Entradas

O teatro galego centra a programación do Salón Teatro neste inicio de 2013

Linda and Freddy ilusionistas abre a temporada do Salón Teatro, marcada por unha programación ininterrompida, de carácter galego e con representacións que estarán catro días en cartel. Alén da estrea da última produción de Teatro do Noroeste que terá lugar este xoves, está prevista outra estrea, a de Berrobambán con O refugallo. Foi a obra coa que Paula Carballeira obtivo en 2011 o VI Premio Manuel María de literatura dramática infantil convocado por Agadic. Manuel Guede, director do Centro Dramático Galego e responsable da programación do Salón Teatro, indicou ademais que está prevista unha residencia de Diego Anido así como representacións de Decamerón, Historias para tempos ruíns (Abrapalabra Producións, do 24 ao 27 de xaneiro) e O método Grönholm (Talía Teatro, 31 de xaneiro ao 3 de febreiro).

Fonte: Culturagalega

“A cultura galega está sometida a uns malos tratos constantes hoxe en día”

O teatro de Novacaixagalicia comeza o seu outono teatral en Vigo os próximos 13 e 14 de setembro coa obra de produción galega “Tres non Bambán”. Arturo López, un dos actores e tamén director, tanto da obra como da compañía coruñesa que a leva a cabo (Espello Cóncavo), móstrase contento e agradecido por poder inaugurar este ciclo e quere que a súa comedia sirva de revulsivo para que as demais teñan unha gran acollida.

–Que lle parece abrir o novo ciclo de teatro de Novacaixagalicia en Vigo?

–Paréceme ben. Evidentemente, ir de primeiros non indica nada de seu. É un ciclo un tanto limitado e o feito de estar aí xa o consideramos importante. Ademais, esperamos que coa nosa presenza á hora de abrir o ciclo e o noso traballo incentívese ao público e acuda masivamente. Creo que temos un espectáculo ameno, divertido e moi interesante.

–A obra, “Tres non Bambán”, xa a representaron desde Espello Cóncavo no ano 2001. Por que a retoma?

–Repite porque foi un espectáculo para nós moi grato. Tanto pola calidade do texto como polas experiencias que acumulamos na primeira fase. Nós, os actores, pasabámonolo/pasabámosnolo estupendamente ben á hora da representación. Entón, pensando un pouco nos tempos nos que vivimos, vimos a posibilidade, xa que é un espectáculo que funcionaba moi ben co público, que nolo pasabamos ben, que o texto da obra é boa e intelixente e claro, dixemos: “Perfecto”. Ademais, egoístamente, creo que foi máis que nada porque o pasabamos moi ben nas representacións.

–Hai algún motivo especial polo que recorre a estes actores?

–Somos un pouco os habituais. Por exemplo, a Fernando Morán, Xavier Pan e Teresa Horro téñoos en case todos os meus espectáculos. Son amigos de toda a vida e claro, formamos todos xuntos Espello Cóncavo, a pesar de que o titular sexa eu.

–O próximo ano, Espello Cóncavo celebrará o 20 aniversario. Haberá algún tipo de celebración?

–Si, vai haber algo especial. Xa temos o proxecto para montar “Azos de Esguello”, unha obra de Euloxio Ruibal, que foi premio Álvaro Cunqueiro en 1989. É unha obra que, curiosamente, está de plena actualidade. Trata a fondo os problemas que hai dentro do mundo dos negocios, a banca e a política desde unha perspectiva de denuncia. Creo que está á orde do día e, a pesar de que non a escollemos por iso, atópasche coa realidade cando empezas a ver as similitudes. Parece que nos estaba dando un aviso do que estamos a vivir agora.

–O compromiso coa cultura galega que manifesta a súa compañía teatral é inalterable, verdade?

–Si. Un non nace onde nace. Se cría onde se cría. Eu nacín en Arzua, o centro xeográfico de Galicia. Vivín alí cinco anos e funme para A Coruña, pero uno é de onde é. Hoxe en día a cultura galega está sometida a uns malos tratos e agresión constante. Os que estamos inmersos nela, sobre todo no mundo do teatro, onde están a pechar moitas compañías, temos que resistir e aguantar ata o final.

–Outra das premisas polas que se rexe Espello Cóncavo é a de facer alcanzable para todo o mundo as obras que respresentan. Como se traduce iso?

–Si claro. Parécenos que o teatro debe de ir sempre dirixido a un público maioritario, aínda que respecto moito que se requira certa preparación previa para abordalos. Pero bo, nós buscamos que chegue a un espectro moi amplo de espectadores. Iso non quere dicir que tiremos polo facilón e ramplón. Por exemplo, “Tres non Bambán”, ao dicir que é intelixente, é unha comedia na que se trata de todo: humano, divino, laboral, político? Pero dunha forma desenfadada e tangencial. Resulta unha obra que ten ata unha clave de misterio. A mirada do autor, Luigi Lunari, é moi irónica.

Fonte e foto: Faro de Vigo