Entradas

Desde hoxe, Sermos Galiza cada sexta feira na rúa

Cada semana, desde esta sexta feira, Sermos Galiza chegará aos quiosques co obxectivo de informar, fornecer claves para a interpretación, entreter e ofrecer novas propostas de lectura e ocio. Este primeiro número suporá un achegamento de lectores e lectoras a este medio que quere conxugar a información e a análise, a reportaxe, a entrevista e o artigo de fondo, para alén de novas propostas de entretimento na nosa lingua.

Neste primeiro número un amplo informe sobre a política municipal fará balance dun ano de gobernos locais. O modelo do PP nos concellos e a mudanza de Pontevedra con Miguel Fernández Lores á fronte serán algúns dos contidos da análise política deste primeiro número. Na ampla sección de social abórdanse temas como a nova lei que regula as condicións das empregadas do fogar, a reforma no currículo de Educación para a Cidadanía e o último episodio da batalla das viciñ@s de Quilmas contra a multinacional Stolt Sea Farm por lles contaminar as terras. En economía e laboral abórdanse as últimas novidades de NGB até o impacto da crise nos fogares de Galiza.

A sección de cultura afonda na crise das artes escénicas e ofrece entrevistas co escritor Agustín Fernández Paz e Ignacio Vilar, o director de Vilamor. O Okapi viaxa a Gres para se atopar coa casa de Xosé Neira Vilas, un centro cultural da aldea para nenos e nenas.

Artigos de Xavier Vence, Carlos Taibo ou Pilar García Negro ofrecerán lecturas e reflexión na saída en papel do noso cabezallo. Alén diso, Sermos Galiza aposta por propostas novidosas como a sección de información infantil, a de deseño, viaxes ou agroconsumo.

Fonte: SermosGaliza

A Rede Europea contra a Pobreza alerta: 1 de cada 3 familias galegas depende da xubilación ou desemprego

O número de persoas que viven en situación de precariedade económica na Galiza ascende xa a 600.000, segundo datos dun recente estudo realizado pola European Anti Porverty Network (EAPN). Alén diso, unhas 100.000 persoas están afectadas pola pobreza severa no noso país. Así mesmo, a subsistencia dunha de cada tres familias da Galiza depende das pensións de xubilación ou das prestacións por desemprego, segundo o estudo do Instituto Galego de Estatística citado.

Canto á situación a nivel estatal, a cifra de persoas que viven de forma precaria elévase xa aos 10 millóns, segundo EAPN, mentres que o dato sitúase en 17.000 afectados cando a referencia é a capital da Galiza, Santiago de Compostela.

Cómpre lembrar que o 27% das persoas asalariadas en Galiza percibiron como máximo o SMI (un 15 % apenas a metade deste). Conxuntamente recibiron o 6% do total da masa salarial das galegas/os. O 1,5% das persoas asalariadas en Galiza de maiores ingresos (máis de 7,5 veces o SMI) percibiu o 7,7% do total das rendas salariais galegas. Os números falan por si propios: o 1,5% das persoas asalariadas de maiores ingresos acaparan unha maior porción da masa salarial que o 27% de menores ingresos-

Alén diso, os datos do Instituto Galego de Estadísticas indican que o 18 por cento dos fogares galegos con nen@s ao cargo viven por baixo da liña de pobreza. E no caso daqueles lares onde viven só un adulto e unha crianza, esa porcentaxe elévase até rozar o 50%.

Fonte: SermosGaliza

Nace ‘Sermos Galiza’, un novo medio multiplataforma, colectivo e en galego

Sermos Galiza bota hoxe a andar, un novo medio dixital de información xeral en galego que a partir do 17 de maio será tamén un semanario en papel. O proxecto nace por iniciativa dun grupo de 14 persoas que inclúe á escritora Teresa Moure ou ao músico Xurxo Souto. O obxectivo do novo medio é converterse nun referente da información en galego, coa lingua como principal trazo definitorio. Para iso, conta co apoio de 900 accionistas que a través da súa achega conseguiron dar forma ao proxecto.

A redacción do dixital está composta por cinco xornalistas que fomentarán a participación activa dos lectores. A implicación cidadá e o traballo de colaboradores de distintos ámbitos serán a base do novo medio, que pretende ofrecer unha visión crítica da realidade galega. Pola súa vocación de proxecto colectivo, Sermos Galiza buscará o apoio das diferentes asociacións existentes no país, que terán no novo portal un altofalante para as súas iniciativas e proxectos.

A información de Galicia centrará os contidos do novo portal, pero tamén haberá espazo para o que ocorra noutros lugares, fundamentalmente os máis próximos. Neste sentido, terán especial importancia os acontecementos que teñan lugar en Portugal e no resto de países lusófonos. Conscientes da difícil situación á que fan fronte os medios de comunicación, os responsables de Sermos Galiza confían en poder asentarse e converterse nun medio sólido. Para iso, ofrecen a posibilidade a todo o que queira de subscribirse ao semanario a través da súa páxina web. O obxectivo que se marcan para poder garantir a súa viabilidade é conseguir o apoio de 3000 cidadáns.

A posta en marcha do diario dixital é o primeiro paso. Á publicación do semanario a partir do próximo mes, esperan poder sumar novos servizos a través de diferentes soportes. A creación dunha radio dixital é o próximo obxectivo no horizonte, un obxectivo que esperan cumprir canto antes.

Fonte: El País