Entradas

Coñecemos un pouco máis a Chelo Suárez

Chelo Suárez Muíños nace na Coruña o 1 de marzo de 1945. Asinou en diversas ocasión cos pseudónimos Amara Orzania e Puliana Marful. Foi colaboradora habitual de Radio Oleiros. En 2008 obtivo o Premio de literatura erótica Narrativas Quentes pola obra Os milagres de Cristamar e o segundo premio do Premio Modesto R. Figueiredo no 2008, por Colleita de sombras. En 2010 gañou a XVII edición do Premio Lueiro Rey coa obra As horas rotas e o Premio Adiala de relato curto do Centro Galego de Mallorca no 2010, por Monólogo dun cadáver. Gañadora da XIII edición do Certame de narración curta Ánxel Fole, convocado polo Concello de Lugo no 2011, por Recantos.

Ten publicado Flor de xiz. 2003, Primerapersona; Os milagres de Cristamar. 2008. Positivas; A venus de cristal. 2008, Xerais; Corpo de mar. 2008, Espiral Maior;  O arco da luz. 2009, publicado en internet; As horas rotas. 2010, Sotelo Blanco; En defensa do Poleiro. A voz dos escritores galegos en Celanova. 2010, Toxosoutos; Vivir un soño repetido. Homenaxe a Lois Pereiro, 2011, Asociación de Escritores en Lingua Galega, libro  Lois Pereiro, 2011, Asociación de Escritores en Lingua Galega, libro electrónico; A neve e o lume. Meiga Moira. Baía, 2012.

  • Bos días Chelo, cóntanos… cando e por que empezaches a escribir?

Penso que empecei a escribir moi nova,polo encanto que suscitaban en min a lectura e a maxia das palabras. Foi moi importante para min a tradición oral; todos eses contos clásicos que, adquirían unha nova dimensión, un sentido máis próximo nos beizos do meu avó, da miña nai.

  • Tiveches algún referente ou estilo que che gustase en particular?

Aprendín a ler en principio as imaxes, a través das películas, das que era espectadora diaria. Gardo moi bos recordos do meu cine de barrio, o Doré. O meu referente. As de vampiros, as películas de acción e intriga marcáronme e, xa lectora que devoraba libros, os de misterio eran os meus preferidos.

  •  Cal foi a túa primeira obra?

Empecei enviando a Bruguera, cando tiña trece anos, un conto longo,  que tiña que ver coa mitoloxía, onde as musas eran malísimas e, en vez de inspirar, roubaban as ideas. Contestáronme cun catálogo de libros. Do meu conto nin palabra.

  • Tes algún hábito á hora de escribir?

Gústame escribir moi de mañá e moi tarde, polas noites, sempre cun prato de mazás a man. Cando o que escribo me gusta, celébroo comendo unha. E penso o que lle custou a Eva, o atrevemento de chantala.

  • Recibiches moitos premios… se tiveses que escoller un, con cal te quedarías?

Algún premio recibín, e de todos sentinme moi orgullosa e agradecida. Fíxome moita ilusión recibir o Lueiro Rey de novela curta, polo que significaba para min a obra enviada.

  • Escribes narrativa, poesía e literatura infantil-xuvenil? En que estilo te sentes máis cómoda?

Coa narrativa síntome na miña salsa. A poesía venme en refachos,é coma un acto de luz que teño que aproveitar, do que saquei uns cinco libriños, dos que só teño un publicado. A literatura infantil-xuvenil atráeme moito. De feito teño varios proxectos que xiran  con ás de libélula de redor de min.

  • Nas túas obras mesturas sempre as penalidades do mundo coa poesía, que pretendes con esta mestura?

É algo que levo nos adentros. O mundo está cheo de penas, pero tamén de sucesos marabillosos e poesía. Así son eu: tristeza, ledicia, maxia e marabilla mesturadas. Polo tanto sinto a necesidade de expresalo na miña escrita.

  • Polo que podemos comprobar nas túas obras a tradición oral galega sempre está presente, cres que este é un dos xeitos de transmitila duns a outros?

Penso que si. Eu crieime tendo de redor xente que sabía contar. Que a palabra é o dicir eran fundamentais para eles. A tradición oral galega é coma un manancial que mana da alma, do que bebemos todos  os galegos.

  • A neve e o lume é a túa última obra publicada, verdade? Esta obra é unha achega á literatura galega da narrativa gótica. Poderías contarnos cando naceu Negraneve, a protagonista da historia?

Naceu un inverno. Illada nun balneario antigo, que tiña altas e estreitas ventás, un fermoso bosque nevado, un ceo de chumbo, frío, moito frío, silencio e uns cantos corvos, colgando nos abetos centenarios  os seus berros rotos. Así naceu Negraneve. De súpeto vina aparecer, preciosa pantasma da miña mente, tinxida de feluxe, deixando as negras pegadas dos seus pés no branco camiño. Tras dela foron xurdindo todos o demais. Todo o demais. A atmosfera érame propicia.

  • Segues a mesturar as penalidades, coa poesía e a sensualidade e, inclúes tamén, a tradición oral. Por que?

Son catro elementos que, no meu interior se funden nun todo. Téñoos como principio e como fin da miña existencia.

  • Poderías indicarnos cales son as túas autoras e/ou autores favoritas/os?

Os clásicos rusos e europeos. De entre eles, por nomear algúns, Tolstói, Chéjov, Flaubert, Stendhal. Galegos: Cunqueiro, Valleinclán, Emilia Pardo Bazán. En poesía, Rosalía de Castro, García Lorca e Alejandra Pizarnik son para min poetas moi próximos, que sinto vivos.

  • Como ves o papel da muller na literatura galega?

Hoxe moi destacable. Temos moi boas narradoras e poetas, todas elas con brillo propio. Este, como Rusia, é un país de tradicións, e moi literario.

  • Como ves hoxe en día a situación no mercado editorial?

A nivel galego bastante difícil para os editores e tamén para os escritores, polo pouco interese que o goberno amosa polo noso idioma, e os grandes recortes que está a facerlle á cultura.

  • Se queres comentarnos algo máis sobre ti ou sobre a túa obra deixamos este oco…

Más dunha vez preguntáronme: Porqué escribes? A resposta. Fágoo polo amor e interese que en min sempre suscitaron as palabras, que eran música para os meus oídos, letras que brillaban tentadoras coma cereixas, máxica grafía, tatuada na pel dos libros, sempre, por sorte, preto dos meus ollos. O mellor don co que fun bendicida a nacer, foi cunha sede infinita de palabras e de libros.

Grazas Chelo! Foi un pracer!