Artigos

A USC é a primeira universidade de España en matemáticas

A Universidade de Santiago de Compostela (USC) alcanza a primeira posición en España dos centros académicos en matemáticas e figura nas dez mellores en catro de doce ámbitos científicos, segundo unha clasificación da Universidade de Granada.

“Das 37 disciplinas científicas que se analizan no ranking, en 3 delas a USC logra situarse no top cinco nacional”, segundo un comunicado divulgado polos autores desa clasificación.

Engade que a USC sitúase nunha terceira posición en odontoloxía e cuarta en Farmacia e Toxicoloxía, e en Ciencia Política. Así mesmo, destaca a sexta posición que ocupa na disciplina científica de Bioquímica, Bioloxía Celular e Molecular.

Fonte: Galiciaé

PROLINGUA PROMOVE UNHA HOMENAXE NACIONAL A AGUSTÍN FERNÁNDEZ PAZ

A plataforma cidadá ProLingua quere convidalo á Homenaxe Nacional que se lle renderá ao escritor Agustín Fernández Paz o vindeiro 30 de xuño de 2012 en Vigo. O acto, que será conducido por Rosa Aneiros, terá lugar ás 12:30 horas na Sala Auditorio do Centro Social Novacaixagalicia (Rúa Policarpo Sanz, 26). A seguir haberá un xantar programado para as 15:00 no Restaurante Carrís de Vigo ( Avda. Beiramar, 57).

Moito lle habemos agradecer que nos confirme o antes posible a súa presenza, tanto no referido ao acto de homenaxe como ao xantar posterior. No caso de acudir tamén a este último, informamos que o número de prazas é de 250 que se reservarán por rigorosa orde de recepción, e o prezo pactado para cada comensal de 40 euros. Para calquera dos casos as reservas faranse neste enderezo de correo-e homenaxeagustin@gmail.com

O importe do xantar deberá abonarse a través dun ingreso na conta de Novagalicia Banco número 2080 0220 94 3000030913, facendo constar o nome da persoa que fai a reserva e poñendo no recadro do concepto: Homenaxe a Agustín Fernández Paz. Esta será a única reserva válida e deberase mostrar o comprobante do ingreso para participar no xantar.

Co desexo de velo ese día preto de Agustín, reciba un afectuoso saúdo.

A Cerna de ProLingua

P. S
1. A fin de organizar as cousas o máis ao gusto das persoas que asistan, rogamos a aquelas que vaian vir ao xantar que nos indiquen a súa preferencia por peise ou carne no menú do segundo prato.
Para as persoas que non manifesten a súa preferencia entenderemos que prefiren que se lles sirva o menú de carne.

Tamén lle rogamos, co mesmo fin, que nos indique se prefire un menú vexetariano ou se precisa que se lle sirvan un menú especial para celíacos/as

2. Ao mesmo tempo rogámosvos que difundades a noticia da celebración desta homenaxe entre aquelas persoas que sabedes que lle teñen afecto a Agustin e pensades que puidera non chegarlles este convite.

Fonte: Prolingua

Foto: Agustín Fernández Paz

As universidades de Vigo e Coruña, entre as que máis difunden e apoian o software libre

PortalProgramas vén de desenvolver un estudo no que avalía, en detalle, o nivel de aposta e implantación de software libre nas universidades estatais. Para dar forma a este ranking, segundo o dito portal o primeiro das súas características que se fai en España, analizouse o traballo de 72 institucións educativas superiores en materia de creación e de difusión de programas abertos. A partir dos datos achegados, situouse no primeiro posto á Universidade de Granada, seguida da de Zaragoza e da da Laguna (Tenerife), na terceira posición. Por Comunidades, as Illas Canarias acadaron a meirande puntuación, seguidas de Aragón e Andalucía.

Polo que respecta ás universidades galegas, sinalar que a que máis salienta é a de Vigo (no posto 16), seguida da da Coruña (no 17) e da de Santiago (no 22). Por certo que os autores desta análise emprazan ás dúas primeiras (UVigo e UDC) entre as institucións que máis traballan a prol do código aberto, tal como se ve no mapa que incluímos.

A escolma dos criterios seguidos para desenvolver o estudo foi levada a cabo por unha comisión de expertos do sector, entre os que se atopa o consultor internacional en TICs e software libre, Ramón Ramón, o Centro Nacional de Referencia de aplicación das Tecnoloxías da Información e a Comunicación (CENATIC) ou o Bilib, o Centro de Apoio Tecnolóxico a Emprendedores.

