Artigos

A edición galega acumula unha caída do 26%

A tendencia a unha diminución da produción editorial galega vense de confirmar nos datos feitos públicos pola FGEE, entidade que agrupa aos gremios de editores das comunidades autónomas e que reflicten o resultado do rexistro do ISBN no ano 2012. Segundo ese adianto da Federación de Gremios de España a produción en galego baixaría a mínimos históricos cunha cifra de 1.340 títulos editados en galego dun global de 2.190 rexistros.

Datos

A panorámica da edición, informe elaborado polo MEC en base aos datos do ISBN, reflicte que no ano 2011 foron rexistrados 2.130 títulos en galego, dos cales 203  foron editados por organismos ou institucións públicas e o resto, 1.927 libros polas editoriais privadas. Segundo eses datos a edición privada galega editou 1.396 títulos en galego e os editores privados de fóra de Galicia 531. O Informe de Comercio Interior do ano 2011, editado pola FGEE, reflicte unha produción de 1.922 títulos editados en galego, sendo a produción feita en Galicia de 1.587 títulos. O Informe do Comercio Interior de Galicia dese mesmo ano aporta uns datos moi semellantes, 1.587 libros editados en galego en Galicia dun un total de 2.156 títulos.

Mil trescentos rexistros menos no ISBN  

No ano 2011 foron solicitados por editores privados e públicos 3.384 rexistros de ISBN, 1.370 rexistros menos que os solicitados no ano 2010, cunha baixada porcentual do 28%. A produción galega diminueu no ano 2011 un 16,3% en relación ao ano anterior e, de confirmarse os datos do ISBN, no ano 2012 a redución chegaría a un  26%.

Fonte: AGE