Artigos

Celebramos o Día da Narración Oral con Paula Carballeira e A Burra Ramona na Libraría Biblos

A Burra Ramona, o último libro publicado de Paula Carballeira  foi o conto elixido por Baía Edicións
para conmemorar este día tan sinalado, coincidente coa entrada da primavera. Paula fíxonos pasar unha boa tarde e animounos a participar, mesmo cantando, pois Paula entende a narración como un acto colectivo.

Xosé Tomás fixo o posible por seguila coas ilustracións, cousa non doada e amosounos como a imaxe pode acomnpañar a palabra de forma armoniosa. Ao final, Tomás animounos a reinterpretar as cores do libro, que levamos para a casa en pequenas láminas para colorear.

Como é habitual neles, a Libraría Biblos estaba perfectamente prepararda para a ocasión, cunha exposición coas láminas do libro.

Grazas desde Baía pola tarde tan estupenda, da que deixamos algunhas imaxes.

De como costume de Chisco e Maribel de mirar paxaros derivou en “andar ás crebas” e deu lugar a este fermoso libro

As Crebas. Outro xeito de andar ao mar (2014), Francisco Fernández Naval e Maribel Longueira. Baía Edicións

Despois deste longo inverno de temporais continuos, a chegada do bo tempo permitiranos descubrir polas praias galegas multitude de obxectos que deitou o mar, auténticas xoias de fascinación e  misterio. Falamos das Crebas (ou quebras) definidas, para quen descoñeza o termo,  así no diccionario da RAG: Restos de naufraxios ou cargas dos barcos que o mar arrastra ata a costa.

Neste libro, Francisco Fernández Naval e Maribel Longueira recollen e harmonizan o material de análise e estudo que foron xestando en diversos foros e proxectos desde que descubriran a palabra crebas das súas veciñas de Sestelos, dando así nome a unha actividade que levaban anos practicando no concello de Carnota. E co descubrimento do termo fixéornse donos das crebas -como dicía  Cunqueiro- e desdencadeuse a marea de estudo, análise e creatividade que deu lugar a algunha proposta científica sorprendente reflectida neste libro, que recomendamos.

Todo neste proxecto é fascinación e descubrimento, pois como alega o autor no prólogo …”que fai alguén dunha provincai interior coma min, tentando explicar e interpretar algo tan oceánico? Cando empecei a descrubir o mundo, cando aprendín o fermosa que pode ser a actividade de observar paxaros, alguén me dixo o importante que era aprender a ver e sempre, sempre, sentir. Quizais todo se reduce a iso, no bosque interior ou no aberto areal.” Fermoso!

Os libreiros propoñen que os contidos dixitais se descarguen nas librarías e se cobren

Os editores cren que debería apostarse por un modelo híbrido no que se combinen os soportes dixitais cos libros de texto. “Non hai ningún sistema educativo no mundo que só use soportes dixitais“, defende o presidente da Asociación de Editores de Galicia, Manuel *Bragado.

Segundo explica, as editoriais traballan xa desde hai tempo en deseñar contidos dixitais, pero advirte que isto “require tempo” e a estas alturas aínda descoñecen os contidos que teñen que desenvolver para o próximo curso tras os cambios introducidos pola nova Lei *Wert.O plan da Xunta para implantar o ensino dixital nas aulas causou sorpresa entre editores e libreiros que mostraron a súa estrañeza polo feito de que a Xunta anuncie que porá en marcha unha plataforma dixital para que os alumnos descárguense gratuitamente o material escolar cando eles aínda descoñecen cales serán os contidos curriculares que a lei Wert obrigará a impartir o próximo curso.

“Nun momento no que temos unha reforma educativa e temos que adaptar os libros de texto e os contidos para 3º e 5º de Primaria que é onde se empeza a aplicar a lei *Wert, cáusame sorpresa que a Xunta anuncie isto”, asegura a presidenta da Federación de Libreiros de Galicia, Pilar Rodríguez.

