Entradas

Jose María Vilar Varela fala de ‘A arte do bo pescar’ en Actualizad@s

José María Vilar Varela fala da pesca con cana no programa Actualizad@s comentando no mesmo programa que Baía Edicións está a preparar o seu primeiro libro A arte do bo pescar, que sairá á luz no mes de maio.

A pesca con cana non é só unha actividade deportiva, que se debe aprender a practicar e a gozar, é case un modo de vida: combates o estrés diario, gañas tranquilidade e saúde co contacto coa natureza -neste caso, o mar e o seu contorno-, logras unha gran satisfacción coas capturas realizadas e, finalmente co seu tratamento gastronómico. Estes son, sen dúbida, algúns dos seus moitos alicientes.

Esta guía representa, por unha banda, a plasmación dos coñecementos adquiridos polo autor ao longo da súa dilatada experiencia e, por outra, o seu desexo de transmitirllos aos apenas iniciados nesta práctica e a quen aínda non se deixaron atraer por ela.

A guía, na que José María buscou deliberadamente utilizar unha linguaxe absolutamente didáctica e directa para que cumpra o seu principal obxectivo, a divulgación, consta de catro apartados: 1) cebos e engados, 2) artes e técnicas, 3) o mar, os ventos e as mareas, e 4) a pesca das especies máis comúns das nosas costas.

A arte do bo pescar, en definitiva, é unha obra que pon en valor esta actividade que forma parte tamén da cultura das nosas vilas e cidades mariñeiras. A entrevista pode visualizarse a partir do minuto 01:20.

Actualizad@s. Capítulo 59

José María Vilar fala do seu libro A arte do bo pescar no programa de radio Entre Nós (25.05.12)

Visita ao humidal das Brañas de Sada coa ‘Guía das libélulas de Galicia’ na man

Esta actividade tivo lugar o domingo 7 de agosto de 2011 pola mañá e foi aberta a todo o público, especialmente deseñada para familias, no humidal das Brañas de Sada, guiada polo naturalista e biólogo Miguel A. Fernández-Martínez; autor da Guía das libélulas de Galicia.

Esta actividade constituiu o acto de presentación da Coordinadora Tizón para o Estudo e Conservación das Libeliñas e os seus Hábitats. Realizouse en colaboración co grupo local da Sociedade Galega de Historia Natural das Mariñas, comprometido coa conservación deste importante espazo natural. A actividade dou comezo ás 10:30 ao pé do Edificio da Terraza en Sada, desde onde se partiu xuntos ás Brañas. Pola tarde, ás 19:00 horas, coordenado por Baía Edicións presentouse o libro Guía das libélulas de Galicia na Carpa da Feira do Libro da Coruña. No acto participaron, ademais do autor, Miguel A. Fernández-Martínez, o ilustrador da guía Calros Silvar, e o especialista na conservación de zonas húmidas Alberto Gil responsable da coordinadora Tizón, acompañados de Belén López, en representación de Baía Edicións.

Guía das libélulas de Galicia

Esta guía trata sobre un grupo de insectos que reciben en Galicia as denominacións de tizóns do demo, cabalos do demo, gaiteiros do demo, sacaollos, quitaollos, mollacús, lavacús, gaiteiros e candileiros ou candís. Recentemente, para denominar estes insectos, incorporáronse a estas formas vernáculas outras de orixe culta, como libélula e libeliña. En termos técnicos estes insectos son agrupados na orde Odonata e denominados como odonatos.

A guía ofrece unha introdución á bioloxía e ecoloxía das libélulas, que serviu para aumentar e revolucionar, en certos aspectos, estas ciencias nos seus mesmos fundamentos. Asemade, facilita a identificación das libélulas mediante a súa observación directa, sen intervención nin captura, facendo fincapé nas características que sirvan para a distinción mediante a única axuda duns prismáticos, e algo de paciencia, e busca, ao tempo, servir de guía de campo para os naturalistas que queiran identificar as diferentes especies de libélulas de Galicia, atendendo as formas adultas.