Os obxectivos do estudo en última instancia por visibilizar a necesidade de promover o coñecemento aberto. Así nolo explican dende a web PortalProgramas: “A universidade é fonte de información e un dos principais activos para crear software libre de calidade; amais, fomentar o coñecemento libre permite extraer do mesmo o valor máximo posíbel grazas a que se pode transmitir, compartir e mellorar, e as universidades debe ser as súas promotoras”. Desta necesidade, engade PortalProgramas, xorde precisamente o Ranking de Universidades en Software Libre (RuSL).

Fonte: Codigocero

Parabéns ao pobo galego no 50 aniversario do Día das Letras, desde o Parlamento Europeo

O presidente do Intergrupo de Linguas do Parlamento Europeo, François Alfonsi, congratula a todos os galegos e galegas, e á súa Academia, no 50 aniversario do Día das Letras.

Nunha misiva remitida á Academia desde o Parlamento Europeo, François Alfonsi recoñece o Día das Letras Galegas como o símbolo da nosa identidade, ao mesmo tempo que envía azos para unha pronta e completa normalización da lingua e da cultura galegas. “A diversidade cultural e nacional de Europa forma parte da identidade básica da Europa dos pobos na que moitos cremos”, conclúe a carta de felicitación.

François Alfonsi, de orixe corsa, deputado europeo desde xuño de 2009 e co-presidente do Intergrupo de Minorías Tradicionais, Comunidades Nacionais e Linguas. Trátase dunha agrupación integrada por cincuenta parlamentarios procedentes dos diversos grupos políticos. Desde a súa constitución, este conxunto de deputados dedícase a analizar os problemas que afectan ás nacións sen estado, ás linguas e ás culturas minorizadas e a procurar solucións para os seus problemas culturais, sociais, políticos ou lingüísticos. O intergrupo reúnese unha vez ao mes, coincidindo coa sesión plenaria de Estrasburgo.

Fonte: RealAcademiaGalega

puntoGAL presenta mañá a candidatura dun dominio para a lingua e cultura galegas

Cunha pequena xornada de presentación, a asociación puntoGAL presentará hoxe martes ás 12 horas o “puntoGAL”, a candidatura dun dominio de Internet para a lingua e cultura galegas. No acto, tras a inauguración a cargo de Mar Pereira e Valentín García, explicarase a campaña a cargo de Manuel González, presidente da Asociación Puntogal e membro da RAG. Logo coñeceranse os resultados dun precedente como é o dominio .cat, a cargo de Jordi Iparraguire, director da Fundació puntCAT e haberá un coloquio no que participarán Manuel Bragado, presidente da Asociación de Editores, Manuel Gago, director de culturagalega.org, Víctor López, presidente da Asociación Galega de empresas de Internet e Marcus Fernández, webmaster de Código Cero. A entrada é libre.

· 12:00 Inauguración a cargo da directora da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA), Mar Pereira.
· 12:10 Intervención do secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García.
· 12:20 Presentación a cargo de Manuel González González, presidente da Asociación Puntogal e membro da Real Academia Galega.

Fonte: Culturagalega

As mulleres dirixen en Cans

A tradición manda, especialmente nas aldeas. Iso é o que é Cans, e a moita honra, unha parroquia de O Porriño convertida en capital galega do celuloide por catro días desde que, hai nove anos, conta co seu propio festival de cine. De curtametraxes, aínda que conta cunha extensa programación paralela de estreas, conferencias, música e mesmo visitas escolares. O protagonista é un xénero minoritario e con escaso percorrido nas salas de exhibición, pero que triunfa nos festivais, e que este certame conseguiu revitalizar en Galicia, segundo as cifras que aumentan cada ano, en canto a participantes, público e premios que os seus concursantes cosechan antes ou despois do seu paso pola alfombra vermella que cubre corredoiras e tapiza as entradas para os galpóns que os veciños ceden gustosos para convertilos en salas de proxección.

E, á usanza de Cans, os veciños da pequena cidade de 400 habitantes son as estrelas da apertura oficial do festival. Por iso, onte asistiron a unha reunión coa directora de Tralas Luces, Sandra Sánchez, vestiron de tiro longo o seu Can de Pedra, a escultura que coroa unha rotonda á entrada da aldea, cantaron por primeira vez o seu himno oficial e presentouse aos medios de comunicación o terceiro xurado composto enteiramente por veciños: Francelina Marino, rosquilleira xubilada de 74 anos, Manuel Giráldez, construtor retirado de 71, un matachín de 68 chamado José  Quintas, Concha do Lameiro, traballadora do campo en activo á idade actual de 64 anos e Flora de Merando, a máis nova, 36 anos, que é a transportista no negocio da familia.