En canto á implantación de libros electrónicos e a pesar de que isto supón que se venderán menos libros de texto, Rodríguez é consciente de que “os contidos dixitais están aí e non podes ir contra eles”. En todo caso cre que se pode chegar a un acordo para evitar danar ao sector e propón que os contidos dixitais que se usen nos centros descárguense nas librarías e cóbrese por iso, como xa se fai cos libros electrónicos.

Fonte: Faro de Vigo

O dolmen de Leira da Rapada, un monumento megalítico único no sur lucense

Na zona non hai máis estruturas deste tipo que se conserven íntegras

O dolmen da leira da Rapada, localizado polo arqueólogo Iván Álvarez Merayo no municipio do Saviñao, ofrece un carácter practicamente único no sur lucense. En toda a zona non se documentou ata agora ningunha outra estrutura megalítica deste tipo -totalmente exposta e non enterrada- e que conserve a pedra cobertora. O único dolmen desta clase que se coñece é o de Abuíme , tamén no Saviñao, pero neste caso a cuberta da estrutura desapareceu nun momento difícil de determinar.

Para ver outras construcións megalíticas desta tipoloxía e cun estado de conservación parecido é preciso desprazarse bastantes quilómetros cara ao norte, ata a comarca da Terra Chá. Alí atópanse algúns dólmenes -como o de Mouruxosa, en Friol, e o de Mazoi, na Pastoriza– que conservan a súa estrutura orixinal nunha medida similar ao de Leira dá Rapada.

No sur lucense existen outros monumentos megalíticos, pero dunha tipoloxía notablemente diferente, xa que consisten no que se coñece habitualmente como mámoas, é dicir, arcas de pedra total ou parcialmente enterradas. É o caso da necrópole do monte de Santa Mariña, no Incio, un dos conxuntos megalíticos máis importantes de Galicia, que goza desde hai tempo da categoría de ben de interese cultural. Nesta zona localizáronse preto de corenta túmulos. Outras estruturas deste tipo consérvanse en mellor ou peor estado no mesmo municipio do Saviñao -no monte da Morá- e en Quiroga.

A pesar das diferenzas tipológicas, Álvarez Merayo sinala que os dólmenes como o o Leira dá Rapada e as mámoas como as de Santa Mariña pertencen ao mesmo contexto cultural da prehistoria recente, aínda que a súa antigüidade concreta sexa difícil de determinar sen realizar unha escavación sistemática. O mesmo pode dicirse, ao seu xuízo, dos menhires achados en diferentes localidades da zona, como os de Segán -igualmente no Saviñao- e da parroquia soberina de Neiras. Este último foi descuberto tamén por Álvarez Merayo e está depositado desde hai máis dunha década no Museo Provincial de Lugo.

 

Intervención arqueolóxica

Pola súa banda, Gonzalo Meijide, arqueólogo da Dirección Xeral do Patrimonio Cultural, opina que para apreciar correctamente o valor do dolmen de Leira dá Rapada sería preciso realizar unha escavación ou unha cata. «O problema é que nestes tempos non é nada fácil levar a cabo unha intervención arqueolóxica dese tipo», sinala a este respecto.

Fonte: La Voz de Galicia (Francisco Albo)

Comunicado público da Comisión Rectora da Asociación Monte Pindo Parque Natural

A Asociación Monte Pindo Parque Natural, reunida en Comisión Rectora de urxencia hoxe, día 12/09/13, comparece publicamente ante a sociedade galega para trasladar as seguintes reflexións:

  1. Ás 21:36 horas de onte, 11 de setembro de 2013, declarouse un incendio na Cima de Arca que ao cabo duns minutos as autoridades locais e os medios de extinción xa anticipaban que sería imparábel, e as consecuencias catastróficas. En efecto, á hora de emisión deste comunicado, arderon xa 1.600 hectáreas segundo cifras oficiais, o que supón a práctica totalidade do macizo granítico e parte das marismas de Carnota.
  2. Ademais o incendio ameazou durante horas os domicilios e as vidas de moitos dos nosos veciños e veciñas.
  3. O feito de que se prendera nun sitio de dificil acceso, xusto á hora en que deixan de ser efectivos os medios de extinción aéreos, e aproveitando un vento fortísimo de nordés, aclara non so a intencionalidade do incendio senón que se trata dun atentado ecolóxico co obxectivo claro de destruir por completo o Monte Pindo como finalmente aconteceu.
  4. Este atentado e as súas brutais consecuencias non sería posibel unicamente pola intencionalidade dunha ou varias persoas, senón que foi necesario a existencia doutros dous factores fundamentais: a meteoroloxía adversa e a carencia máis absoluta de medidas de prevención, sendo esta última unha causa totalmente subsanábel.
  5. En setembro de 2010, hai agora exactamente 3 anos, xurdía un movemento social para declarar o Monte Pindo coma Parque Natural, pois é a única figura que obriga legalmente a comprometer un investimento real e anual, crear unha rectora coa participación de todos os interesados e incluso un corpo de vixiancia do monte. Os partidarios desta iniciativa aglutináronse en torno á Asociación Monte Pindo Parque Natural, un colectivo nacido para ese fin por vontade de veciños de Carnota sensibilizados coa problemática específica do Monte Pindo, que rapidamente aglutinou no concello, na comarca, en Galiza e en todo o mundo o apoio de centos de entidades sociais de todo tipo, milleiros de persoas a título individual e ducias de científicos, investigadores e profesores universitarios.
  6. Desde o nacemento de dita plataforma a Xunta de Galicia, e nomeadamente a área de goberno responsábel da declaración de Parque Natural, a Dirección Xeral de Conservación da Natureza, dependente da Consellería de Medio Ambiente dirixida por Agustín Hernández Fernández de Rojas, non atendiu en ningún momento esta demanda alegando que o Monte Pindo xa estaba suficientemente protexido baixo a figura de Rede Natura 2000, e incluso que desde as distintas administracións se tiñan destinando ata 360 mil euros nese período 2010-2013 para actuacións no Monte Pindo, dos cales non coñecemos a que se destinou un só euro se é que se gastou. O que é certo é a falta de base e argumentos desta negativa, que primeiro aludía á pouca superficie do espazo a protexer (a pesar de que sería o 5º parque galego en extensión), para logo argumentar que o custe da declaración sería excesivo, etc.
  7. Nos últimos anos a Xunta vén distribuindo anualmente entre 2 e 2,2 millóns de euros a repartir entre os seis parques naturais existentes en Galiza. Cunha ínfima parte destes podería terse creado e activado a pleno rendemento o Parque Natural do Monte Pindo, e calculamos que coas actuacións que poderían terse levado a cabo en todo este tempo serían máis que suficientes para minimizar agora os efectos dun incendio coma este, e evitar uns custos en extinción que consideramos moito maior que o gasto de crear o espazo natural protexido que viñamos solicitando.
  8. Vivimos varios avisos tanto no ano 2012, cun incendio pequeno no entorno do encoro de Santa Uxía, como hai tan só unha semana na zona de Arcos (Mazaricos), en ambos casos a rápida acción dos contraincendios e as mellores condicións meteorolóxicos fixo posíbel detelos antes de que afectara gravemente ao espazo natural do Monte Pindo. Porén, supuxeron 2 avisos importantes do extremo risco existente, e asi llos transmitimos tanto ás Administracións coma á opinión pública. Nada se fixo ao respecto.
  9. No ano 2005 houbo no Monte Pindo un incendio gravísimo que arrasou aproximadamente 550 hectáreas, a terceira parte do que se leva arrasado a esta hora. Pouco despois, sendo lider da oposición no Parlamento de Galicia Alberto Núñez Feijóo (PP) declarou publicamente o seguinte “Canto do queimado se debe aos pirómanos e canto á imprevisión, indolencia e irrespondabilidade do goberno?”. Tamén dixo que “É probábel que as condicións meteorolóxicas sexan peores, e é certo que non é doado apagar o lume, pero en situacións coma esta é na que se mide a eficacia dos gobernos”.