Descríbense 62 das especies máis habituais no noso país e mesmo algunhas que, polas condicións de cambio climático existentes, é previsíbel que comecen a ter o seu hábitat natural en breve espazo de tempo en Galicia. Todas elas magnificamente ilustradas por Calros Silvar a toda cor.

O obxectivo último, e talvez o máis importante, é aumentar o número de naturalistas e amantes da natureza que sumen esforzos para o estudo e conservación destes animais e dos fráxiles e ameazados medios húmidos onde se reproducen.

Visita o blog Luar na fraga

Calros Silvar fala das ilustracións da guía na súa web.

Baía Edicións e Google Play

A aplicación para Android da obra Árbores, da nova colección ‘As 50 especies máis comúns’, tamén publicada en papel, poderá descargarse na tenda  Google Play.

Encontro coa natureza

Este Encontro coa Natureza de Baía Edicións pretende ser un lugar de reunión para os amantes da natureza, sexa cal sexa a súa idade e condición, tamén un espazo aberto ao intercambio de opinións, experiencias, traballos e propostas de cantos desexen participar nel.

A nosa idea é ter un espazo para falarmos de natureza, utilizando unha linguaxe de fácil comprensión e posibilitando a participación de todas aquelas persoas que teñan algo que dicir sobre o medio natural e a necesidade de afondar nunha conciencia crítica colectiva e individual para frear as agresións que sofre e preservalo nas mellores condicións ambientais para xeracións futuras. Tamén para quen traballan no medio urbano e buscan modificar comportamentos adquiridos e que provocan un grave deterioro de vilas e cidades. Asemade, o esforzo, divulgación e propostas alternativas para conseguir a erradicación das situacións de inxustiza contra as persoas, especialmente no chamado Terceiro Mundo e países en vía de desenvolvemento, e a loita pola paz mundial tamén queremos que teñan cabida neste Encontro.

Para facermos avanzar este proxecto contaremos coa colaboración de algunha autora e/ou autor das guías que forman corpo na colección Baía Verde desde o terreo da investigación, da divulgación naturalista e da concienciación ecoloxista, pero é o noso obxectivo, como queda apuntado anteriormente, que o máis axiña posíbel poidamos contar tamén coa participación e compromiso social de todos aqueles que gozades das moitas posibilidades que a natureza nos ofrece e vos indignades ante a súa degradación e/ou destrución.

Neste curruncho verde queremos tratar as cuestións que teñan relación co medio natural desde todas as perspectivas posíbeis. É por iso que vos convocamos, sexades grupos organizados ou persoas a título individual, investigadoras, naturalistas, ecoloxistas, expertas no seu estudo ou simplemente afeccionadas, a que nos acheguedes as vosas experiencias, opinións, propostas, proxectos, convocatorias de actividades, información de observacións, fotos e todo canto consideredes de interese divulgar nun foro como este que vos propoñemos.

Este espazo contará con artigos de colaboradores (estábeis e/ou puntais) sobre temas de actualidade, cuestións que vos preocupen ou opinións sobre temas que teñan á natureza e a súa problemática como eixo central. Faranse recordatorios de conmemoracións-efemérides relacionadas coa natureza e a problemática ambiental. Realizarase unha escolla de prensa con temática ambiental e se incorporarán noticias de observacións de especies no noso país, o decurso das estacións/acontecementos estacionais característicos, lúas e mareas. Tamén se falará do equipamento, técnicas, consellos e trucos sobre xeneralidades e disciplinas diversas (observación, debuxo, fotografía…) e, incluso, consellos medioambientais, como achegar o noso gran de area para acadar un planeta sustentábel e con futuro.

Agardamos que este espazo cumpra todos estes obxectivos e que este Encontro coa Natureza sexa, grazas ás vosas suxestións e achegas, un espazo activo, útil, interesante, e no que teñan cabida para todas e todos os amantes da natureza e defensores do noso planeta. Só co voso apoio será posíbel!

Texto: Baía Edicións