A estas cinco persoas lles toca a responsabilidade de decidir un dos premios; o resto é tarefa para un xurado profesional, cos actores Federico Pérez, María Mera, Yolanda Muiños e Edu Soto, os directores Ángel de la Cruz e Marta Piñeiro, e o profesor da Universidade de Santiago Antón Losada, que deberá distinguir entre as 18 curtametraxes a concurso,12 de ficción e 6 de animación. E, se no outro Cannes as directoras levantaron as súas voces para clamar contra a falta de filmes realizados por mulleres, neste Cans non teñen eses problemas, porque este ano, precisamente, hai máis realizadoras que nunca. Son sete, todas galegas nacidas na década dos 80 e con estudios universitarios.

Eva Quintas fixo a súa terceira peza en inglés, Soap Opera, unha historia de amor ambientada nunha lavandaría real de Nova York. É doutora en Publicidade, licenciada en Comunicación Audiovisual e concluíu recentemente un Máster de Belas Artes en Cine na Universidade de Columbia. “As principais dificultades son basicamente económicas, e agora coa supresión das axudas de talento de Agadic, producir curtametraxes en Galicia é practicamente inviábel.” As xemelgas coruñesas Sonia e Miriam Albert Sobrino deixaron a enfermería polo audiovisual, como proxecto fin de carreira en Comunicación Audiovisual crearon unha serie interactiva para Internet, teléfono e televisión, Ignoto, e foron finalistas nos Mestre Mateo con Rural Pretérito (2011), e actualmente cursan un Máster en Produción de Cine na Universidade de Utah. Xuntas asinan O Olláparo, peza que presentan en Cans e que definen como “unha curtametraxe de ficción con toques de cine experimental e realismo máxico.” A experimentación tamén orienta o traballo de Sabela Pernas e a súa curmá Sol Álvarez, licenciadas en Comunicación Audiovisual e Belas Artes, respectivamente, que gravaron cunha cámara de fotos á súa avoa Josefa na súa casa de Vilalba. É retratada nos tres minutos que leva Sefa Sound System. “Cos medios que teño á miña disposición teño a posibilidade de facer o que quero, que é experimentar cos documentais, libre de parámetros, e a curtametraxe é a miña forma de expresión”, indica Pernas.

“Eu si que son das que rodan neste formato, onde podo traballar sen axuda, porque non podo facer unha película”, afirma a coruñesa Iria Ares, directora de La increíble historia de Macareno y la puta milagrosa, unha comedia surrealista e con toques almodovarianos nos que participan os televisivos Daniel Currás e Camila Bossa, de Matalobos, serie na que Ares serviu como auxiliar de dirección. A actriz e realizadora viguesa Sonia Méndez si alcanzou o salto ao cine e está na fase de produción de Máximo. Acaba de gañar un Mestre Mateo por As damas negras e a Cans trae Conversa coa muller morta, onde Bossa volve a coincidir cun compañeiro de reparto na pequena pantalla, Luís Zahera. “Apetéceme facer unha película, pero non quero quitarme nunca o título de curtametraxes.”

Fonte: El País

María Antón, nova xerente do Consorcio de Santiago

O alcalde e presidente do Consorcio de Santiago, Ángel Currás, presentou a María Antón como nova presidenta do organismo no que participan as tres administracións. Currás resaltou as aptitudes de Antón (Mugardos, 1965) para desenvolver os proxectos deseñados nos orzamentos da entidade para o 2012, aprobados recentemente por 11,2 millóns de euros, informa o Consorcio nun comunicado.

Entre outras iniciativas, referiuse á construción, na antiga curtiduría de Pontepedriña de Arriba, do Centro Nacional de Formación en Materia de Rehabilitación, que será «único no territorio español».

Tamén recordou a axuda que vai prestar á Catedral de Santiago, cifrada en preto de 300.000 euros, en apoio do plan de xestión que desenvolve para conseguir a súa autofinanciación.

María Antón foi directora xeral de Turismo da Xunta entre o 2001 e o 2005 e foi responsable da posta en marcha das políticas de promoción e valorización do Camiño de Santiago, recorda o Consorcio no seu escrito.

Fonte: La Voz de Galicia

A representación da muller na creación

As compañeiras de “Xuntanza de escritoras” puxeron sobre a mesa temas coma o rol da muller na educación superior, a ciencia na literatura ou a escritura en galego. Abro con este artigo unha serie de textos sobre a representación da muller na creación (literatura, cinema, artes plásticas) coa idea de que debatamos sobre as dificultades da construción de personaxes femininos.