En vista de todo o anterior, entendemos que o gravisimo alcance da catástrofe vivida onte e hoxe no Concello de Carnota tamén ten as súas causas fondamente enraizadas no factor humano, concretadas no desleixo e falta de preocupación dos nosos representantes políticos nas cuestións do seu ámbito de incumbencia, como asumía o propio Feijóo no ano 2006, e que son as que levaron á destrución total do Monte Pindo.
Polo dito, a Asociación Monte Pindo Parque Natural ESIXE:

  • A declaración inmediata do Monte Pindo como Parque Natural.
  • A declaración do Concello de Carnota coma zona catastrófica.
  • A dimisión de Agustín Hernández Fernández de Rojas, conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestructuras, por ser o máximo responsábel da consellería que decide as novas declaracións de parques naturais en Galiza.
  • A dimisión de Rosa Quintana, Conselleira de Medio Rural, por ser a máxima responsábel da consellería da Xunta de Galicia responsábel da xestión de espazos naturais protexidos.

Ademais, a Asociación Monte Pindo Parque Natural COMUNICA:

  • Convocamos un Roteiro reivindicativo de subida ao Monte Pindo o día sábado 28 de setembro de 2013, con saída simultánea ás 11:00 horas desde O Pindo (Carnota), Caldebarcos (Carnota), e o Fieiro (Mazaricos).
  • Chamamos a toda a cidadanía galega e as organizacións sociais a concurrir nunha gran Manifestación Nacional, propoñendo como data o domingo día 6 de outubro de 2013, ás 12:00 horas na Alameda de Santiago de Compostela, con obxecto de esixir un cambio radical na política forestal da Xunta de Galicia e no tratamento das problemáticas dos espazos naturais protexidos.

Agradecemos o esforzo obstinado dos medios contraincendios por minimizar esta catástrofe poñendo incluso en risco as súas vidas para facer todo o posíbel por salvar o espazo natural e os domicilios da nosa veciñanza, e lamentamos todos os danos materiais que esta traxedia ten ocasionado.
Ante a unanimidade dos presentes, asinamos no lugar do Pindo (Carnota) o 12 de setembro de 2013 sendo as 18:00 horas.

Fonte:montepindo.org

Educación manterá a consulta aos pais pese ao fallo do Superior

A Xunta segue vendo o vaso, máis que medio cheo, a piques de desbordar. O Tribunal Superior tomboulle os dous puntos máis polémicos e agresivos coa lingua galega que incluía o seu decreto do plurilingüismo e aínda así, tanto Feijóo como o conselleiro de Educación, Jesús Vázquez, insisten en que a sentenza “reforza e avala a inmensa maioría” da norma que aprobou o PP. O decreto que provocou as maiores manifestacións da historia en defensa da lingua propia de Galicia recibiu antonte un severo golpe por parte dos xuíces, que consideran ilegais os artigos 5.2 e 12.3, e con todo, o Goberno galego xa avanzou que as cousas apenas van cambiar nas aulas da comunidade.

O responsable de Cultura e Educación, para o que onte a oposición e diversos colectivos pediron unha despedida airosa cando Feijóo nomee novo equipo, asegurou nunha visita a un centro de Arteixo que “en absoluto” derogará ou reformará o decreto do galego. En primeiro lugar, porque a consulta aos pais sobre a lingua de escolarización dos seus fillos vaise a poder seguir facendo, aínda que o seu resultado xa non poida ser “vinculante” e teña que ser a consellería a que tome a última decisión.

En segundo lugar, porque a Xunta, tal e como avanzou o conselleiro, expón “presentar un recurso de casación” contra a anulación, por parte do TSXG, do apartado do decreto no que se dá vía libre aos nenos para expresarse en clase no idioma que lles resulte máis cómodo, aínda que a materia se imparta noutra lingua cooficial. No entanto, son xa tres as sentenzas emitidas polo Superior en contra dos apartados 5.2 e 12.3: a correspondente ao recurso presentado pola Mesa de Normalización Lingüística, a primeira en transcender; a relativa á denuncia de CIG-Ensino e a que deu resposta ao colectivo Queremos Galego.

A Xunta repetiu xa varias veces que non decidirá se recorre ata que se coñezan as sentenzas que faltan. Ademais das anteriores, espéranse aínda as contestacións do TSXG á Real Academia Galega, ao Sindicato de Traballadores do Ensino de Galicia (STEG) e, no polo oposto, á asociación Galicia Bilingüe.

