Artigos

Publican estudos sobre a influencia, relación e contacto entre o galego, castelán e portugués

O CCG acolleu a presentación do libro “Contacto de linguas, hibrididade, cambio: contextos, procesos e consecuencias”, coeditado co Instituto da Lingua Galega. O volume aborda a relación do galego coas outras linguas do seu contorno. Na presentación estiveron presentes Ramón Villares, presidente do Consello da Cultura Galega, Ernesto González Seoane, director do Instituto da Lingua Galega e dous dos editores do libro: Henrique Monteagudo e Gabriel Rei Doval.

“Este volume é posible logo de catro décadas de deseño da norma e do estándar da lingua galega”, sinalou o profesor da Universidade de Wisconsin e coeditor da publicación Gabriel Rei Doval, “porque tenta aproximarse sen complexos a unha área difusa e na que se producen estas dinámicas de contacto co castelán e co portugués”. A presenza do galego no “léxico dispoñible” do castelán de Galicia ou fenómenos tan controvertidos coma o ‘castrapo’, o neofalantismo, o purismo lingüístico ou a fronteira entre o galego e o portugués son analizados neste volume por diferentes especialistas. Para os editores, “cando se pensa na historia e na situación lingüística actual de Galicia, o prolongado contacto entre o galego e o castelán é unha realidade imposible de ignorar”.

Os expertos destacaron a fortaleza do galego na convivencia con outras linguas. “Ponse moito acento na influencia do castelán sobre o galego, pero o galego tamén inflúe no castelán”, sinalou Henrique Monteagudo, coeditor da publicación e profesor da USC. “É un libro que demostra a madurez dunha comunidade científica”, sinalou Ramón Villares, presidente do Consello da Cultura Galega, “e que permite un diálogo non moi frecuente”, sinalou o Presidente do CCG, en alusión á perspectiva máis tradicional de estudar os idiomas coma compartimentos estancos, e non na súa relación cos idiomas do contorno, “pero hoxe podemos dialogar porque o espazo construído é firme e seguro”.

Unha colección de dez volumes

Ernesto González Seoane, director do Instituto da Lingua Galega, encadrou o libro dentro da liña de publicacións e traballos desta entidade. “Forma parte dunha serie de dez volumes que vimos coeditando co CCG desde o ano 2002, e en certo xeito, son un balance sobre o que sabemos en diferentes ámbitos relacionados coa lingua a nivel galego e internacional”.

O volume recolle as contribucións realizadas ao Simposio ILG 2010. Deste xeito, no redacción do volume participaron especialistas como Eva Gugenberger, María Álvarez de la Granja, Belén López Meirama, Dante Lucchesi, Marta Negro Romero, Xosé Afonso Álvarez Pérez, Fernando Ramallo, Gabriel Rei-Doal, Francisco Dubert, Eva Fernández ou Fernando Venâncio.c.

Fonte: Culturagalega