Vázquez Freire e Xosé Tomás promoven a escola de ilustración “O neno amarelo”

Un escritor e un ilustrador, os dous nomes relevantes na edición infantil, botan a andar xuntos un novo proxecto, “O neno amarelo”, unha escola de ilustración na que a palabra e a ilustración, a técnica e a teoría, se dan a man.

“O neno amarelo” nace como escola de ilustración co aval de dous dos nomes máis destacados da edición infantil, Miguel Vázquez Freire e Xosé Tomás, os dous tamén profesores de profesión. Como equipo teñen asinado numerosos proxectos colectivos, desde o ámbito do álbum ilustrado ate obradoiros en centros educativos ou volumes de banda deseñada. Agora xúntanse, coa apoio de Baia Edicións e o Colexio San Narciso de Marín, para promover un espazo de formación no que a ilustración e a técnica daranse a man coa palabra, a teoría e a literatura co álbum ilustrado como referente.

As sesións do programa terán lugar os venres á tarde en San Martiño Pinario, no centro histórico de Compostela, ao longo dos meses de outubro, novembro e decembro e por elas pasarán, de maneira alterna a teoría e a análise de Miguel Vázquez Freire e a aplicación práctica de Xosé Tomás.

Outra parella ben coñecida da edición infantil, o escritor Xabier P. Docampo e o ilustrador Xosé Cobas, participarán no programa a través dunha Máster Class conxunta. A directora de Baía Edicións, Belén López mais a da Biblioteca Infantil e Xuvenil da Coruña, Mercedes Cerdeiras serán as protagonistas doutras das clases da escola.

Cada participante realizará un proxecto titorizado polos profesores ao final do curso e Baía Edicións escollerá quen será o ilustrador ou ilustradora escollida para a publicación dun álbum de maneira profesional. Para máis información e matrícula está operativa na súa web http://www.onenoamarelo.com/