A súa presidenta, Gloria Lago, anunciou onte nun comunicado que o seu grupo “xa está traballando no texto do recurso que probablemente haberá que presentar ante o Supremo”, porque polo espírito das sentenzas xa emitidas polo Superior, “Galicia Bilingüe témese o peor”. Lago recorreu o decreto do plurilingüismo porque a Xunta non satisfixo a súa proposta de “habilitar centros” para “separar aos alumnos por razón de lingua”, algo prohibido pola Lei de Normalización Lingüística. Por suposto, a voz de Galicia Bilingüe aproveitou a ocasión para esixir a reforma desta norma fundamental a unha Xunta que debe “deixar ao carón os seus complexos”, porque para iso ten a “maioría absoluta”.

Pola súa banda, o xefe do grupo parlamentario do PSdeG, Pachi Vázquez, definiu as sentenzas do Superior como “un sopro de aire fresco” e pediu que o titular de Educación “non volva ser conselleiro” e “máximo responsable dunha dos acenos de identidade de Galicia”, xa que “pilotou un proceso absolutamente erróneo, traumático, convulso e que fixo dano a todos”.

Na mesma liña, Francisco Jorquera, portavoz do BNG no Parlamento, invitou a Feijóo a “rectificar” cando elixa ao novo conselleiro e defendeu que “o decreto da vergoña”, “agora invalidado nos seus artigos máis conflitivos”, foi un “ataque sen precedentes” á lingua.

Un dos demandantes que xa obtivo resposta, CIG-Ensino, reclamou a “inmediata derogación” do decreto, “pensado e imposto para reducir a presenza do idioma galego nas aulas”. O sindicato recordou que o articulado que aprobou o PP en 2010 foi obxecto, ata, de “un informe negativo do Consello Consultivo da Xunta” e recibiu “o voto negativo do Consello Escolar de Galicia. En consecuencia, a CIG pediu o “inicio dunha negociación para aprobar un decreto que recolla os obxectivos e as propostas do Plan Xeral de Normalización” aprobado por unanimidade na Cámara en 2004.

Carlos Callón, presidente da Mesa, dixo que o decreto “está zombi” e recordou a Feijóo que “a maioría absoluta non fai que as ilegalidades sexan legais nin as mentiras, verdades”. “O eixo do discurso contra o galego na educación está tombado”, concluíu en referencia tanto á Xunta como a Gloria Lago.

Fonte: El País

Ensino en galego en toda Galiza, por tan só 10 euros ao mes…

A Cooperativa Avoescola e Galiza co Galego –asociacións sen ánimo de lucro– seguen a avanzar construíndo os alicerces dun proxecto independente para unha educación galega en mans da cidadanía.

O pasado mes de xullo asinaron coa asociación pedagóxica Nova Escola Galega un convenio de colaboración; e deica finais de ano participan en obradoiros gratuítos sobre cooperativismo e xestión directiva impartidos pola Unión de Cooperativas de Traballo Asociado (UGACOTA), sendo o lugar para anotarse en Cooperativa de Ensino Popular.

En setembro, Galiza co Galego reunirase coa Asociación Socio-Pedagóxica Galega e a Asociación de Escritores en Lingua Galega, para realizar novos acordos e achegar máis recursos de calidade ao ensino galego. Así mesmo elaborará o plan de empresa para “Avoaescola” que lle permitirá dar escola en calquera lugar de Galiza.

Avoaescola – Galiza co Galego prevé entrevistarse cos responsábeis do programa educativo de preescolar na casa, para pórse á disposición da súa fundación, das familias e educadores/as coa finalidade de buscar solucións que permitan o mantemento deste imprescindíbel labor educativo.

Asociarse a Galiza co Galego -Avoescola supón contribuír a garantir escolas en galego, laicas, inclusivas, de calidade, pluralistas e democráticas, por 10 euros ao mes durante o primeiro ano, e unha cota anual de 10 euros a partir do segundo.

As persoas socias poden participar en todas as actividades, e mesmo teñen a posibilidade de ser socio/a traballador/a na cooperativa de ensino “Avoaescola”.

