A Mesa chama a “votar en galego” porque “Feijóo non merece ser reelixido”
Que a cidadanía do país teña “todos os argumentos posibles” antes do 21 de outubro sobre a xestión da Xunta do PP en materia lingüística. É o propósito que A Mesa pola Normalización Lingüística se marca coa posta en marcha da campaña Alberto Núñez Feijóo non merece ser reelixido, unha acción coa que, explica o presidente da asociación de defensa do idioma, Carlos Callón, pretenden recompilar “tres anos e medio de retrocesos lingüísticos”.
A difusión “masiva” de carteis, fisicamente e a través das redes sociais, así como posibles actos de rúa son os eixos dunha campaña na que figuran, por exemplo gasto público para trocar libros de texto redactados en galego pola súa versión castelá, a eliminación da lingua propia das materias escolares relacionadas coa ciencia e a tecnoloxía ou a “censura” dun manual escolar “por reproducir o artigo 5.1 do Estatuto de Autonomía, no que se sinala que o galego é a lingua propia” de Galicia.
Os “vellos e malintencionados prexuízos” dalgúns conselleiros, como que “a cultura galega limita” ou que “o galego non pode ser un muro para o futuro”, así como a “maior destrución de libros de texto en galego dende 1936” son outros dos argumentos que levan a que A Mesa conclúa que a xestión de Feijóo converteu o galego na “lingua máis desprotexida do Estado”, proceso no que, ademais, di Callón, a Xunta “tirou máis de catro millóns de euros” para “reducir o galego no ensino”.
Neste contexto, explica Callón, o colectivo que encabeza tratará de centrar todo o seu “esforzo” ata o inicio da campaña electoral en promover unha “reflexión sobre a lingua galega” previa á decisión do voto. “Non nos presentamos ás eleccións”, ilustra, ademais de abondar que o feito de achegar “argumentos” para seleccionar unha ou outra opción política contribúe a que a cidadanía estea “mellor informada” e, por extensión, a “afortalar a democracia”.
Fonte: Praza