Nace unha revista de sociolingüística para o ensino
A letra miúda é o novo proxecto lingüístico da CGENDL. É unha nova revista dixital que tratará de achegar información e datos imprescindibles en materia sociolingüística para os docentes que traballan nese ámbito e axudarlles no deseño de modelos de intervención encamiñados á normalización do galego no ámbito educativo.
A publicación ten como obxectivo cubrir necesidades formativas do profesorado en xeral e especialmente daqueles que participan activamente na normalización do galego no ámbito educativo, contribuíndo a capacitalo para a toma de decisións metodolóxicas, pedagóxicas e didácticas de maneira crítica e reflexiva.
Experiencias educativas
Segundo explica esta entidade nun comunicado, a revista, á que se accede a través da páxina www.coordinadoraendl.org ofrece “artigos inéditos de cualificados especialistas” nos que se tratan temas moi variados que van desde fundamentos teóricos sobre ensino de linguas ata experiencias educativas desenvolvidas en situación de contacto entre linguas. Achéganse tamén descricións e análises de modelos lingüísticos educativos e información significativa sobre a situación sociolingüística de Galicia e doutros territorios con linguas minorizadas.
Ademais conta cun apartado de “Recomendacións” que se vai ir enchendo artigos xa publicados que se poden consultar na rede, recensións de publicacións básicas e ligazóns de interese, todo relacionado co ámbito mencionado.
Fonte: Galicia Confidencial