Entradas

A Mesa chama a “votar en galego” porque “Feijóo non merece ser reelixido”

Que a cidadanía do país teña “todos os argumentos posibles” antes do 21 de outubro sobre a xestión da Xunta do PP en materia lingüística. É o propósito que A Mesa pola Normalización Lingüística se marca coa posta en marcha da campaña Alberto Núñez Feijóo non merece ser reelixido, unha acción coa que, explica o presidente da asociación de defensa do idioma, Carlos Callón, pretenden recompilar “tres anos e medio de retrocesos lingüísticos”.

A difusión “masiva” de carteis, fisicamente e a través das redes sociais, así como posibles actos de rúa son os eixos dunha campaña na que figuran, por exemplo gasto público para trocar libros de texto redactados en galego pola súa versión castelá, a eliminación da lingua propia das materias escolares relacionadas coa ciencia e a tecnoloxía ou a “censura” dun manual escolar “por reproducir o artigo 5.1 do Estatuto de Autonomía, no que se sinala que o galego é a lingua propia” de Galicia.

Os “vellos e malintencionados prexuízos” dalgúns conselleiros, como que “a cultura galega limita” ou que “o galego non pode ser un muro para o futuro”, así como a “maior destrución de libros de texto en galego dende 1936” son outros dos argumentos que levan a que A Mesa conclúa que a xestión de Feijóo converteu o galego na “lingua máis desprotexida do Estado”, proceso no que, ademais, di Callón, a Xunta “tirou máis de catro millóns de euros” para “reducir o galego no ensino”.

Neste contexto, explica Callón, o colectivo que encabeza tratará de centrar todo o seu “esforzo” ata o inicio da campaña electoral en promover unha “reflexión sobre a lingua galega” previa á decisión do voto. “Non nos presentamos ás eleccións”, ilustra, ademais de abondar que o feito de achegar “argumentos” para seleccionar unha ou outra opción política contribúe a que a cidadanía estea “mellor informada” e, por extensión, a “afortalar a democracia”.

Fonte: Praza

O alumnado galego parará mañá as clases para defender o idioma

O alumnado galego parará a actividade este xoves. Aulas baleiras e concentracións en todas as cidades galegas é o que propoñen diversas organizacións de estudantes para mostrar o seu rexeitamento contra as políticas da Xunta no relativo ao idioma. “En tres anos do Goberno de Alberto Núñez Feijóo non se fixo nada positivo pola lingua”, asegura en declaracións a DIOIVO a  responsable de lingua en Mocidade Nacionalista Galega (MNG), María do Mar Lopes González.

Este parón, apoiado pola Mocidade Nacionalista Galega, a Mesa pola Normalización Lingüística, a Liga Estudantil Galega, os Comités e o Sindicato de Estudantes coincide co terceiro aniversario da chegada do presidente Feijóo á Xunta e afectará aos alumnos do segundo ciclo da ESO, aos ciclos formativos e as ensinanzas artísticas. Ademais, as organizacións apuntan que simultaneamente se producirán concentracións en todas as cidades galegas.

“O mal chamado decreto plurilingüe” continua a ser o maior foco de descontento, segundo apuntan desde MNG. “A situación do galego é nefasta”, explica Lopes, pois a aplicación desta medida produciu unha “redución do galego nas aulas” nos dous últimos anos, chegado ao caso de que en moitos colexios, “menos do 20% das horas lectivas son en lingua galega”.

Deste xeito, a organización denuncia que esta norma emprega á lingua inglesa coma “coartada” para suprimir o idioma propio do ensino. Ademais, engaden, “Galiza é actualmente o único territorio do estado español con lingua propia que ten prohibido por lei impartir determinadas materias de ciencias en galego no seu sistema educativo”, sinalan destacando que Matemáticas, Física e Química e Tecnoloxía deben ser impartidas obrigatoriamente en castelán”.

Esta protesta servirá para quentar motores de cara á manifestación que prepara a plataforma Queremos Galego con motivo do Día das Letras, segundo explica María do Mar Lopes, e que espera “recuperar” a mobilización cidadá despois de que o ano pasado non se celebrara por mor das eleccións municipais.

Foto: El País

Fonte: Dioivo