Unha aplicación para Android axuda a identificar 255 especies de cogomelos que podemos atopar en Galicia
A riqueza micolóxica dos bosques galegos é innegable, polo que recoñecer todas as especies de cogomelos que hai repartidos pola nosa xeografía resulta imposible, sendo igualmente difícil cargar con libros que axuden a identificar tal manxar durante as campañas de recollida polo monte, de aí que poida resultar de grande utilidade para os afeccionados á recollida de cogomelos a aplicación para dispositivos con Android 2.1 ou superior chamada MicoKey, que pode descargarse de balde a través de Google Play.
Esta ferramenta que recolle a 255 especies máis comúns de Galicia, incluíndo fichas con imaxe e datos de máis de 100 destas especies desenvolveuse grazas ao Grupo de Investigación Micolóxica da Universidade de Vigo, que tras publicar unha guía de cogomelos (Baía Edicións) recollendo as chaves de identificación que empregaron durante preto de 15 anos no Laboratorio de de Botánica da Facultade de Bioloxía. O encargado de traducir este traballo anterior nunha aplicación recaeu en Xan Bellón, que conseguiu fundir informática e micoloxía.
Dende o Laboratorio de Micoloxía tamén están a colaborar co Grupo Micolóxico Galego no desenvolvemento dunha base de datos en liña coas máis de 2.000 especies de cogomelos identificados en Galicia e que de momento non está dispoñible para o público, estando en fase de revisión das súas nomenclaturas.
Máis información sobre os cogomelos na Guía micolóxica dos ecosistemas galegos, de Marisa Castro, Alfredo Justo, Purificación Lorenzo e Ana Soliño e en Cogomelos, as 50 máis comúns, de Marisa Castro, Alfredo Justo e Purificación Lorenzo.
Fonte: Codigocero