Pontevedra, capital galega no Día do Libro Infantil e Xuvenil

Co título “Cociñando contos” o Salón do Libro Infantil e Xuvenil celebra a edición número XV con grande éxito de público e contidos.

Da importancia do evento son as cifras de máis de 21.000 asistentes nas dúas primeiras semanas.

Cunha xornada especial no Día do Libro Infantil e xuvenil, na que a programación se desenvolveu tamén en centros de saúde e hospitais e co  encontro entre dous dos nomes máis relevantes da literatura infantil e xuvenil, Fina Casalderrey e Xabier P. Docampo nunha mesa coordinada polo tamén escritor e presidente de Galix (Asociación Galega de LIX) Francisco Castro, o Salón do Libro Infantil e Xuvenil conmemora de maneira especial o día no que en todo o mundo se celebra desde 1967 o nacemento do escritor danés Hans Christian Andersen. A actividades está organizada polo Salón en colaboración con Galix.

Un programa especial dunha edición na que o Salón cumpre 15 anos, convertido en principal encontro da literatura infantil e xuvenil do país e referente tamén máis alá das nosas fronteiras. Desde o 14 de marzo até o 5 de abril, un programa que inclúe exposición e presentacións de libros, obradoiros, contacontos, música ou teatro desenvólvese nun Pazo da Cultura que funciona tamén como obsrevatorio do estado do sector na Galiza.

Cos centros de ensino

Da implicación dos centros de ensino no Salón da conta os máis de 2.500 escolares de primaria participaron nas seis xornadas de mañá e 1.5000 de educación infantil estaban convocados para asistiren á estrea do espectáculo “Martes” de Boabab Teatro. Os obradoiros de tarde, entre eles un impartido polo alumnado do CIFP Carlos Oroza, “Comendo Cores” ou por OQO, “coa comida si se xoga” ou “Do cadro ao prato”, conseguiron tamén que as praza se esgotaran nunha edición na que a cociña está a ser a protagonista.

Un total de 134 actividades arredor do libro infantil e xuvenil da que a Concelleira de Cultura, Anxos Ribeiro destaca “a participación tamén de asociacións e grupos culturais de Pontevedra”, en iniciativas como a da asociación da Rúa Real que engalanou os balcóns con viñetas que van desde Garfield até a sopa de Mafalda, ou a creación de espectáculos pensados no Salón da Orquestra, o Conservatorio oíu o Seminario Permanente de Jazz.