asociacións tamén lles custa manterse agora mesmo”, admitiu Morris quen, pola contra, tamén destacou a relevancia da plataforma ao asegurar que aglutina a moitos profesionais, “xunta a moita xente por riba dos seus intereses particulares”.
Morrer aos poucos
Pese as eivas recoñecidas da propia Plataforma, os asistentes si viron nela un instrumento para denunciar a asfixia do sector e para pelexar ante o mirrar do sector. “Hai dúas formas de morrer. Morrer aos poucos, en silencio, ou demostrar que estamos a morrer e que importa. Hai que loitar coa morte non visible”, proclamou Morris. Para evitar o colapso silente, os asistentes discutiron diversas fórmulas para reivindicar a profesión escénica. Houbo quen propuxo unha programación de protestas constantes ás portas do Salón Teatro. “Sistematizar a toma das rúas”, resumiu Gustavo Pernas, quen apostaba por facer actuacións de denuncia nos espazos públicos próximos ao Salón Teatro. “Quizais como aos luns ao sol, todos os luns ás doce”, propuxo. Rosa Álvarez, pola súa banda, recuperou a idea de ler un manifesto en todas as actuacións que se leven a cabo en Galicia, tal e como se fixera na última Feira das Artes Escénicas, para concienciar o público. Outros, como a cantante Mónica de Nut e a intérprete Belén Constenla, apostaron por unha maior contundencia ante a situación e a falta de diálogo. “Temos que facer ruído, todos os colectivos están na rúa e facendo moito ruído e nós estamos calados”, lamentou a intérprete.
Todas esas ideas quedaron no seo da asemblea, listas para madurar e ir saíndo en próximas intervencións nas que se busque a visibilidade. Como primeiro paso, os asistentes decidiron desenvolver un xesto simbólico xusto no Salón Teatro. Unha toma simbólica do balcón da sede do Centro Dramático Galego e pendurar a pancarta en contra do Desmantelamento. O actor Morris chamou por teléfono aos responsables do centro para pedir unha vez máis que abriran a porta, mais unha vez máis atopáronse coa negativa. Polo tanto e como “un mínimo símbolo de desobediencia”, decidiuse que un compañeiro subise ao balcón e colgase o cartel, a denuncia escrita do “desmantelamento da cultura”.
Fonte: Praza