Bases da convocatoria da XXXVI Edición do Premio Blanco Amor de Novela Longa

A Xunta de Goberno da Deputación de Ourense celebrada esta mañá no Pazo Provincial aprobou as bases reguladoras da convocatoria da XXXVI edición do Premio “Blanco-Amor” de novela longa. Así o informou a deputada de Transparencia e Goberno Aberto da Deputación de Ourense, Montserrat Lama, quen deu conta dos acordos da Xunta de Goberno correspondente ao venres 7 de abril.

As bases deste premio recollen que poderán participar nel todos os autores que presenten unha ou varias obras escritas en galego segundo a normativa oficial. En canto ás novelas, terán unha extensión mínima de 150 folios mecanografados ou escritos en ordenador (fonte: Times New Roman e tamaño 12) a unha soa cara e a dous espazos, ou de 75 folios coa mesma fonte a dúas caras e a dous espazos.

As obras presentadas terán que ser inéditas e de cada obra deberán presentarse cinco copias asinadas cun lema, en paquete sen remite, dirixido á Deputación de Ourense, facendo constar no exterior “Para o XXXVI Premio Blanco-Amor” e, nun sobre anexo, pechado e baixo o mesmo lema, indicaranse o nome e enderezo do autor e, de ser posible, o seu teléfono e enderezo electrónico.

O prazo para presentarse rematará o día 14 de setembro de 2017, coincidindo co cento vinte aniversario do nacemento en Ourense de Eduardo Blanco-Amor.

O xurado do premio, nomeado pola Deputación, estará composto por cinco membros de recoñecido prestixio no ámbito da cultura galega. O premio estará dotado con 12.000 euros e unha obra escultórica. A concesión do premio implicará a cesión ao autor dos dereitos da primeira edición en lingua galega da obra, a cal deberá realizarse nun prazo máximo dun ano desde a data de entrega do premio, quedando sen efecto a cesión no caso de que no dito prazo non se leve a cabo.

A entrega do premio terá lugar nun acto literario organizado pola Deputación o día 1 de decembro de 2017, trinta e oito cabodano do autor de A Esmorga. A convocatoria deste premio publicarase no BOP e na sede electrónica da Deputación.

Continuando en materia cultural, na xuntanza tamén se aprobaron os prezos públicos para o Campamento da Ourensanía que este ano chega a súa cuarta edición e que establece como cota de inscrición un importe de 88 euros.

No apartado de Benestar, a Xunta de Goberno aprobou o proxecto “EmpregOU” para a súa presentación ás axudas do Fondo Social Europeo na convocatoria de 2017 previstas no Programa Operativo de Emprego Xuvenil (Axudas AP-POEJ). A axuda solicitada ascende a 1.520.724,37 euros, cantidade que representa o 91,89% do presuposto total elixible do proxecto “EmpregOU”, que ascende a 1.654.940 euros.

Fonte: Deputación de Ourense