Galiza co Galego

Fonte: Galicia Confidencial

Día das Letras Galegas, 50 anos cultivando a palabra

A Real Academia Galega conmemorou o sábado pola tarde o 50 aniversario do Día das Letras Galegas co cultivo da palabra nunha horta simbólica que daba forma ao legado literario de Galicia.

Ao son de Negra Sombra, Unha noite na eira do trigo e Lenda de Montelongo, os alcaldes das localidades de orixe dos homenaxeados no último medio século o Día das Letras foron rendendo tributo aos creadores.

Mentres, escolares de Padrón, Celanova, Cambados, Rianxo, Mondoñedo e O Courel foron depositando pétalos da casa de Rosalía de Castro; terra da horta de Curros Enríquez; auga do mar do Rianxo de Castelao, Rafeal Dieste e Manuel Antonio; herbas da casa de Novoneyra; arume recollido xunta da casa Pondal e auga da a fonte vella do Mondoñedo de Cunqueiro para dar forma á horta simbólica.

O acto celebrado esta tarde na Coruña foi o punto culminante da programación especial organizada pola Academia para conmemorar o acto aniversario do Día das Letras Galegas.

“Un dos grandes acertos da Real Academia Galega foi a creación do Día das Letras Galegas”, subliñou presidente da entidade, Xosé Luís Méndez Ferrín, durante o seu discurso.

O presidente da RAG reivindicou o labor realizado polos pioneiros da Academia que, coa creación do Día das Letras Galegas, fomentaron o “orgullo de ser galegos” e axudaron a crear a identidade de Galicia como “pobo único” entre as nacións da Terra.

Mendez Ferrín destacou a aceptación que o Día das Letras Galegas tivo sempre na sociedade galega que atopou nel un exemplo da súa identidade como pobo.

O acto estivo presidido polo presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, quen á súa chegada foi apupado por unha decena de traballadoras do servizo de orientación que solicitaban unha reunión co mandatario.

Fonte: Galiciaé

Galicia agrupará na mesma aula a nenos de 6 a 12 anos para aforrar

Galicia retorna ao modelo educativo das escolas rurais: un mestre para todos. E para todo. A partir do próximo curso, os docentes impartirán, en Primaria, clase a 20 alumnos de entre 6 e 12 anos. Desde os que empezan a ler ata os que se preparan para a ESO. Mentres vixía de esguello as manualidades dos máis pequenos, o profesor deberá elevar o ton para captar a atención dos maiores á súa exposición sobre a materia de Coñecemento do Medio, ou a de Matemáticas, que deberá explicar en distintos niveis de complexidade, segundo idades. A Consellería de Educación decidiu –incumprindo o acordo que o mesmo conselleiro asinou cos sindicatos en 2009– recortar por aquí.

A coordinadora de CC OO en Ourense, Ana Barrios, alertou este mércores de que o Goberno de Feijóo intenta “cargarse os servizos públicos e dar prioridade aos privados”. O sindicato decatouse pola publicación dun anuncio da Consellería no DOG sobre supresión de prazas. Na provincia de Ourense desaparecerán 67 aulas de preto de 60 centros. Con elas suprímense 83 profesores funcionarios e preto de 20 interinos. Isto é, un centenar de empregos. O portavoz de Educación de CC OO en Ourense, Álex Portela, alerta do “golpe de morte” que o Gabinete de Jesús Vázquez inflinxiu con este acordo “unilateral” á educación no medio rural, onde cando se matriculan dous alumnos “é unha auténtica festa”.

O “grave atentado” á educación pública será máis notorio nas provincias do interior, Ourense e Lugo. As cifras de cursos que se reagruparán nesta última son similares ás de Ourense, segundo CC OO. A menor dispersión xeográfica da Coruña e Pontevedra pon a salvo a estas dúas. Nas vilas pequenas “é difícil chegar ao cociente de 25 con alumnos da mesma idade ou grupo” polo que “agruparase a alumnado de diferentes idades, grupos e niveis”, explica o representante de CC OO. Só en Ourense, 20 Concellos están tocados de morte cun único profesor para Infantil e un só para Primaria. Outros 24 centros quedarán cun só mestre para os tres cursos de Infantil e dous mestres para os seis de Primaria. Na capital, e fronte ao recente concerto de centros privados, perden unidades cinco centros de Infantil e Primaria. E, xunto a eles, os do Barco, Bande, Rairíz de Veiga, Amoeiro e A Rúa pechan tamén aulas.

