Entradas

Celebramos hoxe, 21 de marzo, o Día Mundial da Poesía

A poesía é unha manifestación da diversidade no diálogo, da libre circulación de ideas a través de palabras, creatividade e innovación. A poesía contribúe á diversidade creativa ao cuestionar constantemente o uso de palabras e cousas, e as nosas formas de percibir e interpretar a realidade. Grazas ás súas asociacións e metáforas e á súa gramática singular, a linguaxe poética constitúe, entón, outra faceta posible do diálogo entre culturas.

A decisión de proclamar o 21 de marzo como Día Mundial da Poesía foi aprobada pola UNESCO durante a súa 30ª sesión, celebrada en París en 1999.

Segundo a decisión da UNESCO, o obxectivo principal desta acción é apoiar a diversidade lingüística a través da expresión poética e dar a oportunidade ás linguas ameazadas de ser un vehículo de comunicación artística nas súas respectivas comunidades.

Celebramos hoxe, en Baía Edicións, o Día Mundial da Poesía recordando a nosa colección de BAÍA BRANCA.

Grazas e parabéns ás nosas poetas!!!

Presentación de ‘Cantar de corpos’ na Libraría Biblos de Betanzos

O xoves 9 de agosto ás 20:00 tivo lugar a presentación do libro Cantar de corpos na Libraría Biblos de Betanzos. Carmela González Boo presentará o acto, no que contaremos coa participación do autor, Xabier Correa Corredoira e Belén López Vázquez (Directora de Baía Edicións), ademais de Pocho Taxes (guitarra).

 

Contido do libro:

Coa alusión bíblica do seu título, Correa Corredoira entoa todo un rosario de salmos laicos nos que o eros trata de escorrentar a morte e puxar a brazo partido pola vida.

Son tan tenaces e apaixonados coma a súa pintura: só trasladan a mensaxe das pinceladas ao código escrito. Idénticos e vitais; coherentes. É un mesmo Xabier o que pinta, o que escribe, o que desexa.
E así de híbrido e ardoroso é este Cantar de corpos. Un libro no que o amor se fai pero tamén se come, se preme, se fuma, se soña, se cociña, se zarrapica, se debulla… se respira.

[…] Porque se algo é quen de exorcizar o mal cando ‘sangran as nubes’ é a humidade vivificante de dúas linguas que se beixan; porque se algo é capaz de combater ese grito mudo é a forza centrífuga do máis fondo abrazo. Porque só pode ‘demorar a estrela onde pace o tempo’ o amor.

Do Limiar, de Yolanda Castaño

‘A poesía oculta de Filgueira Valverde’ na A.C. Alexandre Bóveda

O próximo 1 de outubro presentaremos a obra de Xose Ramón Freixeiro, onde amosa os resultados da súa investigación sobre a obra do autor homenaxeado no Día das Letras Galegas e desvela a autoría de 2 poemas en A poesía oculta de Filgueira Valverde.

De seguro dará para o debate, estades todas e todos convidadas; será ás 20:00 h. na Asociación Cultural Alexandre Bóveda. Contaremos coa presenza de Xosé Manuel Sánchez Rei e Xosé Ramón Freixeiro Mato.

Día de Rosalía 2014

Rosalía de Castro é unha fenda.

Unha ferida aberta nas conciencias.

A voz que sempre nos asombra.

 

Querémola viva,

sabémola ceiba.

 

Querémola pola rúa,

nos barrios e nos arrabaldes,

nas aldeas e nas prazas,

nas fachadas brancas dos edificios.

 

Queremos que os seus versos nos invadan,

fender con eles o mutismo das paredes.

Para que a súa voz ilumine os muros.

Alta e clara como murmurio e como berro.

Por iso, convidámosvos a participar en graffitiRosalía.

  • A Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG) comeza xa a preparar un amplo programa de actividades
  • A AELG busca ademais institucionalizar ese Día de Rosalía de Castro como unha xornada de celebración da nosa literatura promovendo entre a cidadanía o agasallo dun libro en galego e unha flor

A AELG promove unha serie de actos organizados por concellos, asociación culturais e a propia AELG para celebrar o Día de Rosalía de Castro o vindeiro 24 de febreiro, no que se conmemora o nacemento da nosa autora. A seguir, os actos xa confirmados, aos que se irán sumando outros.

Máis información

Resina de poliéster en Caderno da crítica

Resina de poliéster, de Correa Corredoira

Baía Edicións, A Coruña, 2013, 112 páxinas, x €

Coñecín a Correa Corredoira nunha longuísima e tediosa espera, hai xa algún anos, para gravar unha intervención naquel programa televisivo de saudoso recordo que foi Libro aberto, no que Manolo Romón mantivo despois unha ocorrente entrevista arredor do libro Pintor en Italia. Non lembro ben quen acompañabamos a Correa dando paseos polos recendentes exteriores de San Marcos, talvez Carlos Quiroga e alguén máis, mais si recordo con precisión a capacidade para a transmisión oral que atesouraba o pintor cando relataba o que facía secretamente en Vilar de Locendres para defender a flora autóctona, algo que aquí non debo contar.

