Artigos

A cultura galega pide un Día de Rosalía á altura da poeta

CIG-Ensino apoia a iniciativa da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua galega (AELG) para a celebración do Día de Rosalía e súmase á proposta de celebrar a data agasallando un libro en galego e unha flor. O sindicato reclama que o 24 de febreiro, aniversario da publicación de Cantares Gallegos en 1863, se inclúa oficialmente no calendario escolar “como unha conmemoración centrada no recoñecemento e na difusión da autora que simboliza o Rexurdimento da nosa lingua e da nosa literatura”. A CIG reclama que “a Consellaría mude a súa postura insensíbel e inexplicábel cara ao idioma galego e admita esta proposta”. Este ano, ademais, conmemórase o sesquicentenario da publicación da obra, 150 anos dun dos fitos que marcaron o inicio do rexurdimento da lingua e cultura galegas

A AELG celebrará lecturas colectivas en numerosas cidades e vilas o sábado 23 de febreiro e está organizando un acto nacional que se celebrará o domingo 24 no Panteón dos Galegos Ilustres. De igual xeito o 22 de febreiro haberá lecturas colectivas de poemas de Cantares Gallegos en moitos centros de ensino e todo o país.

Fonte: Praza