Non só para os escritores homes é unha ardua tarefa crear personaxes femininos, tamén é compricado para as escritoras. A exclusión da muller do poder, levou a que o imaxinario colectivo sexa masculino. Os grandes mitos, as grandes historias teñen nome de home, polo momento. Ao pensar nun arquetipo da ambición vén a nós, Fausto. Da vinganza, Edmundo Dantès. Da tolemia, o Quixote. E nesta conta podemos pasar horas e horas aparecendo só mulleres como protagonistas de obras sobre a maternidade ou a infidelidade.

Outra traba, sobre todo, cando construímos persoaxes non contemporáneos é a pouca información que hai da historia feminina. Por iso, propoño que fagamos un repaso das mulleres protagonistas da historia, a literatura, o cine ou o imaxinario galego e mundial nomeando os arquetipos femininos que poden axudarnos a crear persoaxes femininos tipo.

Considero que este é un traballo preciso para conseguir unha representación real da muller no pensamento. E non caer no erro de calcar arquetipos masculinos e “feminizalos”, recurso moi usado no cinema. Temos historias, creacións e mitos dabondo ao redor da muller, proba diso é o ensaio Tres mulleres galegas de armas tomar de Guillermina Domínguez e Felicia Estévez.

Texto: Teresa Barberena

O TAC, Carlos Blanco e Abastos 2.0 engaiolan cun ‘serán’ espectacular na CdC

Foi este luns nas dependencias da Cidade da Cultura. Os músicos do Taller Atlántico Contemporáneo acertaron co repertorio e coa iniciativa de misturarse co público e facelo vibrar de preto, pegadiños á xente. O actor Carlos Blanco regalou un intelixente monólogo que tamén foi moi celebrado malia o seu apuro por ter que coller un avión. Estivo sempre coa maleta en primeiro plano. Os restauradores de Abastos 2.0 superaron as expectativas coa tapa que lle ofreceron aos asistentes, e todos xuntos completaron un Serán na Cidade da Cultura que algúns asistentes cualificaron de brillante e moi entretido.

A sesión titulada ‘A Contracorrente’ foi unha festa participativa na que as composicións de Edgard Varèse, Mauricio Kagel, Alfred Schnitke e Michael Daugherty soaron moi ben e que os músicos do TAC aproveitaron para meterse ao público no peto desde os seus propios asentos. A de Daughert, ‘Dead Elvis’, foi talvez a máis celebrada porque incluíu unha performance do propio deus do rock de Tennessee, que protagonizou o fagot Álex Salgueiro, estupendo.

Os ciclos ‘Seráns’ á Cidade da Cultura constitúen unha proposta na que se conxugan a gastronomía, o humor e a música contemporánea e que, despois deste inicio, ofrecerán outros catro concertos:

Presentadores:
Quico Cadaval.
Julián Hernandez
Implicadas no Desenvolvemento
Nicasio Gradaille

Restaurantes:
Pepe Solla
Eirado da Leña
Culler de Pau
Yayo Daporta

Dirección musical:
Diego García Rodríguez

Intérpretes:
Luis Soto, Frauta
David Villa, oboe
Saúl Canosa, clarinete
Álex Salgueiro, fagot
Alfredo Varela, trompa
Ramón Llatser, trompeta
Iago Ríos, trombón
Nicasio Gradaille, piano
J. Vicente Faus, percusións
James Dahlgren, violín
Michal Ryczel, violín
Nazaret Canosa, violín
Nicolay Velikov, violín
Ioana Ciobotaru, viola
Álvaro Marful, violonchelo
Carlos Méndez, contrabaixo
Alfonso Morán, contrabaixo

Solistas invitados:
Álex Salgueiro, fagot
Carmen Gurriarán, soprano
J. Miquel Ramón, barítono
José Antonio Campo. Tenor

Director invitado:
Paul Daniel

Fonte: GaliciaHoxe

Pecha o portal francés 1001 Libraries

Despois dun ano de debate interno os administradores da tenda on line 1001Libraries acordaron pechala. A compañía naceu para axudar aos libreiros independientes a conseguir un sitio na Rede, pero segundo as explicacións dadas por Mathieur Montchalin, presidente da Unión de Librerías Francesas (SLF), debido a problemas técnicos a ó incremento dos custos, o proxecto pecha por non resultar rendible.

A idea era ofrecer un sitio web de “marcablanca” no cal as librerías francesas poideran adaptar a súa presenza en liña. Neste portal electrónico, os clientes poden atopar e comprobar os libros en stock das súas librerías locais e consultar e revisar un catálogo con casi un millón de libros impresos e oitenta mil electrónicos.

O portal ofrece recomendacións feitas polos libreiros, ademais de comunidades que se xeran na contorna da librería. Os libreiros tamén poden soster conversas cos seus lectores.

Fonte: AGE