Digo todo isto porque o espírito ecoloxista, a fluidez do discurso oral e mais o concepto da indignación está moi presente neste Resina de poliéster, que é o seu segundo libro de poesía publicado. O seu título remite a un material agresivo co que traballa no seu estudio e que resulta operativo como metáfora do tempo que vivimos. O poemario, non se dixo, aparece prologado por Lino Braxe, quen afirma con acerto que Correa é «un pintor que escribe» e mais «un poeta que pinta». E así é porque o volume transita, en esencia, polos eidos do diálogo entre pintura e escrita e, como se dixo antes, percorrendo ao tempo eses camiños onde é de lei  erguer un brado de indignación polo que se ve e polo que se vive: un berro diante do obsceno e do kitsch, diante da pesadume do tempo e da usura, diante da mentira, a dor ou o abuso.

Quen se aproxime ao libro advertirá como os seus poemas abalan entre algúns de xinea minimalista, brevísimos, case ao xeito de aforismos ou haikus, e outros nos que agroma un devezo narrativo máis evidente. Uns e outros unidos polo que se podería definir como a poética da experiencia pois polos versos circulan lecturas, intervencións artísticas, vivencias…, construíndo unha sorte de cartografía persoal, de orde intelectual e mesmo vital.

Un libro plural, ao meu ver,  que xoga ás veces co  recurso ao visionario e outras apela á realidade desde a que se recollen detalles ou instantes máis ou menos fuxidíos, paisaxes ou instantáneas que recolle a retina e conserva a memoria. Nel non falta tampouco, cando cómpre, o lategazo irónico nin esas preguntas retóricas sen aparente resposta. Hai tamén versos fermosos e perdurables neste libro como o que di  »pinta teas onde a lingua / da luz estrebilla sombras retornadas» ou «Osmo o teu rastro no humus orixinario… / A túa lingua revóame pola cara, Rosalía». Eu recomendo a súa lectura.

Presentación de RESINA DE POLIÉSTER, de Correa Corredoira en Monty4

Monty4 e Baía Edicións presentaron o poemario Resina de poliéster, de Correa Corredoira, en Monty4. Arte contemporáneo (Rúa Montroig, 4 –zona Orillamar–) o xoves día 23 de maio, ás 20:00 horas, en que interviron, ademais do autor, Lino Braxe.

Celebrouse unha lectura dos poemas con música de Miguel Ladrón de Guevara (guitarra) e Ismael Berdei (piano). Un acto cheo de forza, paixón, amor,  poesía, música…

Entrevista a CORREA CORREDOIRA no programa Eirado. Para ver o vídeo clica AQUÍ.

 

Poesía e punk para apoiar os medios en galego

O evento inclúe un recital poético a cargo de Olalla Cociña, Xia Arias, Alicia Fernández e Gonzalo Hermo, seguido dun concerto do grupo punk de Muros Terbutalina.

Todos os beneficios do festival serán destinados a sufragar o mantemento da propia campaña e dos medios en galego, que nos últimos anos sufriron importantes baixas. As entradas saen a só 4 euros (5 o día do concerto) e haberá unha fila cero para os que queiran colaborar aínda máis a 10 euros. O concerto será no Centro Social A Gentalha do Pichel, onde se poden mercar as entradas, ademais de na Reixa, Casa das Crechas e Restaurante Rúa.

No mesmo festival darase conta do proxecto en marcha de cara ao gran evento do 17 de maio, que Vitaminas para o Galego está preparando co gallo do Día das Letras Galegas. A actuación é a primeira iniciativa da segunda fase da campaña, lanzada este inverno. A primeira fase logrou duplicar o obxectivo de recadación inicial, inxectando 6.800 euros grazas a colaboración de case 200 mecenas.

24 medios en galego

A campaña Vitaminas para o Galego está artellada polos medios de comunicación:  Tempos Novos, Galicia Confidencial, RadiofusiónPraza PúblicaNovas da GalizaVal Miñor.info Quepasanacosta. Colaboran ademais Xornal Certo , O Sil.info , Crónica 3 , Radio Nordés , Terra Chá.Xa , Crónicas da Comarca , Surf GZ , Cardenos de Comunicación e Análise ,Lalín e Comarca , Hermes e Atenea , Disquecool , De Luns a Venres , Cabozo.com , Vencello , Cartafol , A nova Peneira , Programa radio Plástico Elástico , Cerne, terra de Melide e Gaceta de Fene,

A iniciativa diríxese a todas as persoas que queren contribuír a que o idioma propio de Galicia adquira un rango social de normalidade. Para logralo, resulta imprescindíbel a existencia dunha pluralidade de medios de comunicación en galego.

Fonte: Galicia Confidencial