A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, en colaboración co Concello de Redondela, promove o II Obradoiro Internacional de Tradución Poética ‘Con barqueira e remador’, unha iniciativa pioneira en Galicia que se celebrará por segundo ano consecutivo na illa de San Simón, berce simbólico da poesía trobadoresca galego-portuguesa. O departamento autonómico continúa así coa aposta por potenciar a programación cultural neste simbólico espazo insular.
Sete recoñecidas e recoñecidos poetas pertencentes a outras tantas comunidades lingüísticas –galega, estoniana, turca, húngara, asturiana, inglesa e alxeriana– participarán este ano, do 14 ao 19 de outubro, nesta iniciativa coordinada pola escritora Yolanda Castaño, na que cada poeta traduce a cadansúa lingua e, á vez, é traducido ás demais, tomando como referencia o inglés como idioma vehicular.
A iniciativa, que coloca Galicia na rede de obradoiros de tradución poética, foi presentada hoxe, Día Internacional da Tradución, polos secretarios xerais de Política Lingüística, Valentín García, e de Cultura, Anxo Lorenzo, quen salientou o “carácter innovador do obradoiro, nacido desde a concepción da riqueza do diálogo cultural” e que promove, desde o galego, o intercambio literario de ámbito internacional.
A illa de San Simón, un referente cultural
En referencia ao escenario no que se desenvolve, o secretario xeral asegurou que “actividades coma esta contribúen a consolidar a illa de San Simón como referente cultural e social, ao tempo que favorecen o desenvolvendo do proxecto Illa do Pensamento, coa participación de institucións e recoñecidos profesionais, como os que participan neste obradoiro”.
Pola súa banda, o secretario xeral de Política Lingüística destacou “a importancia de experiencias innovadoras coma esta na proxección e no coñecemento da lingua galega a nivel internacional”.
O presidente da Deputación de Pontevera, Rafael Louzán; o alcalde de Redondela, Javier Bas; e a escritora Yolanda Castaño tamén participaron na rolda de prensa realizada esta mañá no edificio Sarmiento do Museo de Pontevedra e que esta tarde, ás 20:00 horas, será o escenario dun recital multilingüe no marco do cal se dará a coñecer a plublicación resultante da primeira edición do obradoiro.
Gökçenur Ç (Turquía), Ana T. Szabó (Hungría), Kätlin Kaldmaa (Estonia), Xuan Bello (Asturias), Samira Negrouche (Alxeria), Lawrence Schimel (Estados Unidos) e Isaac Xubín (Galicia), poetas recoñecidos nos seus sistemas literarios e, á vez, solventes tradutores literarios, terán ocasión de compartir, durante unha semana, un enriquecedor traballo mutuo de transvasamento entre linguas.
Actividades para interactuar co público galego
Ademais do obradoiro especializado nas instalacións da illa de San Simón, a programación desta iniciativa propiciará o rico intercambio entre os poetas e o público galego a través dos recitais poéticos ‘Atendendo o meu amigo’ e dunha mesa redonda ‘. O primeiro destes actos abertos e gratuítos será o 16 de outubro ás 20:00 horas na Casa das Campás de Pontevedra, onde terá lugar o primeiro dos dous recitais multilingües, coa colaboración da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega.
Ao día seguinte, o 17 de outubro, ás 19:30 horas, levarase a cabo a mesa redonda ‘Creando as ondas. Tradución poética en mans de poetas’, un acto que terá como escenario a Casa Galega da Cultura en Vigo e que conta coa colaboración de BITRAGA, GAELT e a Facultade de Filoloxía e Tradución. Finalmente, o Multiusos da Xunqueira, en Redondela, acollerá o segundo recital multilingüe, nova lectura poética que lle porá o broche de ouro ao obradoiro, con poemas nos idiomas orixinais e mais coas traducións ao galego.
A tradución como fonte de intercambio cultural
Con motivo do Día Internacional da Tradución, Cultura e Educación destaca a importancia de trasladar a outras linguas a literatura galega e de facilitar, a través do galego, o acceso aos autores foráneos. Para avanzar nestas dúas direccións, a Consellería promove diversas iniciativas, entre as que tamén se inclúe unha liña de subvencións destinada á tradución desde outras linguas para o galega e desde o galego para outros idiomas. Así mesmo, a Secretaría Xeral de Cultura promove o portal web da literatura galega en inglés Portic of Galician Literatura e a colección Galician Classics, no marco da cal se publicou este ano a primeira tradución ao inglés de ‘Cantares gallegos’.
Fonte: Xunta de Galicia