Un estudo sinala o risco de “extinción dixital” do galego, eúscaro e catalán
O galego, o eúscaro e o catalán son algunhas das linguas minoritarias europeas que están en risco de “extinción dixital” polo pouco apoio que teñen nas novas tecnoloxías, segundo conclúe un estudo da Universitat Politècnica de Catalunya (UPC) e a Universitat Pompeu Fabra (UPF).
Nun comunicado, ambas as universidades informaron de que tras analizar áreas como a tradución automática, a interacción coa voz, a análise textual e a dispoñibilidade de recursos lingüísticos estas tres linguas teñen un apoio “parcial”, o que as sitúa no conxunto de alto risco, igual que o búlgaro, o grego, o húngaro e o polaco.
O estudo, que avaliou o apoio tecnolóxico co que contan 30 das preto de 80 linguas europeas foi realizado por META-NET, unha rede europea de excelencia formada por 60 centros de investigación de 34 países.
Fonte: Culturagalega