Entradas

Baía Edicións fará entrega do III Premio Fina Casalderrey o próximo 17 de novembro

Baía Edicións fará entrega do III Premio Fina Casalderrey de Literatura Infantil pola Igualdade á autora, Marta Lado por A pita xefa. No acto participará Valentín García Gómez, secretario Xeral de Política Lingüística, Belén López Vázquez, directora de Baía Edicións e a autora e gañadora do premio, Marta Lado. Terá lugar no Pazo de San Roque de Santiago de Compostela o mércores día 17 de novembro ás 12:00 horas.

O Xurado do III Premio Fina Casalderrey de Literatura Infantil pola Igualdade estivo formado por Charo Baleirón Soñora, coordinadora do Departamento de Innovación Pedagóxica das Escolas Católicas en Galicia e dos recoñecidos Premios Frei Martín Sarmiento; María Jesús Fernández Fernández, socia fundadora de Gálix, colaboradora de revistas como CLICJ, Revista Galega de Educación, Platero e Criaturas, nas que centra o seu interese na divulgación da literatura infantil e xuvenil; Esther Gómez Suárez, propietaria da Libraría Moito Conto (A Coruña); Ángeles Roca López, Bibliotecaria, actualmente xubilada, gañou o Premio Nacional de Animación á Lectura, pola súa creación do Moucho Leroucho, auténtico dinamizador da lectura e do libro para xeracións de nenas e nenos de Cambre e Tania Vázquez García, profesora de ensino secundario, filóloga, investigadora e colaboradora de diversos plans de lectura e igualdade.

Aberta a plica correspondente, resultou ser a gañadora do premio a obra de Marta María Lado Ínsua, que leva como título definitivo A pita xefa.

O Xurado manifestou, entre outros aspectos, o seguinte:

“A temática axústase estritamente ás bases, criticando os roles de xénero tan asentados na nosa sociedade e loitando contra os estereotipos, cunha historia orixinal, divertida e reivindicativa sen caer en dogmas nin estereotipos.

Enmárcase nun mundo animal-natureza co que é doado que se identifiquen as lectoras e lectores aos que vai dirixida, considerando un acerto o emprego da imaxe do galiñeiro, que ilustra perfectamente as leis que rexen o comportamento dos distintos individuos que o forman, piramidal e dominada polo galo.

Abre a porta a unha mudanza dos comportamentos estabelecidos dun xeito lúdico sen caer no dirixismo e tratando á rapazada con intelixencia. Anima a romper cos esquemas sexistas dominantes, pon de manifesto  a utilidade da unión e anima  a loitar por un obxectivo igualitario.

O emprego do galego está moi coidado, presentando estruturas e léxico do noso, resultando un texto, fresco, divertido, con musicalidade, conectado con refráns e bastante retranca. A linguaxe é clara e está ben adaptada a primeiras lectoras e lectores.

Trátase, á fin, dun texto rico en imaxes, o que favorecerá o traballo de ilustración da obra. Ambos rexistros, texto e imaxe, poderán perfectamente complementarse e dar lugar a un fermoso álbum ilustrado”.

A obra será publicada por Baía Edicións en álbum ilustrado a toda cor na colección Contoxconto e a autora recibirá 2 500 € cos que está dotado este premio.

O Premio Fina Casalderrey de Literatura pola Igualdade trátase do primeiro destas características que se convoca en Galicia, xurdido a raíz das carencias percibidas dalgunhas temáticas nos contos infantís, temáticas  que poden axudar á construción dun imaxinario en igualdade entre mulleres e homes xa desde a infancia, necesario para un mundo máis xusto.

Baía Edicións convoca o III PREMIO FINA CASALDERREY de literatura infantil pola igualdade

Co motivo da celebración do 8 de marzo, para promover a educación en igualdade e como homenaxe a todas as persoas que fixeron a aposta de escribir literatura infantil non sexista, Baía Edicións, coa colaboración da Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia, convoca o III PREMIO FINA CASALDERREY de Literatura Infantil pola igualdade, que se rexerá polas seguintes bases:

BASES DO CONCURSO

Primeira

Poderán concorrer ao premio todas as autoras e autores de calquera nacionalidade que presenten os orixinais escritos en lingua galega conforme a normativa vixente.

As obras deberán atender ao concepto de literatura infantil non sexista e coeducativa en calquera dos seus aspectos, introducindo elementos críticos que cuestionen o modelo social sexista dominante.

Segunda
As obras a concurso deben ser orixinais, inéditas e non premiadas. O feito de participar implica o compromiso de non optar a outros premios coas mesmas obras mentres non se resolva este, compromiso que se estenderá máis aló da resolución de resultar gañadora.
Aproveitamos para lembrarmos as obras gañadoras do I e II Premio Fina Casalderrey de Literatura Infantil pola Igualdade, de especial interese por tratar temas necesarios:
A ocupación do espazo central no patio do colexio, na actualidade maioritario para os nenos, resultando unha radiografía sexista, da que diversos estudos están a poñer a atención. Ese é o tema que Antía Yañez aborda n’A reconquista.
Calcúlase que 800 millóns de mulleres no mundo están menstruando á vez, no que supón o maior derramamento de sangue pacífico no mundo. No entanto, a sociedade oculta este feito, mitifícao e mesmo o discrimina con certas actitudes. Desde logo, os contos infantís non o teñen moito en conta, pero Sabela Losada Cortizas si, dando como resultado Vermella.
O País do Gran Furado, de Xerardo Quintiá é unha obra que resalta polo seu humor irreverente, pola súa transgresión dos contos populares e por reivindicar a poesía, a alegría e a revolución como camiños para procurar a igualdade.