Valentín García aposta por unir o galego co “prestixio da ciencia e da tecnoloxía”
A Consellería de Cultura celebrou este mércores a Semana da Ciencia e da Tecnoloxía en Galego nun acto no que estiveron presentes alumnos galegos de Bacharelato. Ante eles, o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, apostou por unir o idioma galego e o “prestixio da ciencia e da tecnoloxía”.
Por a súa parte, Miguel Ángel Ríos, presidente en funcións da Real Academia Galega das Ciencias, fixo para o alumnado un percorrido polas ciencias en Galicia, repasando as súas figuras destacadas e as contribucións feitas ao avance do coñecemento.
O escritor Xosé Neira Vilas encargouse de abordar a figura do homenaxeado este ano con motivo da Semana da Ciencia en Galego, Isaac Díaz Pardo, con quen mantivo unha longa amizade. Na súa intervención, Neira Vilas centrouse na faceta de Díaz pardo como deseñador de máquinas industriais.
Isaac Díaz Pardo, habitualmente recordado como artista e editor, protagonizou unha importante faceta orientada á ciencia e á tecnoloxía. Dende 1947 dedicouse á investigación sobre cerámica, creando fórmulas propias de vitrificados da porcelana e deseñando diferentes máquinas relacionadas con este mundo.
En relación a Sargadelos, do que foi pioneiro, elaborou novas fórmulas de pastas para aplicar o azul cobalto propio destas cerámicas, inventou mesas rotantes de produción e creou máquinas que non existían no mercado.
Entre outras cousas, foi impulsor do Seminario de Estudos Galegos, colaborou coa Universidade de Santiago na posta en marcha do Instituto de Cerámica e activou o Laboratorio de Formas.
Fonte: GaliciaHoxe