Entradas

Unha aplicación para Android axuda a identificar 255 especies de cogomelos que podemos atopar en Galicia

A riqueza micolóxica dos bosques galegos é innegable, polo que recoñecer todas as especies de cogomelos que hai repartidos pola nosa xeografía resulta imposible, sendo igualmente difícil cargar con libros que axuden a identificar tal manxar durante as campañas de recollida polo monte, de aí que poida resultar de grande utilidade para os afeccionados á recollida de cogomelos a aplicación para dispositivos con Android 2.1 ou superior chamada MicoKey, que pode descargarse de balde a través de Google Play.

Esta ferramenta que recolle a 255 especies máis comúns de Galicia, incluíndo fichas con imaxe e datos de máis de 100 destas especies desenvolveuse grazas ao Grupo de Investigación Micolóxica da Universidade de Vigo, que tras publicar unha guía de cogomelos (Baía Edicións) recollendo as chaves de identificación que empregaron durante preto de 15 anos no Laboratorio de de Botánica da Facultade de Bioloxía. O encargado de traducir este traballo anterior nunha aplicación recaeu en Xan Bellón, que conseguiu fundir informática e micoloxía.

Dende o Laboratorio de Micoloxía tamén están a colaborar co Grupo Micolóxico Galego no desenvolvemento dunha base de datos en liña coas máis de 2.000 especies de cogomelos identificados en Galicia e que de momento non está dispoñible para o público, estando en fase de revisión das súas nomenclaturas.

Máis información sobre os cogomelos na Guía micolóxica dos ecosistemas galegos, de Marisa Castro, Alfredo Justo, Purificación Lorenzo e Ana Soliño e en Cogomelos, as 50 máis comúns, de Marisa Castro, Alfredo Justo e Purificación Lorenzo.

Fonte: Codigocero

Baía Edicións presenta OS COGOMELOS NA COCIÑA E OUTRAS COUSAS en Ferrol

Baía Edicións presenta na Galería Sargadelos de Ferrol (Rúa Rubalcava 30-32, esquina rúa María) o xoves día 27 de setembro, ás 19:30 horas a obra Os cogomelos na cociña e outras cousas, da autoría do escritor, profesor e presidente da Asociación Micolóxica Viriato, Xosé Manuel Fernández Costas (tamén coordinador da obra) e de Pedro Roca, recoñecido cociñeiro de fama internacional e actualmente xerente do Restaurante Pedro Roca en Compostela.

No acto, ademais dos autores, intervirán Francisco Bernabeu, autor dalgunha das receitas propostas na obra e recoñecido micólogo en Ferrolterra, e Belén López Vázquez, directora editorial de Baía Edicións, que se encargarán de facer un achegamento crítico a esta libro que abarca o gastronómico e a divulgación natural.

Breve comentario sobre a obra:

Os cogomelos na cociña e outras cousas é unha singular achega á literatura gastronómica. Atopamos pratos que podemos encadrar na ‘nova cociña’ e outros que adaptan receitas tradicionais, convertendo os cogomelos no ingrediente principal ou no substituto dos produtos empregados habitualmente, tratándose tanto unhas como outras de composicións innovadoras.

Valorando a importancia do coñecemento do que a natureza pon nas nosas mans, a súa utilización para fins gastronómicos e o papel da conservación, a obra está concibida en tres partes:

Na primeira, Na cociña cós cogomelos, preséntase un pequeno mostrario dos cogomelos máis apreciados na cociña e unhas notas sobre conservación e precaucións básicas a ter en conta cando estes se recollen para comer.

Na segunda, Receitas, propóñense diversas preparacións do cociñeiro Pedro Roca, un dos maiores e mellores divulgadores da excelencia dos cogomelos na cociña, e de Paco Bernabeu, Manolo Costas, Quico Fraguela, José Andrés Moure e Andrés Roca.

Na terceira, Da nosa Asociación, faise un repaso das actividades da Asociación Micolóxica Viriato nos seus trinta anos de andaina.

Viriato celebra o trinta aniversario cun libro sobre cogomelos na cociña

Presentación na Feira do libro da Coruña ‘Os cogomelos na cociña e outras cousas’

Baía Edicións presentou na Feira do libro da Coruña Os cogomelos na cociña e outras cousas, de Xosé Manuel Fernández Costas, Pedro Roca e outros, que tivo lugar na Carpa da Feira do Libro (Xardíns de Méndez Núñez) o luns día 6 de agosto, ás 19:00 horas, no que interviron o autor Xosé Manuel Fernández Costas (coordinador), Paco Bernabeu e Belén López Vázquez (Directora Editorial de Baía Edicións).

Os cogomelos na cociña e outras cousas é unha singular achega á literatura gastronómica. Atopamos pratos que podemos encadrar na ‘nova cociña’ e outros que adaptan receitas tradicionais, convertendo os cogomelos habitualmente, tratándose tanto unhas como outras de composicións innovadoras.

Un libro cheo de condimentos!