Visita a exposición ‘Como se imprime un libro Grafistas e impresores en Bos Aires 1936 – 1950’ na Fundación Luis Seoane
En 1942 a Imprenta López de Bos Aires edita e regala aos seus clientes e colaboradores máis achegados unha obra mestra do deseño gráfico moderno: o fotolibro Cómo se imprime un libro.
A través do deseño de Attilio Rossi e as fotografías e fotomontaxes de Horacio Coppola e Grete Stern, a publicación rexistra de xeito maxistral os pasos na produción dun libro e é un documento único e de primeira man do que foron os oficios das artes gráficas naquela época.
Tomando como guión esa folla de ruta que é o proxecto gráfico do libro, a exposición Como se imprime un libro. Grafistas e impresores en Bos Aires 1936-1950 traza un itinerario sobre pezas chave da gráfica editorial arxentina durante a chamada ‘época dorada da edición’ a través do traballo dos grafistas Attilio Rossi, Grete Stern, Horacio Coppola, Jakob Hermelin, Luis Seoane e do impresor Manuel López. Personaxes entre os que se teceron amizades, colaboracións e mutuas influencias nese período.
A exposición propón un achegamento a todo aquilo que conforma o pequeno universo plásticodo libro: o formato, a diagramación, os tipos de letra, as ilustracións, o deseño das cubertas, dos emblemas editorias, a impresión e a encadernación. A selección de pezas inclúe case cen titulos, a maioría primeiras edicións, e na que están representadas máis de 12 editoriais e unha vintena de coleccións, réxese en función do seu valor como aportacións a esa obra colectiva, multiforme pero claramente identificable, que será o deseño editorial latinoamericano durante o pasado século, e que na década dos 40 experimenta o seu primeiro e máis forte impulso co nacemento de editoriais como Losada, Emecé, Espasa-Calpe Argentina ou Nova.
A mostra busca novas maneiras de expoñer os libros, achegándoos ao espectador mediante recursos como ampliación de fragmentos, fotografías do contexto, proxeccións de secuencias de páxinas, interactivos, explicacións de procesos gráficos, etc. Como se imprime un libro intenta poñer de manifesto que o libro é en sí mesmo unha peza que responde aos parámetros estéticos da época na que se confecciona e constitúe un elemento chave na construción do imaxinario individual e colectivo.
Ademais das pertinentes consultas a bibliotecas e hemerotecas, contouse co asesoramento de coleccionistas, investigadores, familiares e amigos dalgúns dos protagonistas. Este labor de documentación permitiu reconstruír traxectorias biográficas e acreditar que nalgúns casos permanecían no esquecemento desde fai máis de sesenta anos.
Así podemos presentar a historia da Imprenta López desde a súa fundación en 1908, ou o catálogo máis amplo ata a data do traballo editorial en Bos Aires de Attilio Rossi ou de Jakob Hermelin, do que tamén se documentou boa parte do seu anterior labor en Alemania como editor de obra gráfica. O resultado de este estudo quedará rexistrado a través de catro ensaios complementarios entre sí e do catálogo de pezas que conforman a mostra no libro que se publicará sobre a exposición.