Unha nova plataforma social compostelá axúdanos a ocupar o noso tempo de lecer
A empresa compostelá Geodoing, da que forman parte distintos profesionais entre os que figura o Grupo Promedia do que xa temos falado polos seus recoñecementos no ámbito do deseño web, desenvolveu unha plataforma de balde para facilitar a organización de plans e axudar a chegar a acordos coa xente que nos rodea, e que está dispoñible a través de aplicacións móbiles para iPhone e para Android (en breve contará tamén con aplicacións para BlackBerry e Windows Phone), así como a través dunha páxina web, e que supón unha dobre optimización do tempo de lecer: por unha banda exerce de altofalante social para coordinar en tempo real aos socios necesarios para o desenvolvemento da actividade que dese o usuario e, por outra banda, divulgando alternativas de tempo libre propostas polo demais membros da comunidade á que poder adherirse en calquera das categorías dispoñibles: deportes, aire libre, social, cultura, acordos e citas.
Os responsables do proxecto aseguran que é o primeiro desenvolvemento destas características realizado integramente en España e que entre as súas vantaxes está a súa efectividade e axilidade para crear eventos sobre a marcha, o seu uso intuitivo e unha sinxela política de privacidade que deixa o control dos datos ao usuario.
Geodoing nace hoxe como un servizo de balde por invitación (están a repartir invitacións a través de distintos espazos na web, como un concurso a través de Facebook e outro a través de Twitter) que permite publicar propostas de lecer de xeito público ou privado, pode conectarse coas nosas redes sociais dun xeito doado, fai uso da xeolocalización para facer máis doado atopar eventos de interese ao noso redor e conta cun sistema de valoracións de usuarios para poder coñecer o nivel de compromiso e seguridade do resto de usuarios do sistema.
Fonte: Codigocero