Un “retroceso de 40 anos”, en palabras do portavoz de CC OO e un obxectivo claro do Goberno de Feijóo que, apenas recuperada a Xunta, decidiu estender o modelo do reagrupamiento de unidades. En 2009, unha mestra víase a diario con seis alumnos de tres cursos diferentes e dous ciclos educativos distintos. En Galicia había entón 429 escolas con algunha unidade reagrupada. Para estrearse no seu mandato, o conselleiro Jesús Vázquez decidiu estender o modelo que habería de afectar a entre 4.500 e 5.000 nenos.

Cando, en maio dese mesmo ano, Vázquez ordenou agrupar nunha mesma clase ata 20 alumnos de distintos cursos, os sindicatos saltaron. A Xunta resolveu o conflito asinando un acordo con eles que agora incumpre.

Fonte: El País

Foto: Escola con alumnos de distintas edades en Teo. / OSCAR CORRAL

A galega Cilenis lanza as versións para móbil dos seus conxugadores verbais de español e portugués

A firma galega Cilenis, especializada no procesamento da linguaxe natural e a enxeñaría lingüística, atopou definitivamente nas TIC o aliado perfecto para axudarlle á sociedade a falar a nosa lingua con propiedade: conxugando os verbos con corrección e segundo as normas establecidas polos organismos oficiais.

Iso xa foi en novembro do pasado ano, cando a firma nos sorprendeu cun conxugador de verbos en galego para usar comodamente dende o ordenador, que non só permitía conxugar tódalas formas verbais dos verbos existentes na nosa lingua, senón tamén conxugar verbos inventados tales como “twittear” ou mesmo “facebooquear” que aínda non son oficiais (pero que todo se andará).

Porén o gran salto á fama do Conxugalego, que así se chama a ferramenta, chegou co lanzamento da súa aplicación para móbiles a Google Play, deseñada especificamente para usar onde máis falta facía: na rúa.

Agora Cilenis, na súa teima por mellorar a nosa forma de expresarnos en calquera lingua, vén de lanzar á tenda Android dúas curmáns do Conxugalego: un conxugador de español e un conxugador de portugués, que se poden descargar totalmente de balde para usar ámbolos dous idiomas con propiedade e corrección.

As ferramentas, moi intuitivas e doadas de usar, foron desenvolvidas pola empresa GalApps para Cilenis, e xa se poden descargar e instalar en terminais de última xeración con sistema operativo Android, para darlle uso de inmediato sen temor a atopar publicidade.

Conjugador Português e Conjugador Español permiten consultar tanto verbos normativos como calquera outro verbo que se nos ocorra: neoloxismos, tecnicismos, localismos, verbos de xerga ou mesmo inventados, tal como permitía a anterior aplicación en galego.

No caso do conxugador de español, recolle todos os verbos recoñecidos pola Real Academia Española (RAE) e, asemade, os verbos polisémicos que teñen dúas conxugacións diferentes en función do seu significado.

O portugués, pola súa banda, permite conxugar verbos segundo a normativa brasileira ou portuguesa, e en ámbolos dous casos, antes e despois do Acordo Ortográfico.

Segundo afirman os seus desenvolvedores, “as dúas aplicacións son as máis completas, fiables e versátiles do seu ámbito”, ao que engaden que “non teñen competencia no mercado Android, onde só existen outros tres conxugadores para español, todos eles incompletos, con erros lingüísticos e incluso con interfaces noutros idiomas”, afirman.

No tocante ao portugués, indican que só existe un similar, que unicamente permite consultar verbos dunha listaxe predefinida e, polo tanto, limitada. Estamos a falar, por outra banda, dos primeiros conxugadores para móbiles de español e portugués deseñados con software libre, o que lle aporta un importante valor engadido ao usuario.

Fonte: Codigocero