Sergio Lago non seguirá á fronte do Culturgal que reducirá o seu tamaño
Sergio Lago e o equipo de Nó Común deixarán de estar á fronte da Feira das Industrias Culturais de Galicia, Culturgal, como veñen de anunciar tanto na súa páxina web como nas redes sociais. “Foron dous anos de traballo intenso nos que dende o equipo organizador puxemos todo o noso esforzo en intentar construír un proxecto de todos e para todos os axentes culturais que participaron dunha maneira ou outra na feira”, comenta na nosa na que anuncia a súa despedida e desexa unha longa vida ao Culturgal.
Sergio Lago conta cunha sólida traxectoria no mundo da xestión cultural, na elaboración de planos estratéxicos, xestión de equipos e deseño de proxectos. Da súa man naceu a tenda Toupa.net que lle valeu un premio EGANET e previamente fundou o selo Falcatruada do que foi director.
A despedida de Lago e o seu equipo da xestión de Culturgal deixa á feira nunha delicada situación a pouco máis de seis meses da súa realización. Culturgal tense convertido enescaparate da cultura galega, coa presenza de industrias culturais de todos os sectores e unha asistencia multitudinaria de público que participa do amplo programa até agora ofrecido.
Redución de orzamento
“A casa da cultura galega é a túa casa. Ti tes as chaves” foi a lenda da última edición que se desenvolveu no Pazo da Cultura en Pontevedra que se consolida como sede fixa do grande evento que ten lugar pouco antes de Nadal. Cun orzamento de 250.000, o 15% menos que na edición anterior, desde a Asociación Culturgal que promove a iniciativa queixábanse de que a cantidade é o 25% do previsto en calquera proxecto similar a nivel estatal como o Mercat da Musica de Vic, a Fira de Tárreca ou a FICA de Andalucía.
A Asociación Galega de Editores (AGE), Asociación Galega de Empresas de Artes Escénicas (Escena Galega), Asociación Galega de Produtoras Fonográficas (Agaphono), Empresas Galegas Adicadas a Internet e ás Novas Tecnoloxías (Eganet) e a Asociación Galega de Produtoras Independentes (Agapi) traballan de maneira conxunta na entidade de asociacións profesionais que organiza o Culturgal que este ano non concretou polo de agora coas administracións o aporte de cartos públicos ao evento mais pode ver reducido aínda máis o seu orzamento.
Fonte: SermosGaliza