A Coruña celebra o Día das Letras Galegas, dedicado a Carlos Casares

Mañá 17 de maio a Concellería de Culturas, Deporte e Coñecemento da Coruña dará lugar á lectura pública colectiva organizada polo Concello para celebrar o Día das Letras Galegas, dedicado este ano a Carlos Casares, e que terá lugar a partir das 12.00 horas desde o balcón do pazo municipal de María Pita. Este será o acto central das actividades impulsadas desde o Concello para conmemorar esta efeméride, un programa que abrangue máis de 40 accións, que inclúen obradoiros, concertos, palestras, presentacións de libros, concertos, recitais poéticos, contacontos, monólogos ou lecturas dramatizadas, deseñadas en colaboración coas librerías da cidade, e nas que participan Suévia, Azeta, Cascanueces, Formatos, Couceiro, Berbiriana, Xiana, Sisargas, Moito Conto, Alita Cómic, Lume e Fiandón. Onte, o concelleiro de Culturas, Deporte e Coñecemento estivo na librería Xiada participando, desde as 19.00 horas, nun encontro aberto co sector do libro da cidade, dentro desta programación.

Por outra parte, a Casa Museo Casares Quiroga acollerá ademais a exposición Andar cos tempos. Sobre estereotipos sexistas no baile e músicas tradicionais, que se poderá visitar entre os días 16 de maio e 11 de xuño. A proposta estará acompañada dun obradoiro que terá lugar o día 20 de maio na librería Fiandón, Bailar canda os tempos, e no que participarán Carmen Campo e Chus Caramés. Ademais destas actividades, a proposta inclúe a celebración concertos gratuítos, o próximo, o mesmo Día das Letras Galegas, no Campo da Leña, onde se celebrará, desde as 19.00 horas, unha Gran Foliada á que seguirá, ás 21.00 horas, a actuación de Xabier Díaz e Adufeiros do salitre. O sábado 20, a Sala O Túnel -situada no Coliseum– acollerá desde as 21.00 horas un pequeno festival de entrada gratuíta que contará coa participación de Nao, Zenzar e Os tres trebóns.

O martes 23, de 10.30 a 14.30 horas, a biblioteca do Ágora acollerá a entrega de premios do Concurso de micro-relatos do Grupo DADO, que contará coa participación da xestora cultural e cantante Iria Mejuto a través da súa proposta Un paseo pola música negra. Soul e literatura, dentro das actividades organizadas pola rede de bibliotecas municipais polo Día das Letras Galegas. Pola sua banda, o Teatro Rosalía de Castro trasladará o seu Ciclo Principal -que ten lugar os venres e sábados– aos días 16 e 17 de maio, cunha dobre función de O tolleito de Inishmaan, dirixida por Cándido Pazó e que nos últimos premios María Casares do Teatro Galego -cerimonia que tivo o pasado mes de marzo no TRC– recibiu cinco recoñecementos. As entradas están á venda nas canles habituais –praza de Ourense, e www.ticketea.com–.

Fonte: Concello da Coruña