Galicia gaña este curso máis de 2.000 alumnos en Infantil e Primaria
A matrícula nas primeiras etapas educativas crece, un ano máis. O curso escolar en Infantil e Primaria empezará o mércores e serán un total de 201.363 nenos e nenas de entre 3 e 12 anos os que estreen e desempoen mochilas tras o descanso estival. Se o ano pasado (2011-2012) a inscrición superou os 3.000 alumnos novos, nesta ocasión serán 2.108 máis: 821 na primeira etapa e 1.287 de 6 a 12 anos.
O sistema educativo galego segue gañando alumnos nas primeiras etapas, ano tras ano, fronte á tendencia “á baixa” en Secundaria. No curso 2010-2011 eran en total 195.867 estudantes e o ano pasado a cifra situouse en 198.911. Comparando entre anos consecutivos, en Infantil había o curso pasado 67.304 alumnos e este ano serán 68.125. En canto a Primaria, Galicia pasa de 132.025 estudantes no curso 2011-2012 a 133.238.
Os centros públicos son os que máis alumnado novo matricularon e, no cómputo xeral de matriculados, acaparan o 70% dos estudantes, fronte 27% os concertados e un 3% os privados.
Por provincias, a que aglutina un maior número de alumnos é A Coruña (83.906), seguida de Pontevedra (78.390), Lugo (19.934) e Ourense (19.133). En canto ao alumnado estranxeiro cae o número de escolarizados tanto en Infantil como en Primaria. De 3 a 6 anos hai 159 nenos e nenas menos con nacionalidade non española, pasando de 1.262 o curso anterior a 1.103 no que agora empeza. En Primaria, o número de estudantes estranxeiros era de 5.516 no curso 2011-2012 e a cifra baixa a 5.410.
A apertura das aulas será pasadomañá e está prevista unha manifestación da plataforma en defensa da educación pública durante a xornada inaugural polos recortes. Hoxe concentraranse fronte á Consellería de Educación, convocados pola CIG, profesorado interino e substitutos para protestar “pola redución de 1.000 docentes”.
Son 985 en total os centros educativos de Galicia que imparten Educación Infantil (161), Educación Primaria e primeiro ciclo de Infantil (653) e Educación Primaria e Secundaria con segundo ciclo de Infantil (171), tal e como especifica a información enviada onte pola Consellería de Educación. O ano pasado por estas datas as estatísticas recollían 1.002 escolas e colexios nas mesmas etapas educativas.
Segundo a comparativa, pasouse de 381 a 378 unidades na provincia da Coruña; de 374 a 366 en Pontevedra; de 127 a 124 en Lugo e de 120 a 117 en Ourense. Educación avanza que este curso escolar haberá 3.000 novas prazas de comedor, de forma que o servizo chegará en total a 69.000 alumnos e, en canto ao transporte escolar, o número de usuarios ascende a 90.000 en toda a comunidade.
Fonte: La opinión Coruña