Xela Arias e Luísa Villalta: Letras, interartes, proxectos na fin de século

Os temperás falecementos de Xela Arias (1962-2003) e Luísa Villalta (1957-2004) truncaron hai dez anos unhas vidas que, sendo sen dúbida singularísimas na súa condición persoal, foron tamén representativas da progresión que desde mediados dos anos 80 supuxo a presenza das mulleres como axentes, referentes e xestoras culturais no país. Unha e outra, desde as súas localizacións prioritarias en Vigo e A Coruña, participaron en intervencións colectivas, promoveron iniciativas, exploraron relacións interculturais a través da tradución e doutras vías experienciais e discursivas e sentiron, ademais, a atracción por indagaren nos espazos intersticiais en que as diferentes artes converxen por uns ou outros motivos e derivas.

A xornada pretende manter viva a memoria da súa produción literaria, así como dos diversos vínculos que nas súas vidas ambas foron trazando con proxectos de notábel repercusión na recente historia cultural galega. A isto dedícanse as achegas que profundarán nos seus respectivos perfís estético, intelectual e político, así como as centradas directamente nas súas poéticas persoais como autoras dun relevante corpus poético e, en xeral, como escritoras. Estas análises contarán co reforzo antes mencionado de tratar de ver nelas un signo da emerxencia da presenza das mulleres -autoras no espazo cultural dos pasados anos 80 e 90 (asociacionismo, publicacións e creacións colectivas, relacións co movemento feminista, promoción de foros, etc.).

Nun marco de condición menos académica, máis marcada pola exploración interartística (música, fotografía, danza e artes escénicas, artes plásticas…), a xornada amosará, así mesmo, a vixencia do discurso literario e intelectual de Luísa Villalta e Xela Arias. A xeito dun laboratorio de prácticas no espazo interartes preséntanse, por unha banda, proxectos en que traballaban ambas as autoras cando a morte se lles presentou sen previo aviso e, por outra, intervencións ―nalgún sentido interpretativas― encomendadas a outras artistas sobre a poesía escrita polas poetas coruñesa e luguesa.

Poden acceder ao programa no Consello da Cultura Galega

http://www.consellodacultura.org/mediateca/extras/20140126-PROGRAMA-XELA-ARIAS-E-LUISA-VILLALTA%20.pdf