Trinta grupos participan na edición de 2013 de Buxiganga
Comezaron sendo 12 os grupos que participaron na primeira edición de Buxiganga, o programa de teatro afecionado da provincia de Lugo. Hoxe presentouse a edición deste ano na que ese número medra ata 30. En total todos eles ofrecerán 62 funcións en espazos dependentes de concellos e de colectivos de carácter cultural. Desde a Deputacion de Lugo, entidade que promove esta iniciativa, quixeron destacar o papel que desempeña este programa en promoción do teatro amador e que este ano permite a incorporación, como novidade, de seis formacións.
Os colectivos Faro-Miño, de Chantada, Mequetrefes, de Antas de Ulla, Ollomao, de Barreiros, TeatroCrea, de Viveiro, Os Trocos, de Castro de Rei, e Xoldra, de Mondoñedo son as novas formacións que se integran neste proxecto que terá un prezo simbólico de 2 euros por entrada.
Nesta ocasión manteñen o caché dos grupos de teatro afeccionado de maneira que os grupos de ata cinco persoas cobrarán 300 euros por actuación, os grupos de entre seis e oito persoas cobrarán 500 euros por actuación, e os grupos de máis de nove persoas, 850 euros, a menos que un grupo realice o tope de 3 funcións, que pasarán a cobrar 250, 450 e 800 euros, respectivamente.
Fonte: Culturagalega