Unha ollada AFondo sobre o derrubo do ensino universitario

Coordenado por Alba Nogueira, profesora universitaria e presidenta da Xunta de PDI da USC, Sermos Galiza presenta un AFondo arredor do derrubo do ensino superior en Galiza. Unha universidade que comeza novo curso vivendo as súas horas máis baixas por mor dos sucesivos ataques contra a súa autonomía, sistema de financiamento e mesmo, sobre todo, contra o seu capital humano: docente, investigador e estudantil.

A través deste caderno monográfico Sermos fai un bosquexo da situación actual do sistema universitario galego e faino da man daquelas persoas que o coñecen de preto. Desvendan cales están a ser as pancadas letais que deixan as universidades do país sen financiamento mais tamén como as débedas contraídas imposibilitan destinar o aforro á mellora da calidade do ensino.

Asemade, avalian as primeiras consecuencias da implantación do Espazo Europeo de Ensino Superior (EEES), máis coñecido como Plan Boloña.

Entrevista ao reitor Armesto

Da man de Xosé Luís Armesto, reitor da Universidade da Coruña, afondan nos problemas que atinxen o sistema universitario galego e as principais denuncias que desde as reitorías se fan das decisións políticas da Xunta. Este reitor ten claro que a perda de autonomía das entidades deixa pouca marxe de manobra para reverter a situación.

Mais tamén nos achegamos á universidade 2.0 e como as tecnoloxías da información e a comunicación (TIC) abren ás portas á que poderiamos cualificar como universidade de masas neoliberal.

A situación do profesorado –cada vez con menos dereitos– e da investigación, completan esta ollada AFondo arredor dun sistema universitario que comeza o curso baixo a sombra dos conflitos.

O caderno conta coas achegas de Antonio Pérez Casas, membro do consello de goberno e consello social da USC; Xosé Manuel Cid Fernández, vogal do Consello Galego de Universidades; Xosé António Rubal, persoal de Administración e Servizos da USC; Carlos Amoedo, secretario xeral da Universidade da Coruña; e Xavier Vence, catedrático de Economía Aplicada da USC.

Fonte: Sermos Galiza